mércores, 24 de febreiro de 2021

Celebramos o 24 F con "Pitusiña" e Rosalía na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela

Pitusiña é unha nena arrichada que pensa, fala e xoga en galego. Un día, farta de que sempre lle digan cousas que non entende: "Fala ben, así non se di...", decide facer unha viaxe no tempo buscando a Rosalía de Castro para que lle axude. Unha viaxe á que vos convida, queredes acompañala? Espectáculo de monicreques e actriz.

Será o sábado 27 de febreiro no Salón de Actos da Biblioteca Ánxel Casal de Compostela, ás 12:00 h.

mércores, 17 de febreiro de 2021

Celebramos o “Día de Rosalía” no Concello de Arteixo, con “Tecín soia a niña tea”

Ana Hermida fará unha dramatización da obra da Nai das nosas letras con “Tecín soia a miña tea”, poemas, teatro, e algunha canción para honrar a nai da nosa terra no seu aniversario, unha muller interpretando a outra muller, a Rosalía feminista, divertida, defensora da súa terra. Tamén dará lectura ao Manifesto da AELG, que este ano foi redactado por Anna R. Figueiredo. Este acto central terá lugar na Biblioteca do Concello de Arteixo o mércores 24F.

A cita con Rosalía será o 24 de febreiro na Biblioteca Central de Arteixo “Henrique Rabuñal”, ás 18:30 h.

mércores, 10 de febreiro de 2021

"Sabéndote Rosalía", a nena Rosalía de Castro visita Arteixo

Coa inocencia propia da infancia, unha Rosalía aínda nena achegarase a Arteixo o martes 23F para presentar ás nenas arteixás que recitarán ese día a obra da escritora, e onde a propia Rosalía irá debullando a súa vida entre versos, cancións e soños. Quen mellor que Rosalía para facelo? Moito se ten escrito da nosa poeta, pero aínda non está todo dito. É este un achegamento ao mundo infantil da Nai das nosas letras, a Rosalía defensora da muller, da súa terra, unha Rosalía reivindicativa, divertida… Vida e obra contada en primeira persoa ao xeito de teatro infantil.

Será o martes 23 de febreiro na Biblioteca Central de Arteixo “Henrique Rabuñal”, ás 18:30 h.