luns, 26 de outubro de 2020

Nace ReviveBaiuca, se queres colaborar inscribe a túa proposta

Lisístrata Asociación convídate a participar en ReviveBaiuca, un proxecto colaborativo orientado á cidadanía do Lugar da Baiuca preferentemente, no que se poden presentar ideas para darlle pulo a este lugar e reforzar o tecido veciñal.

Calquera persoa pode participar manifestando as súas inquedanzas e aportando ideas sobre como desexaría que fose a Baiuca, non hai límite de idade nin se precisa ter ningún coñecemento, só precisamos a túa colaboración. Non é preciso vivir en Arteixo, pero o proxecto debe desenvolverse na Baiuca, antiga capital do Concello de Arteixo.

Serán espazos onde todos aprenderemos de todas, onde cada idea terá a importancia debida para transformar o noso entorno, ti que botas en falta? que che gustaría mellorar? como o farías.

Algúns exemplos podrían ser: a mellora do noso entorno, crear lugares para desenvolver actividades culturais, recuperar os entornos naturais e urbanos...O feminismo e a ecoloxía formarán parte tranversal deste laboratorio.

Esta iniciativa conta co apoio de Medialab-Prado e o Ministerio de Cultura e Deporte, no contexto da acción de “laboratorios distribuidos”, e coincidirá no seu tempo de realización cun gran número laboratorios cidadáns en organizacións e institucións de España e Latinoamérica.

Inscríbe aquí o teu proxecto do 19 ao 31 de outubro

Bases da Convocatoria 

xoves, 22 de outubro de 2020

Pitusiña celebra o Día da Biblioteca no Concello de Pontecesures

Pitusiña é unha nena arrichada que sinte o galego, pensa, fala e xoga en galego. "Fala ben, así non se di..." Está farta de que sempre lle digan cousas que non entende e decide facer unha viaxe no tempo pola nosa historia onde descubrirá personaxes moi interesantes que lle farán comprender moitos porqués. Unha viaxe á que vos convida, queredes acompañala? Espectáculo de monicreques e actriz.

A cita de Pitusiña co Concello de Pontecesures, pertencente á comarca de Caldas, terá lugar na Biblioteca Municipal do Concello de Pontecesures, será o venres 23 de outubro ás 12:00 h. e está dirxido ao alumnado do CPI de Pontecesures, onde celebraremos o Día da Biblioteca.

luns, 19 de outubro de 2020

Celebramos o Día das Escritoras na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela con "Palabra de Muller"

Celebramos o Día das Escritoras na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, con "Palabra de Muller", recital onde persoas representativas da cultura e sociedade galega prestarán a súa voz á obra das escritoras homenaxeadas este ano no Día das Escritoras, contribuíndo a visibilizar e difundir o seu legado cultural, destacar o valor das súas obras, recordar as dificultades ás que se tiveron que enfrontar e poñer en valor o esforzo cotiá das mulleres.  A actividade está dirixida ao público adulto e coordinada por Ana Hermida, de Lisístrata Asociación en colaboración coa Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal.

Este día é unha iniciativa da Biblioteca Nacional de España (BNE), a Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas e Modernas (CyM).

Leremos textos de Anisia Miranda, Blanca Varela, Sor Juana Inés de la Cruz, Mercé Rodoreda, Enriqueta Otero, Idea Vilariño, Rosalía de Castro, Luísa Villalta, Josefina Carabias, Luz Pozo, Filomena Dato, Concepción Arenal, Ana María Matute, Xohana Torres, Emilia Pardo Bazán, Dulce María Loynaz, Circe Maia, Hildegart Carballeira, Luisa Carnés, Errose Bustintza, Mariví Villaverde, Vitorina Durán, Ida Vitale, Carmen Baroja y Nessi, Gloria Fuertes, Elena Fortún, Pura Vázquez, Concha Méndez, Teresa de Jesús.

Será o luns 19 de outubro ás 19:30 h no salón de actos da Biblioteca, o aforo será limitado e o acto desenvolverase según o protocolo Covid.