Rematamos o mes de marzo lembrando a merecida e sentida homenaxe que lle
fixemos a Helena Villar Janeiro na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal.
Helena foi pioneira na literatura infantil en galego, a súa numerosa obra está
traducida a outras linguas, sendo unha figura destacada da cultura galega,
tanto pola súa dedicación á literatura como ao ensino.
Fixemos un repaso pola súa vida e repasamos a súa ampla obra, da que
levamos unha mostra representativa, a continuación contamos algunhas das súas marabillosas
historias que fascinan ao público infantil, tamén cantamos coa súa música e
recitamos os seus poemas, eses xoguetes poéticos que leron todas e cada unha
das persoas que estaban no salón de actos, foi fermoso escoitar a obra de
Helena e Xesús Rábade Paredes recitada polo público adulto e infantil e ver tantas mans erguidas para
ler as notas musicais que escribiu hai anos para nenas e nenos, alí estaban
lendo no pentagrama e entoando.
Cando todo rematou e xa estaba eu recollendo volveu un pai para preguntarme cal
era ese libro de música, polo visto andaba á procura dalgo así, así que llo
deixei, foi ao mostrador da biblioteca e alí atopou esa xoia, veu devolvermo
cun sorriso de satisfacción, atopara para a súa filla xusto o que el quería.
Ningún comentario:
Publicar un comentario