luns, 19 de decembro de 2022

Contaremos historias do "Nadal no mundo" en Pastoriza

Viaxaremos ao redor do mundo para contar historias de diferentes países e culturas e así coñecer os seus costumes, cancións, etc. Haberá contos divertidos, emotivos; coñeceremos curiosidades, as orixes de moitas tradicións e das personaxes propias desta época máxica. É tempo de ilusión, de compartir, de contos e de máscara.

Os contos e a maxia do Nadal agardan por ti o mércores 21 de decembro, na Biblioteca de Pastoriza “Miguel Sande”, ás 18:30 h.

venres, 16 de decembro de 2022

Ana Hermida levará a súa terra arteixá “Un Nadal cheo de contos”

Poremos nos zapatiños de todas as nenas e nenos, contos feitos de maxia e ilusión. Cantaremos panxoliñas e contaremos historias que falan do sentido destas datas e que ás veces son divertidas, outras sorprendentes… contos de árbores de Nadal, de bonecos de neve, de Reis, de cousas imaxinadas e que, seguramente, algún día serán realidade.

A cita cos contos e coa maxia do Nadal será o xoves 15 de decembro, na Biblioteca Central de Arteixo “Henrique Rabuñal”, ás 18:30 h.

martes, 22 de novembro de 2022

"Contando en feminino" en Compostela, dentro da campaña do 25N: En negro contra as violencias

O Concello de Santiago de Compostela para conmemorar o 25N dentro da campaña: En negro contra as violencias, organizou unha ampla programación que inclúe “Contando en feminino” onde Ana Hermida contará historias para concienciar na violencia de xénero.

A cita será o sábado 26 de novembro ás 19:00 h. no CSC do Castiñeiriño “Agustín Bueno”.

domingo, 20 de novembro de 2022

Vilarmaior conmemora o 25N "Contando en feminino"

O Concello de Vilarmaior, na comarca de Betanzos, conmemora o 25N "Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, coa actividade “Contando en Feminino” onde Ana Hermida contará historias desde a perspectiva de xénero e igualdade, para concienciar contra a violencia de xénero e o abuso infantil.

Será o venres 25 de novembro ás 17:00 h. na Casa da Cultura do Concello de Vilarmaior.


xoves, 17 de novembro de 2022

"A historia en Feminino" chega a Pastoriza cun monográfico sobre as mulleres na ciencia

Conmemoramos o 25N, o Día da Eliminación da Violencia contra a Muller con “A historia en Feminino” onde Ana Hermida visibilizará a mulleres no mundo da ciencia. Ao longo da historia as mulleres romperon barreiras e destacaron nun mundo de homes, foron moitos os seus logros na ciencia, tecnoloxía, informática, matemáticas, física, inventos... pero foron inxustamente invisibilizadas. Xa é hora de que se coñezan as súas vidas, os seus logros e crear referentes nas nenas para que se acheguen ao mundo da ciencia. Farémolo mediante historias, actividades e xogos... e algunha sorpresa.

Será na Biblioteca de Pastoriza “Miguel Sande” do Concello de Arteixo, o xoves 24 de novembro ás 18:50 h. 

martes, 15 de novembro de 2022

"Contando en feminino" en Caión para o público máis miúdo no 25N

Ana Hermida viaxará á Costa da Morte para concienciar ao alumnado de Educación Infantil do Ceip de Caión contra a violencia de xénero e o abuso infantil. Actividade organizada pola Anpa Balea para que o alumnado conmemore o 25N "Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller".

Será o mércores 23 de novembro ás 10:00 h. na Biblioteca do centro escolar.


mércores, 9 de novembro de 2022

Caión conmemora o 25N con "A historia en Feminino", a visibilización das mulleres ao longo da historia

Viaxamos á antiga vila baleeira de Caión, pertencente ao Concello da Laracha, na comarca de Bergantiños, para contar "A historia en Feminino”, alí Ana Hermida fará un achegamento ao alumnado das moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, deportistas, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. Actividade organizada pola Anpa Balea para que o alumnado conmemore o 25N "Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a muller".

Porque a invisibilización é un xeito de violencia de xénero, estaremos visibilizando mulleres borradas da historia, na biblioteca do colexio, o mércores 23 de novembro ás 12:30 h.

mércores, 2 de novembro de 2022

"Contando en feminino", contos para concienciar na violencia de xénero no 25N, en Caión

Ana Hermida viaxará á Caión, vila da Costa da Morte pertencente ao Concello da Laracha, para contar historias desde a perspectiva de xénero e igualdade, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario, onde o final pode cambiar e a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Actividade organizada pola Anpa Balea para que o alumnado conmemore o 25N "Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller".

A cita coa igualdade será o mércores 23 de novembro ás 11:00 h. na Biblioteca do Ceip de Caión.


martes, 26 de xullo de 2022

"Contando en feminino", contos de igualdade na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela

En setembro volvemos con novos contos, novas personaxes... para concienciar na violencia de xénero, no feminismo e no abuso infantil. Serán historias contadas desde a perspectiva de xénero e igualdade, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario, onde o final pode cambiar e onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades.

A cita será o sábado 3 de setembro ás 12:00 h. no salón de actos da Biblioteca Pública de Santiago de Compostela.


sábado, 16 de xullo de 2022

"Contando en feminino", contos de igualdade no Concello de Miño

Ana Hermida contará historias desde a perspectiva de xénero e igualdade, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario, onde o final pode cambiar e a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Contos tamén para concienciar e loitar contra o abuso infantil e a violencia de xénero.

Será o sábado 13 de agosto ás 12:30 h. no Parque da Rúa do Concello de Miño, dentro das actividades do Festival FríoNoRostro, que organiza a Asociación Cultural O Submarino.

martes, 31 de maio de 2022

"Facemos as paces?" contos na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela para conmemorar o Día Mundial das Persoas Refuxiadas

Contos para que a infancia medre na paz e non violencia, nos que está presente a resolución de conflitos e o respecto entre as xentes e os pobos do mundo. A través das diferentes historias a infancia coñecerá valores tan importantes como a paz, a solidariedade, a amizade…

Será o sábado 11 de xuño, no salón de actos da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, ás 12:00 h.

martes, 19 de abril de 2022

"Contos moi naturais" en Pastoriza para conmemorar o Día da Terra

Conmemoramos o Día Internacional da Nai Terra contando historias para defender o medio ambiente e loitar contra o cambio climático. Debemos facer as paces coa Natureza, a Terra estanos a pedir que actuemos, polo que Ana Hermida estará contando para o público infantil e concienciando na importancia de coidar e respectar o noso hábitat.

A cita cos contos e o Medio Ambiente será o mércores 27 de abril ás 18:30 h., na Biblioteca de Pastoriza "Miguel Sande".

martes, 12 de abril de 2022

Celebramos o Día do Libro “Tecendo soños” na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela

Celebramos o Día do Libro tecendo soños, levando ilusión ao público infantil coas máxicas historias que se agochan nos libros que espertan a imaxinación e fan que nos sintamos protagonistas das historias. Convídote a soñalas.

Será o 16 de abril, no salón de actos da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, ás 12:00 h. Entrada libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala.

martes, 5 de abril de 2022

Celebramos o Día do Libro “Tecendo soños” en Meicende

Hai libros grandes, pequenos, libros de aventuras, de viaxes, de animais… libros que nos fan vivir situacións e momentos irrepetibles. Os libros espertan a nosa imaxinación e fan que nos sintamos protagonistas da historia. Celebramos o Día do Libro tecendo soños, levando ilusión ao público infantil coas máxicas historias que se agochan nos libros. Convídote a soñalas.

A festa do libro terá lugar nun encontro feliz coa infancia o mércores 06 de abril, na Biblioteca de Meicende “Antón Castro”, ás 18:30 h.

domingo, 20 de marzo de 2022

Conmemoramos o 8M Día Internacional da Muller no Concello de Arteixo contando “A historia en Feminino”

Contaremos "A historia en Feminino" para conmemorar o 8M "Día Internacional da Muller" en Arteixo, alí, na súa terra, Ana Hermida fará un achegamento ao público infantil das moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, deportistas, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. 

Estaremos visibilizando ás mulleres borradas da historia e achegando referentes ao público infantil, o xoves 24 de marzo ás 18:30 h., na Biblioteca Central de Arteixo “Henrique Rabuñal” incluída na Rede de Bibliotecas do Concello de Arteixo.

xoves, 17 de marzo de 2022

“Contadas na súa voz” en Feminino, homenaxe ás escritoras galegas en Oseiro para celebrar o 8M Día Internacional da Muller

Celebramos o 8M Día Internacional da Muller, cunha sentida homenaxe ás escritoras galegas que crearon as máis fermosas historias infantís de todos os tempos. Repasaremos a biografía de Dora Vázquez, Helena Villar Janeiro e María Victoria Moreno e gozaremos dos seus poemas e contos marabillosos. Serán historias contadas na súa voz e coa palabra de Ana Hermida.

Coas nosas escritoras galegas celebramos tamén o Día da Narración Oral, o Día da Poesía e o Día do Teatro. Achégate a Oseiro, escoita as historias, poemas, cancións, teatro... e coñece máis polo miúdo á escritora “Dora Vázquez” que lle dá nome á Biblioteca desta parroquia.  Será o luns 21 de marzo ás 18:30 h. 

venres, 25 de febreiro de 2022

"Ningún lazo a suxeita" homenaxe a Filomena Dato en Arteixo, no seu cabodano

Rendemos homenaxe no Concello de Arteixo a Filomena Dato no seu 96 cabodano con “Ningún lazo a suxeita”, unha dramatización da obra da autora máis premiada do século XIX, que fará a actriz arteixá Ana Hermida. Seguimos así coa teima que temos desde hai moitos anos de visibilizar mulleres, honrando debidamente ás que a historia non lles fixo xustiza.

Será o sábado 26 no Centro Cívico Cultural de Arteixo, ás 12:00 h. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforamento.

xoves, 24 de febreiro de 2022

O Concello de Cerceda conmemora o Día de Rosalía con "Tecín soia a miña tea"

Ana Hermida viaxará á Comarca de Ordes, onde fará unha dramatización da obra da Nai das nosas letras con “Tecín soia a miña tea”, poemas, teatro, e algunha canción para honrar a nai da nosa terra no seu aniversario, unha muller interpretando a outra muller, a Rosalía feminista, divertida, defensora da súa terra. 

A cita Rosaliana será o sábado 26 de febreiro ás 18:00 h. no Auditorio do Concello de Cerceda.

mércores, 23 de febreiro de 2022

VIII Concurso de Poesía Homenaxe a Rosalía de Castro, en Arteixo

Este ano celébrase a oitava edición do concurso de poesía en homenaxe a Rosalía de Castro, está organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Arteixo a través da Rede Municipal de Bibliotecas. Será o broche de ouro a unha serie de actividades coas que conmemoran o nacemento da escritora padronesa. Haberá 12 nenas e nenos que recitarán a súa propia obra, de entre 8 e 12 anos, que levarán un agasallo pola súa partipación, outro por cada unha das tres categorías e a persoa gañadora recibirá o premio final. Ana Hermida dará lectura ao Manifesto da Aelg, redactado este ano por Beatriz Maceda Abeleira e mentres delibera o xurado composto polo Clube de Lectura da Biblioteca Central de Arteixo “Henrique Rabuñal”. Haberá homenaxe a Filomena Dato no seu 96 cabodano con “Ningún lazo a suxeita, unha dramatización da actriz Ana Hermida dos textos da autora máis premiada do século XIX. 

Será o sábado 26, na Sala de Exposicións do Centro Cívico Cultural de Arteixo, ás 11:30 h. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforamento.

martes, 22 de febreiro de 2022

Acto central do Día de Rosalía no Concello de Arteixo

Despois dunha semana de actividades dirixidas ao público escolar, o Concello de Arteixo celebra o Día de Rosalía cun acto central aberto á cidadanía, organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Arteixo a través da Rede Municipal de Bibliotecas. Ana Hermida dará lectura ao Manifesto da AELG, que este ano foi redactado por Beatriz Maceda Abeleira. A continuación terá lugar o concurso de poesía homenaxe a Rosalía de Castro, onde participa o alumnado dos centros de primaria do concello arteixán, unha vez recitados os seus poemas e mentres delibera o xurado, Ana Hermida fará unha homenaxe a Filomena Dato con “Ningún lazo a suxeita, unha dramatización dos textos da autora ourensá, no seu 96 cabodano. 

Convidamos á toda a cidadanía de Arteixo a que participe desta gran festa Rosaliana, será o sábado 26, na Sala de Exposicións do Centro Cívico Cultural de Arteixo, ás 11:30 h. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforamento.

venres, 18 de febreiro de 2022

O alumnado do Ies Manuel Murguía de Arteixo, achégase á figura de Rosalía con "Tecín soia a miña tea

Rosalía de Castro, na voz de Ana Hermida, estará co alumnado do Ies Manuel Murguía para facer un repaso pola súa biografía e pola súa obra, haberá representación teatral, dramatización da obra Rosaliana e participación do alumnado, que terá ocasión de poñer voz á nosa Poeta nacional, tamén daremos lectura ao Manifesto da Aelg redactado este ano por Beatriz Maceda Abeleira. A actividade está organizada pola Concellería de Cultura a través da Rede de Bibliotecas do Concello de Arteixo.

Serán dous días de encontro, 24 e 25 de febreiro, cunha Rosalía loitadora, feminista, comprometida e dona dunha obra de inmensa valía. A cita terá lugar na Biblioteca Central de Arteixo “Henrique Rabuñal” ás 11:30 h.

luns, 14 de febreiro de 2022

“Contos e lendas populares” na Biblioteca do Froxel para celebrar o Día da Lingua Materna

Celebramos o Día da lingua materna con historias tradicionais e populares que fagan coñecer e entender moitas cousas á infancia. Os porqués, os encantos, historias de trasnos, de feitizos, de temas históricos e de cabaleiros, lendas tradicionais e cancións populares para a infancia. 

Será o martes 22 na Biblioteca do Froxel "Francisco A. Vidal", ás 18:30 h.