mércores, 21 de marzo de 2018

“Contadas na súa voz”, homenaxe a Helena Villar Janeiro na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela

Rematamos o mes de marzo rendendo unha merecida e sentida homenaxe á Helena Villar Janeiro, pioneira da literatura infantil en galego. A súa numerosa obra está traducida a outras linguas, sendo unha figura destacada da cultura galega, tanto pola súa dedicación á literatura como ao ensino. Repasaremos a súa biografía e faremos, para a infancia, contadas na súa voz.

Será o sábado 31 de marzo, no salón de actos da Biblioteca Pública de Santiago de Compostela, ás 12:00 h.

martes, 20 de marzo de 2018

O Concello de Arteixo celebrou o Día de Rosalía co Certame de Poesía que leva o seu nome

O Día de Rosalía tivo lugar en Arteixo unha homenaxe á nai das nosas letras, o acto central foi o Certame de Poesía “Rosalía de Castro”. Este ano, na súa cuarta edición, foi un éxito de participación e de público e estivo organizado, ao igual que en anos anteriores, pola Concellería de Cultura de Arteixo en colaboración coa Rede Municipal de Bibliotecas. Abriu o acto Ana Hermida, encargada de conducir a gala, dando lectura ao Manifesto da Aelg que este ano redactou María Reimóndez, seguidamente deron comezo os recitados dos poemas creados para a ocasión polas nenas e nenos participantes, alí estaban co mellor sorriso e os nervos acompañando o camiño. O respecto do público, os aplausos recibidos… todo foi moi fermoso.

A continuación Ana Hermida fixo unha homenaxe a Rosalía con “Poesía é nome de muller”, os versos de Helena Villar Janeiro -a quen lle debemos que o Día de Rosalía sexa hoxe o que é- de Xohana Torres, de Filomena Dato… enchían o ambiente mentres o xurado deliberaba. Máis tarde a obra de Rosalía foi obxecto dunha lectura colectiva por parte das doce persoas participantes: Aldara, Aroa, Alejandra, Sara, David, Marcelo, Sofía, Claudia, Alba, Guillermo, Aldara e Adrián.
Tiña que gañar alguén, así o dicían as bases, foi David, alumno do Ceip Ponte dos Brozos, que cantou as fermosuras de Arteixo co seu poema “O meu pobo”, houbo ademáis un premio por cada categoría: Alejandra con “As estacións”, David con “O meu pobo” e Alba con “Chega a noite”, dos cursos 4º, 5º e 6º respectivamente. Anque en realidade o premio foi para esas doce persoas que coa súa ilusión e talento nos agasallaron coa súa obra, todas levaron como premio un diploma e un lote de libros envolto nun gran aplauso polo moito que nos fixeron disfrutar. David, o gañador absoluto, levou a maiores unha tablet. O xurado estaba composto por María Luísa, Graciela, Dores e Alfredo, que compoñen o clube de lectura da Biblioteca Central de Arteixo “Henrique Rabuñal” e a entrega de premios correu a cargo de Alfredo Ferreiro, en representación do clube de lectura, José Luis Alonso Torreiro, director da Rede de Bibliotecas de Arteixo, Patricia Galán Gómez, directora do Ceip Ponte dos Brozos e Ana María Bello Vázquez, Concelleira de Cultura.
Quixera agradecer ao público -que enchía a sala- a súa asistencia, ás nenas e nenos que participaron ese día e ao resto que enviaron os seus traballos para o certame -este ano a participación foi altísima-, ao profesorado dos centros educativos do Concello de Arteixo polo seu apoio ao certame incentivando ao alumnado e por asistir ao acto –estiveron con moita atención e orgullo disfrutando dos recitados do seu alumnado-, á Rede de Bibliotecas de Arteixo pola organización deste acto e por último agradecer a presencia e participación da Concelleira de Cultura, foi a única representante -dos catro grupos políticos que teñen representación no Concello- que asistiu a honrar a Rosalía de Castro e a disfrutar do talento infantil que temos en Arteixo.
Agardo a edición do próximo ano, seguro que ao igual que nesta, público e participantes irán medrando, así como tamén o amor á poesía. Eu fago actividades por Galicia adiante en bibliotecas, colexios, teatros… pero cando estou na miña terra é algo moi especial, nacín e vivo en Arteixo, son arteixá e presumo da miña vila natal aló por onde vou. Eu tamén fun alumna do Ceip Ponte dos Brozos como a maioría das persoas que participaron neste certame, gardo bonitas lembranzas da miña etapa escolar, coñezo o seu alumnado –ao igual que ao doutros centros de ensino- cando asiste aos contos que lles levo ás cinco biblioteca deste concello, dentro da programación de fomento á lectura que organiza a Rede de Bibliotecas de Arteixo. Volvo daquela á miña etapa escolar e lembro as clases, os corredores, as amizades… fágoo coa imaxinación, nunca tiven oportunidade de contar nese espazo onde medrei entre libros, non os sigo nos centros escolares, si nas bibliotecas e sei do seu amor polos libros e tamén que van por un camiño axeitado. Parabéns Arteixo, grazas e ata o vindeiro ano.

mércores, 7 de marzo de 2018

Contamos “A historia en Feminino” en Pazos de Borbén no 8M

A sociedade civil desempeñou desde sempre un papel esencial nos retos aos que se enfrontan as mulleres. Debemos apoiar as voces da sociedade civil de mulleres, precesisamos unha nova xeración de feminismo que poña fin á cultura da pobreza, os malos tratos, a explotación… por motivos de xénero.

Ana Hermida viaxará ata a Comarca de Vigo e fará un achegamento ao público das moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. O público será o alumnado da Eso do Ceip Curros Enríquez, actividade que organiza a Biblioteca de Pazos de Borbén.

A cita será o venres 9 de marzo ás 13:00 h. no Auditorio do Concello de Pazos de Borbén.


venres, 2 de marzo de 2018

Mulleres no espello en Compostela

Estivemos ofrecendo unha ollada a traves da escrita de varios autores sobre a personalidade da muller: o amor, a vinganza, o erotismo, a paixón… Unha exploración sobre a condición feminina e a súa loita continua por existir dunha maneira digna e independente. Orbitamos ao redor da Muller nun enredo convocado para gozar, compartir e sumar. Organizado por Os Catro Gatos en Compostela.

Estivemos en Bergondo na homenaxe a Filomena Dato con "Ningún lazo a suxeita"

Para sacar do esquecemento á escritora xurdiu unha iniciativa de Rubén Aramburu, párroco de Bergondo, a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo e a Asociación Cultural Lisístrata, que teñen previsto organizar diferentes actos, publicacións, etc. para achegar á cidadanía a obra e figura da poeta nacida en Ourense e falecida en Moruxo (Bergondo).

O Concello de Bergondo organizou unha ofrenda floral a Filomena Dato “a poeta das Mariñas”, abriu o acto Rubén Aramburu, que deu paso que a alcaldesa, Alejandra Pérez, a continuación a obra de Filomena Dato "Ningún lazo a suxeita" soaba na voz de Ana Hermida, despois a intervención musical das Gaiteiras de Bergondo, rematando coa ofrenda floral no adro da igrexa de San Vicente de Moruxo, onde están enterrados os seus restos mortais. Tamén estivo presente unha ampla representación da AC Suárez Picallo. 

xoves, 1 de marzo de 2018

O Concello de Pazos de Borbén celebra o Día Internacional da Muller contando “A historia en Feminino”

A Biblioteca de Pazos de Borbén organiza esta actividade onde Ana Hermida fará un achegamento ao mundo infantil das moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. O público será o alumnado de primaria do Ceip Curros Enríquez e as persoas usuarias da Asociación Aspavi, dando exemplo dunha total inclusión.
A cita será o venres 9 de marzo ás 11:00 h. no Auditorio do Concello de Pazos de Borbén.