luns, 18 de decembro de 2017

A historia en Feminino, as nosas grandes mulleres galegas

Estiven contando na Biblioteca de Barrionovo, en Pastoriza, a historia de grandes mulleres galegas. Non podía faltar Rosalía de Castro e outra gran muller, Helena Villar Janeiro, a valedora da padronesa universal e que tanto fixo pola figura de Rosalía. Mirade que imaxe tan fermosa!

domingo, 17 de decembro de 2017

Roteiro pola Fraga do Barragán en Pazos de Borbén

Hai unhas semanas estiven contando historias na Senda da Fraga do Barragán, no Concello de Pazos de Borbén, un día que quedará fixado para sempre na miña memoria. As sensacións alí vividas non se poden expresar con palabras. Estiven procurando unha foto que describa esa sensación e penso que esta é a axeitada, o que pretende amosar é a grandeza das persoas coas que compartín espazo, a fortaleza e a vontade dunhas e a xenerosidade e entrega doutras, todas me fixeron sentir tan pequena, sendo elas tan grandes, a miña admiración, rendición e unha tenrura infinita queda plasmada nesta instantánea realizada por José Manuel Soto Virulegio. 

Actividade organizada pola Biblioteca Pública Municipal de Pazos de Borbén - BiblioPazos, dirixida ao alumnado da Eso do Cpi Curros Enríquez e da Asociación Aspavi.

luns, 4 de decembro de 2017

“Sabéndote, Rosalía”, na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela

Coa inocencia propia da infancia, unha Rosalía aínda nena, irá debullando a súa vida entre versos, cancións e soños. Quen mellor que Rosalía para facelo? Moito se ten escrito da nosa poeta, pero aínda non está todo dito. É este un achegamento ao mundo infantil da Nai das nosas letras, a Rosalía defensora da muller, da súa terra, unha Rosalía reivindicativa, divertida…

A cita cos contos será o sábado 9 de decembro, no salón de actos da Biblioteca Pública de Santiago de Compostela, ás 12:00 h. e a entrada é libre e gratuíta ata completar aforamento.