Este ano o Concello de Arteixo declarou o 24 de febreiro “Día de Rosalía”,
con tal motivo o alumnado do Ies Manuel Murguía asistiu durante dous días con dúas
sesións diarias ao espectáculo “Tecín soia a miña tea”, onde Ana Hermida fixo
unha dramatización sobre a obra da poeta, nas que tamén se falou da súa vida,
obra, houbo preguntas, debate, teatro, poesía… actividade organizada pola
Concellería de Cultura en colaboración coas Bibliotecas do Concello. Esta mañá tivo
lugar no Anfiteatro o acto central aberto á cidadanía na que se leu a súa obra
por todas as persoas que libremente por alí se achegaron a homenaxear a Rosalía
no aniversario do seu nacemento.
Abriu o acto Inés Ramos
Álvarez, Concelleira de Servizos Sociais e da Área de Benestar Comunitario, que
fixo alusión ao pleno onde se acordou declarar o 24 de
febreiro Día de Rosalía no noso concello. Seguidamente Ana Hermida leu o Manifesto da AELG, que este ano
redactou Ledicia Costas. A voz de Rosalía comezaba a soar nas voces do pobo,
xente que ía de paseo e achegouse a ler a obra, nenos que participaron do Certame
de Recitados Rosalía de Castro que se celebra cada ano organizado pola
Concellería de Cultura e as Bibliotecas de Arteixo, persoas que viñan da compra
e alí mesmo elixiron o poema para poñerlle voz, outras xa traían o seu libro co
poema preparado, mocidade, infancia, persoas adultas… a poeta do pobo na voz do
pobo.
A representación institucional
estivo nas voces de Inés Ramos e da Concelleira de Cultura
e Festas Ana Bello, en representación do goberno popular do Concello, que tamén leron
poemas pare render homenaxe á escritora, así como a concelleira Susana Lebón, en
representación do partido socialista, que fixo a súa lectura e reflexións sobre
o significado de Rosalía para ela. Alfredo Ferreiro, escritor afincado en
Arteixo, deu lectura ao poema Traición a Rosalía de Castro, creación a partir
doutro de Rosalía, o Airiños, airiños aires.
Pechouse o acto coa homenaxe á estatua de Rosalía en Compostela no
centenario da súa inauguración, lembramos como naceu a idea, como se xuntaron
os cartos, a participación do pobo, a xenerosidade e esforzo de Fraiz, a
contribución do alumnado da época, os discursos, etc. Todo acompañado cunha
exposición de Rosalía, da súa familia, da súa vida, da inauguración da estatua
de Rosalía. Quixen estar arropupada por ela, polo que levei esa exposición da
miña propiedade, como tamén quixen que estivera presente alguén moi importante e
á que lle debemos moito, Helena Villar Janeiro, alí estaba o seu traballo a
modo de libro infantil “Rosalía”, para que todas as nenas e nenos que quixeran,
poideran ler a voz de toda unha experta en Rosalía.
O noso agradecemento a todas as persoas que participaron do acto, tanto na
lectura como ao público que asistiu á homenaxe.
Ningún comentario:
Publicar un comentario