martes, 31 de maio de 2016

Contando en feminino no Centro Sociocultural de Santa Marta de Santiago de Compostela

O Concello de Santiago de Compostela organizou, ao abeiro do proxecto Apego, unha programación para todo o termo municipal a través de Santiago SocioCultural e Locais Socioculturais do Rural de Santiago de Compostela.

Ana Hermida estará no Centro Sociocultural de Santa Marta contando historias para ir concienciando ao público infantil, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

A cita coa igualdade será o sábado 4 de xuño ás 18:00 h. no CSC Santa Marta.

martes, 17 de maio de 2016

Celebramos o Día Internacional contra a Lgtbfobia contando "Sen etiquetas" na Biblioteca Ánxel Casal

Estivemos celebrando este 17 de maio, Día Internacional contra la LGTBfobia (IDAHO), coas nenas e nenos que asistiron á Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, falamos dos distintos tipos de familias existentes, todos eles válidos, xogamos a formar a nosa propia familia, tamén válida, contamos historias de diversos afectos entre seres humanos, todos eles válidos tamén. Varias nenas e nenos contáronme que tamén coñecían familias semellantes ás das historias que lles contei, seguro que medrarán na tolerancia e respecto, polo que debo e quero felicitar ao entorno familiar no que están, ese día na biblioteca a maioría eran pais, parabéns polo seu compromiso e exemplo, grazas tamén á biblioteca que, coma sempre, permite achegar determinadas historias que noutros lugares sería imposible. 

luns, 16 de maio de 2016

O Concello de San Sadurniño celebra o Día das Letras Galegas “Contando en feminino”

O Concello de San Sadurniño inclúe os contos de igualdade na súa programación do Día das Letras Galegas. Nesta ocasión as historias estarán dirixidas ao infantil de 3 a 6 anos. Serán contos contados dende a perspectiva de xénero e igualdade. Historias para ir concienciando á infancia, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

A cita coa igualdade será o mércores 18 na Biblioteca Pública Municipal, ás 12:30 h.

martes, 10 de maio de 2016

Estivemos contando "A historia en Feminino" na Biblioteca de Oseiro

Visibilizar as mulleres borradas da memoria, coñecer a súa historia, os seus logros, a súa vida, achegar a realidade oculta durante séculos… todo eso e máis é o que ofrecemos con “A historia en Feminino”, darlle o seu lugar ás mulleres que houbo ao longo da historia e que aínda hoxe seguen nun ocultismo inxusto. A reacción do público é sempre a mesma, de marabillosa e grata sorpresa ante o que poden ver e escoitar, o que descobren. Nesta ocasión estivemos na biblioteca de Oseiro achegando mulleres marabillosas, como esta da foto que deixamos como mostra dese día.

venres, 6 de maio de 2016

Rimando e Xogando con Rosalía e Manuel María en Arteixo

Estivemos Rimando e Xogando en Arteixo, foi con motivo do II concurso de recitados de poesía “Cantares Gallegos” dirixido á infancia. Ana Hermida foi a encargada de poñer a voz á figura de Manuel María e Rosalía, onde o público adulto e infantil participou cantando e batendo palmas ao son do Cuco e o do Carro, escoitaron os poemas máis reivindicativos do homenaxeado nas Letras Galegas e coñeceron a faceta máis divertida de Rosalía.

Seguidamente as sete nenas e cinco nenos comezaron a recitar a Rosalía, alí estaban co mellor sorriso e os nervos acompañando o camiño. O respecto do público, os aplausos recibidos, os distintos acentos de diferentes culturas nas lecturas… todo foi moi fermoso, tiña que gañar alguén, así o dicían as bases, foi Noelia, unha nena que xa se fixera co premio o ano pasado, en realidade o premio foi para esas doce persoas que con ilusión participaron, todas levaron como agasallo un libro envolto nun gran aplauso, polo moito que nos fixeron disfrutar. Agardamos a edición do próximo ano, seguro que, ao igual que nesta, público e participantes irán medrando, así como tamén o amor á poesía. Din que estou tola por facer o que fago, por ir a contracorrente, por pensar que o público infantil é moi intelixente, por tentar achegar cultura, valores, igualdade... todo son paus nas rodas, pero cando asisten ás actividades relacionadas co público infantil e ven como este responde, penso: mudarán de opinión? Estarei tola pero... “que tolería máis bonita”.

xoves, 5 de maio de 2016

Historias “Sen etiquetas” na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago

Contaremos ás nenas e nenos historias para que aprendan a aceptar, respectar e comprender a identidade de cada persoa e amosar todos os afectos posibles entre os seres humanos, poñer ao seu alcance a diversidade de familias, todas elas válidas. A través dos contos tentamos visibilizar unha realidade e que a infancia medre na tolerancia e respecto. Celebramos así o 17 de maio, Día Internacional contra la LGTBfobia (IDAHO), que ten como obxectivo promover accións de sensibilización en todos os países do mundo desde que hai 26 anos a OMS elimara a homosexualidade feminina e masculina da lista de enfermidades mentais, anque a día de hoxe a transexualidade é aínda parte dos manuais de psiquiatría.

Será o sábado 7 de maio, no salón de actos da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, ás 12:00 h. 



martes, 3 de maio de 2016

"Contando en feminino" pechou en Cangas os actos do Día da Muller

O Concello de Cangas do Morrazo pechou os actos do Día Internacional da Muller Contando en feminino na Biblioteca do Hío, actividade organizada polas Bibliotecas de Cangas. O público adulto participa destas actividades cada día máis, agradezo moito a súa implicación coa igualdade e violencia de xénero, mesmo me preguntan polas lecturas recomendadas para tal fin, eu sempre procuro aconsellarlles desde o meu humilde criterio, daquela penso: hai futuro, a semente xermolará… pouco a pouco e sen facer ruído.

luns, 2 de maio de 2016

"Tecín soia a miña tea" no xornal A Nova Peneira

O xornal galego A Nova Peneira recollía a visita que fixo Ana Hermida ao Concello de Redondela co espectáculo "Tecín soia a miña tea", dramatización de textos para homenaxear á nai das nosas letras, Rosalía de Castro. 

O Concello de Corcubión celebrou o Día Internacional da Muller “Contando en feminino"

Achegámonos á Costa da Morte coas nosas historias de igualdade para o público infantil. O acto estaba organizado pola Concellaría de Servizos Sociais, Muller e Igualdade, xunto coa Concellaría de Cultura do Concello de Corcubión e tivo lugar na Casa da Cultura. Ata alí se achegaron nais, pais, avós, avoas e, por suposto, nenas e nenos que me volveron ofrecer, no debate posterior que sempre fago, os seus comentarios, as súas preguntas e dúbidas, a súa visión da igualdade e violencia de xénero. Tanto nos entretivemos intercambiando opinións que o tempo pasou voando, así entre historias e sorrisos levaron conceptos que espero queden fixados nas súas mentes.