martes, 25 de febreiro de 2014

O Concello e o CPI de San Sadurniño lembran a Rosalía no aniversario do seu nacemento

O Día de Rosalía, Ana Hermida estivo en San Sadurniño, foi un día fermoso polo que ten de significado e o público ao que se dirixía. Escolares do CPI foron ese marabilloso público, sorprendido, comunicativo, interesado... Escoitaron atentamente, riron cos poemas de Rosalía, interactuaron con ela, descubriron a faceta feminista e reivindicativa, emocionáronse onde o texto así o indicaba... 

O Día de Rosalía foi unha homenaxe de todas e todos eles, secundaria, primaria e ata infantil. Un dos encontros máis emotivos foi cando as nenas e nenos de tres aniños recitaron a Rosalía a coro, sabían os seus poemas, que fermoso! así se fomenta o amor polo noso. 
Onte o colexio foi "tomado" literalmente polos versos e a figura Rosaliana, no patio, na entrada, nas clases... onde a visita inesperada descolocaba ao alumnado e participaban desta homenaxe e recoñecemento. 

Por suposto, as xentes do concello fixeron posible tal actividade, así como o persoal do centro educativo. Ana Hermida convertida en Rosalía, pedíalle a San Antonio un homiño... e atopouno, para mostra déixovos esta foto.


A información desta homenaxe está na web do Concello, premede no enlace 

ROSALÍA EN SAN SADURNIÑO

Rosalía de Castro no Diario de Ferrol

No Diario de Ferrol, fixéronse eco da visita sorpresa que Ana Hermida fixo ao CPI de San Sadurniño. O alumnado quedou sorprendido ante a visita inesperada, participaron alumnas e alumnos de secundaria, mestres, persoal administrativo, director e xefe de estudos, persoal do concello...

Grazas a todas e todos eles por participar nesta homenaxe a Rosalía de Castro no seu día. 

Rosalía de Castro na AELG

A Asociación de Escritores en Lingua Galega, facíanse eco da visita da nosa particular Rosalía de Castro ao concello de San Sadurniño.

Era esta unha visita e actuación para os escolares do CPI de San Sadurniño, que pretendía ser unha sorpresa para todas e todos eles, como así foi, polo que non se ofrecía moita información.

mércores, 19 de febreiro de 2014

O 24 de febreiro, Rosalía de Castro visitará San Sadurniño

O 24 de febreiro, o concello de San Sadurniño ten preparado unha serie de actos conmemorativos para celebrar o Día de Rosalía. 

Con tal motivo Ana Hermida achega a súa obra "Tecín soia a miña tea", para homenaxear á nai das nosas letras.

Serán dramatizacións de poemas de Rosalía de Castro. Este espectáculo pretende amosar unha Rosalía actual, como os temas que ela trata, tan vixentes hoxe en día. A relación cos homes, a defensa da muller, da súa terra... O desexo e ansias súas polo teatro "eu quería ser actriz e non me deixaron". Unha Rosalía, a veces divertida, outras reivindicativa, dura. Unha muller interpretando a outra muller. Poemas, e algunha canción para honrar a nai da nosa terra.

mércores, 12 de febreiro de 2014

Programación de febreiro na Biblioteca Pública da Coruña, Miguel González Garcés

Así é como se publicita a actividade de contacontos da nosa asociación, na Biblioteca Nodal da Coruña. O sábado 15 é a próxima e os contos xa están preparados para as nenas e nenos que por alí se acheguen.

Desta vez a cita será coa natureza, co medio ambiente. Concienciando coa lectura, cos libros, co marabilloso mundo máxico dos contos.

Os contos e lendas na Biblioteca Nodal da Coruña

O pasado sábado, as nenas e nenos escoitaron historias máxicas e descoñecidas. Cos ollos abertos e prestando moita atención a todo canto Ana Hermida lles contaba, o mundo das historias que ao longo do tempo foron converténdose en lendas, prendeu en todas e cada una das personiñas que na biblioteca estaban, para entender o porqué de algunhas cousas e disfrutar con outras tantas. 

A contadora quedou aínda máis marabillada que ese público tan atento. Os ollos, as caras e os sorrisos que amosaban, eran mostra do que estaban a disfrutar. Grazas a todas e a todos.

Mesmo houbo quen grazas ao poder dunha auga máxica, puido revivir e saír victorioso das aventuras na súa historia.

venres, 7 de febreiro de 2014

Contos moi naturais, na Biblioteca Pública da Coruña, Miguel González Garcés

O vindeiro sábado 15 de febreiro, na Coruña, as nenas e nenos maiores de tres anos terán unha sesión de "Contos moi naturais".

Ana Hermida contará contos enfocados a por en valor a natureza, a defensa do medio ambiente, contos que falan de contaminación, de incendios, do amor á natureza, aos animais… somos parte da natureza, somos naturais coma as árbores, a auga, os paxaros… xogando e contando, defendemos e concienciamos da importancia do noso hábitat e asi respectalo e coidalo debidamente.

Será na sala infantil da Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, ás 12:00 H.