mércores, 20 de xaneiro de 2021

A Voz de Galicia faise eco do Premio de Oratoria "Filomena Dato"

Expresamos o noso agradecemento a Xesús Fraga e ao xornal La Voz de Galicia por facerse eco das nosas actividades, entre elas o Premio de Oratoria Filomena Dato, o primeiro que leva o nome da poeta das Mariñas, que tivo o seu acto de entrega o pasado 26 de xullo no Concello de Arteixo.

venres, 1 de xaneiro de 2021

Contamos historias do "Nadal no mundo" na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela

Celebramos o Nadal no mundo na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela nun salón de actos cheo de público, alí compartimos contos, curiosidades e cantamos panxoliñas de todo o mundo, tamén compartimos máscara, non podo entender como alguén pode pedir e/ou contar sen ela, fago un chamamento ás contadoras de historias, cumpride as normas e tede respecto e empatía coas persoas que asisten aos actos, e co persoal que a leva posta durante todo o día, todos os días, por favor, pódese contar con ela, o importante son as historias e o público, as persoas que contamos somos transmisoras, non protagonistas, eu sempre a levo e non pasa nada, escóitase perfectamente, o público infantil segue as historias e reacciona cando e como debe, así o demostra cos seus comentarios e as súas reaccións, os ollos reflicten todo.

Foi marabilloso ver a ilusión nos pequenos ollos inocentes das nenas e nenos que me contaban como viven o Nadal e as súas experiencias na noite de Reis, mesmo unha pequeniña de escasos catro anos contoume que hai moitísimos anos vira a Papá Noel voando no trineo cos renos cando lle ía deixar os regalos na súa casa. Que sorte poder compartir estas experiencias, o certo é que a Biblioteca Ánxel Casal é un espazo tamén máxico, sempre cheo de público infantil e adulto que se implica moitísimo. Moitas grazas ás nenas e nenos, ás nais e pais, ao persoal da Biblioteca que fai posible que todo esto pase, sempre é un pracer estar nesa biblioteca, é como volver á casa, grazas, seguro que os Reis Magos se van portar moi ben con toda esta xente boa.