martes, 29 de outubro de 2024

"Contando en feminino" en Rianxo para conmemorar o 25N "Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller"

O Concello de Rianxo, pertencente á Comarca do Barbanza, ten organizada unha ampla programación para conmemorar o 25N que inclúe “Contando en feminino”, actividade dirixida ao público familiar, onde Ana Hermida contará historias para concienciar na igualdade e violencia de xénero.

A cita co feminismo será o venres 15 de novembro ás 19:00 h. na parroquia rianxeira de Isorna, onde naceu e descansan os restos do crego e poeta antifranquista “Faustino Rey Romero” que dá nome ao Centro Sociocultural, coñecido como a Casa da República, onde terá lugar a actividade.


luns, 14 de outubro de 2024

"A Vociferante da Baiuca" na Feira Histórica Arteixo 1900

"A Vociferante da Baiuca" é unha homenaxe ao noso Patrimonio Inmaterial e ás mulleres transmisoras do mesmo, proclamando o dereito á dignidade do idioma, literatura oral e música popular de Galicia. A Vociferante da Baiuca abre os ollos á realidade e divulga no vento, declamados en chamada, aviso e advertencia, os seus pensares e mensaxes que outras calan. Alza o ton para seren oídas as narracións poéticas, poemas mal mirados e aquelas cuestións de contraste, agardando o aplauso da concurrencia e unha dádiva e conivencia. 

Ana Hermida é A Vociferante da Baiuca e estará no seu concello, poñendo en valor a nosa cultura tradicional, na Feira Histórica Arteixo 1900 o sábado 19 de outubro ás 12:00 h. no anfiteatro do paseo fluvial.