domingo, 23 de outubro de 2016

"E logo por que?" na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela

Contaremos historias máxicas que nos levarán por universos soñados e construídos á medida dunha fantasía propia da infancia. Visitaremos o mundo irreal dos contos e achegaremos a sabedoría irónica das palabras e argumentación absurda que fará as delicias de nenas e nenos, para dar resposta á curiosidade propia do público infantil mediante unha marabillosa enciclopedia inexistente.

Será o sábado 29 de outubro, no salón de actos da Biblioteca Pública de Santiago de Compostela, ás 12:00 h.

“Non che teño medo”, contos para a infancia en Fene

O conflito entre o ben e o mal está sempre presente nos contos de terror infantís e axuda a expresar as súas emocións e vencer os seus propios medos, contribuíndo a prepararse para a vida. Contaremos historias tenras, divertidas e duns medos moi particulares para que, mediante o entretemento, a infancia se enfronte aos temores e monstros que habitan os seus soños.

A cita será o venres 28 de outubro, na B.P.M Xosé María Pérez Pallaré do Concello de Fene, ás 18:00 h.

II Concurso de recitados “Cantares Gallegos” en Arteixo

Este ano foi a segunda edición do concurso de recitados “Cantares Gallegos” dirixido á infancia. Ana Hermida foi a encargada de presentar o acto e facer unha dramatización poética, onde amosou a Rosalía máis divertida e a faceta máis combativa de Manuel María. A Nai das nosas letras estivo moi presente nesa tarde, onde concursantes de diferentes nacionalidades recitaron os seus versos e onde eu quixen amosar o meu cariño á poeta no vestir e en pequenos detalles que me acompañaron durante todo o acto e que podedes apreciar na foto.

A Historia en Feminino na axenda do Concello de Arteixo

O Concello de Arteixo recolleu na súa axenda a nosa actividade, "A historia en Feminino", proposta elixida polas bibliotecas do Concello con motivo 25N para concienciar na igualdade e violencia de xénero ao público infantil.

A Historia en Feminino en Ferrol360

O auditorio do Concello de San Sadurniño foi o escenario onde Ana Hermida contou “A historia en Feminino” para concienciar na igualdade e violencia de xénero ao alumnado do CPI de San Sadurniño, con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de contra a Muller. Así o recolle o xornal galego Ferrol360.

“Cóntame outra vez” na Biblioteca Central de Arteixo

Levamos os contos de sempre á Biblioteca Central de Arteixo, o público infantil recibiuinos como algo novo ao mesmo tempo que o público adulto relembraba a súa nenez, os contos clásicos seguen vixentes porque o tempo os puxo no seu lugar. Mentres ía contando observaba a resposta das nenas e nenos, sempre me queda a dúbida se están aí por obriga ou porque lles gustan as historias, días despois vin unha desas nenas pola rúa, recoñeceume e da man da súa nai comezou a contarme as historias que máis lle gustaron. Que gratificante é o oficio de dicir!

sábado, 22 de outubro de 2016

"Todo o mundo é noso" contos de diversidade e inclusión en Santiago

A Biblioteca Anxel Casal de Santiago acolleu unha sesión de contos sobre a diversidade e inclusión plena. O público infantil ten moi claro que todas as persoas somos únicas e diferentes, niso ten moito que ver o exemplo familiar, tal e como puiden comprobar co público adulto que acompañaba ás nenas e nenos nese día. Os contos son un medio ideal para derrubar estereotipos, en primeira persoa comprobo día tras día como as súas manciñas disfrutan coa lectura e coas ilustracións dos contos que recollen co seu carnet, resultado da marabillosa campaña da biblioteca e das persoas que alí coidan da cultura.

Estivemos Fabulando na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago

Ao público infantil resultánlle moi atractivas, están cheas de historias que resisten o paso do tempo, están en todas as culturas e son sempre ben recibidas por nenas e nenos. Na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago as historias fabulosas volveron cumprir o seu obxectivo xa que a imaxinación voaba mentres recibían unhas pautas, case sen darse conta, para así poder lembrar o que fixo o león, aquel elefante, a nena valente... ante unha situación semellante e así poder trasladalo ao seu pequeno mundo dun xeito insconsciente.

Estivemos "Artellando historias" na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago

Achegar o mundo da arte ao público infantil é moi satisfactorio, a súa curiosidade, o asombro que amosan os seus ollos, as bocas abertas ante o que contemplan, as historias que agochan… Convertemos o Salón de Actos da Biblioteca Anxel casal nun museo á súa medida, colocábanse diante das obras e facían a súa propia intepretación das mesmas, ler o nome e a súa autoría. Galicia tamén estivo presente coas marabillosas obras das nosas mulleres e homes artistas. Pintura, música, escultura… mulleres e homes de todo o mundo que nos regalaron a súa obra para o disfrute ao longo da historia. Sen a colaboración e o compromiso das persoas responsables da Biblioteca sería impensable este tipo de actividade, grazas.

Asaltamos o Castelo de Vimianzo con contos, mitos e lendas

Nesta XXI edición do Asalto ao Castelo do Concello de Vimianzo estivo presente a nosa historia, os contos de noso e unha mitoloxía propia que Ana Hermida achegou ao público infantil. Foi antes de as nenas e nenos fixeran o seu propio Asaltiño para lembrar as Revoltas Irmandiñas, a organización mudou as armas crueis por auga e os berros de guerra por risas e diversión. Toda unha vila implicada activamente na festa, froito do esforzo de moitas persoas anónimas e do propio Concello, converténdose nunha cita ineludible do verán. O noso recoñecemento para todas elas, que personalizamos en Juliño que, despois de horas e horas de traballo, sempre nos atendeu cun amable sorriso.