luns, 24 de abril de 2017

Contamos historias “Sen etiquetas” ao alumnado da EEI de Meicende para celebrar o Día do Libro

Contaremos ás nenas e nenos historias para que aprendan a aceptar, respectar e comprender a identidade de cada persoa e amosar todos os afectos posibles entre os seres humanos, poñer ao seu alcance a diversidade de familias, todas elas válidas. A través dos contos tentamos visibilizar unha realidade e que a infancia medre na tolerancia e respecto. Celebramos por adiantado o Día Internacional contra la LGTBfobia (IDAHO), que é o 17 de maio e que ten como obxectivo promover accións de sensibilización en todos os países do mundo desde que a OMS elimara a homosexualidade feminina e masculina da lista de enfermidades mentais, anque a día de hoxe a transexualidade é aínda parte dos manuais de psiquiatría.

O alumnado da Escola de Educación Infantil de Meicende celebrará deste xeito o Día do Libro, na Biblioteca Antón Castro, o xoves 27 de abril ás 10:00 h. e 11:00 h.

A Biblioteca de Oseiro celebra o Día do Libro “Rimando e Xogando” con Manuel María

Ana Hermida volve render homenaxe á poesía galega, desta vez poñendo voz e alma á obra de Manuel María. Comprobo ano tras ano, cando fago este tipo de actividade, que infancia e poesía van xuntas da man, é unha maneira humilde de contribuír ao espallamento da lingua e cultura galega e a poñer en valor ás mulleres e homes poetas de Galicia, tentar que a infancia se achegue con cariño á poesía e fomentar as lecturas de noso.

Neste espectáculo contamos historias en verso, historias de risa, de medo, da natureza, de xogos, da fala, cantares de cego… historias e versos que ás veces tamén son cantados, historias unhas, con actividades para nenas e nenos e outras nas que interactúan coa contadora. Poemas axeitados á súa idade e que entenden perfectamente, pequenos xoguetes poéticos cheos de entretemento e diversión, desta maneira ese público tan especial sentirase atraído polos versos. 

A homenaxe á poesía galega será o luns 24 de abril, na Biblioteca de Oseiro Dora Vázquez, ás 18:50 h. 

O alumnado da EEI Municipal de Arteixo celebra o Día do Libro con “Contos moi naturais”

Contaremos historias enfocadas a por en valor a natureza, a defensa do medio ambiente, contos que falan de contaminación, de incendios, do amor á natureza, aos animais… somos parte da natureza, somos naturais como as árbores, a auga, os paxaros… Xogando e contando defendemos o noso hábitat para así poder respectalo e coidalo debidamente.

Mediante contos tentaremos concienciar no coidado e respecto á natureza e no amor aos libros, ao alumnado da Escola de Educación Infantil Municipal de Arteixo, que celebrará o Día do Libro na Biblioteca Henrique Rabuñal, o martes 25 de abril ás 10:00 h.

“Contadas na súa voz”, Carlos Casares no Día do Libro co alumnado da EEI de Barrionovo, en Pastoriza

Rendemos unha merecida e sentida homenaxe ás mulleres e homes que crearon ás máis fermosas historias de todos os tempos. Repasaremos e sacaremos á luz a súa biografía e reivindicaremos a súa obra. Serán historias contadas, na súa voz e coa nosa palabra, dunha literatura que levan disfrutado lectores dende hai anos, ata converterse nos clásicos de hoxe.

Achegaremos a figura e contaremos contos de Carlos Casares ao alumnado da Escola de Educación Infantil de Barrionovo, que celebrará o Día do Libro na Biblioteca Miguel Sande, o venres 28 de abril ás 10:00 h. e ás 11:00 h.

III Concurso de Recitados Homenaxe a Rosalía de Castro, en Arteixo

Este ano celébrase a terceira edición do concurso de recitados en homenaxe a Rosalía de Castro, que está organizado pola Rede Municipal de Bibliotecas do Concello de Arteixo e que será o broche de ouro a unha serie de actividades coas que conmemoran o mes do libro. Serán 12 participantes, de entre 8 e 12 anos, que levarán un libro de poesía como agasallo e a persoa premiada recibirá un libro electrónico. A encargada de conducir o acto será Ana Hermida, quen ademáis renderá homenaxe ás tres figuras máis representativas do Rexurdimento: Rosalía, Curros e Pondal.

A cita coa poesía será o martes 25, na Sala de Exposicións do Centro Cívico Cultural de Arteixo, ás 18:30 h. e a entrada é libre e gratuíta.