domingo, 24 de maio de 2015

Contando en feminino, contos para a igualdade na Ribeira Sacra para celebrar o Día das Letras Galegas

A viaxe ata a Ribeira Sacra, para contar ao público infantil historias de igualdade e violencia de xénero, foi algo fermosísimo. Unha viaxe que fixen escoitando poetas da nosa Terra musicados e interpretados por A Quenlla. As árbores semellaban saudarme movendo as follas, as mimosas sorrían con Rosalía, os ríos cantaban con Díaz Castro… cada quilómetro era máis fermoso que o anterior.

Ao chegar e contar para o público infantil volvín disfrutar da súa inocencia e do idioma noso, o galego, que aínda conservan na súa integridade e que non é o común aló por onde vou. Natureza, lingua e a historia en pedra de Chantada, fixeron que ese día quedase gravado como algo moi especial.

A Biblioteca de Meicende acolleu unha sesión de Contos e lendas populares

As historias eran recollidas con moita atención por todas as nenas e nenos e chegado o momento das cancións converteuse nun momento especial. Quen quixo e animado polo resto das persoas, cantou os temas que de xeración a xeración foron chegando ata hoxe.

Foi aí cando un neno foi feliz no seu momento de protagonismo, animado por min e dun xeito diferente el tamén cantou, recibindo un grande aplauso. Ao remate collino e ao seu carón volveu repetir esa actuación que hoxe recordo, como tamén ese bico que aínda hoxe me emociona. Que pouco custa facer feliz a persoas tan marabillosas e especiais, como marabillosa é a coidadora que o acompañaba. 

Contando en feminino na Biblioteca Pública Municipal de Chantada no blog de Ler conta moito

O blog de Ler conta moito, da Consellería de Educación e Cultura da Xunta de Galicia, faise eco da visita que realizou Ana Hermida á Biblioteca Pública de Chantada onde estivo "Contando en feminino".

Deixamos enlace da actividade ANA HERMIDA DA ASOCIACIÓN CULTURAL LISÍSTRATA

xoves, 21 de maio de 2015

Mitoloxía para xente miúda na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal

O vindeiro mes de xuño estaremos na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal contando historias de aventuras sobrehumanas de heroes lendarios, de deuses que dominaban a terra, contos cheos de fantasía. Mitos fantásticos de todo o mundo que chegaron ata os nosos días para que o público infantil medre coa fantasía dese mundo máxico que serviu aos nosos antigos para buscar explicacións ao descoñecido.

Será no Salón de Actos da Biblioteca, o sábado 6 de xuño ás 12:00 h.

xoves, 14 de maio de 2015

Chantada celebra o Día das Letras Galegas "Contando en feminino"

Achegaremos ao público infantil contos contados dende a perspectiva de xénero e igualdade. Contos e historias para ir concienciando ao público infantil, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

Será na Biblioteca Pública Municipal de Chantada "Xoán de Requeixo”, o sábado 16 ás 12:00 h.

mércores, 13 de maio de 2015

Estivemos contando Polo mundo adiante na Feira do Libro de Santiago

O sábado estivemos achegando historias, xogos, cancións, culturas… de diversas partes do mundo na Alameda de Compostela, actividade organizada polas Feiras do Libro en colaboración coa Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal.

Fomentar o coñecemento e o respecto por outras culturas entre o público infantil cos contos, mentres xogan coa xeografía e disfrutan cantando e xogando, é o obxectivo da actividade. Á súa curta idade contáronme todo o que sabían dos países e moitas cousas máis. Rematamos con xogos doutro continente, foi precioso ver a implicación dos adultos xogando no chan coas nenas e nenos.

luns, 11 de maio de 2015

Así foron os Contos e lendas populares na Biblioteca Ánxel Casal

Contos, lendas, historias de monstros, de animais... as historias dos pobos son ricas en sabedoría e perduran ao longo do tempo coa mesma frescura. Nenas e nenos seguen a sorprenderse ante as mesmas cousas que hai centos de anos. 

O mesmo ocorre coas cancións populares, así pasou na Biblioteca Ánxel Casal, unha nena cantou unha canción popular catalá, outra temas galegos populares mentres bailaba, María achegouse moi tímida e en voz baixa dixo que sabía unha popular pero non era galega, díxenlle que as cancións son universais, collina da man, dinlle unha aperta e comezou... un anxo comezou a cantar un tema popular sueco, emocionou a todo o público. A maxia da cultura popular fixo dese momento algo único e precioso.

Celebramos o Día do Libro Contando en feminino na Biblioteca de Lugo

A Biblioteca Municipal de Lugo organizou unha serie de actividades para celebrar o mes do libro, entre a que estaba Contando en feminino, para tentar concienciar mediante historias, diversión e reflexión, na igualdade e a non violencia de xénero.

A biblioteca, enclavada dentro do Parque da Milagrosa, encheuse de público infantil que, acompañado de adultos, participaron da actividade. É fermoso ver como a infancia atopa as respostas correctas e tamén como pais e nais amosan sempre moito interese ao remate da actividade, preguntan, piden consello sobre lecturas... fermoso. Deixo foto doutro día, para que comprobedes a sorte que teño de poder disfrutar desas caras inocentes día tras día.

venres, 8 de maio de 2015

A Feira do Libro de Santiago programa a nosa actividade "Polo mundo adiante"

Dende tempos moi remotos se teñen contado historias en todos os países do mundo. Viaxamos polos cinco continentes para contar historias de fadas, da natureza, de seres mariños, de adiviñas, de misterio, de risa… Contos, cancións e xogos populares que servirán para coñecer mellor a cultura e os costumes de cada país.

Estaremos na Feira do Libro de Santiago de Compostela contando historias que fomos recompilando polo mundo adiante, será no Paseo Central da Alameda o sábado 9 ás 18:00 h.

Contos e lendas populares na Biblioteca de Meicende

Espectáculo para a rapazada, baseado en contos, lendas... historias tradicionais e populares que fagan coñecer e entender moitas cousas a nenas e nenos. Os porqués, os encantos, historias de trasnos, de feitizos... tamén de temas históricos e de cabaleiros. Historias e lendas tradicionais con cancións populares para o público infantil.

Será o venres 8 na Biblioteca de Meicende "Antón Castro", ás 18:50 h.

xoves, 7 de maio de 2015

Celebramos o Día do Libro no Porriño "Contando en feminino"

Con motivo da celebración do Día do Libro, estivemos Contando en feminino na Biblioteca Municipal do Porriño para as nenas e nenos do Colexio Hermanos Quiroga.

Ao final da actividade, tal e como fago sempre, intercambiamos opinións, para min moi enriquecedoras, sobre a igualdade e violencia de xénero. Tódolos días me sorprenden gratamente, nesta ocasión cando se despedían dixéronme entre outras cousas que "ían xogar no recreo á igualdade". Que máis podo pedir.

mércores, 6 de maio de 2015

Polo mundo adiante, actividade incluída dentro da programación da Feira do Libro de Santiago

A Feira do Libro de Santiago inclúe dentro da súa programación “Polo mundo adiante”, actividade organizada en colaboración coa Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal. Santiago de Compostela, cidade acolledora de xentes de todas as culturas e países, é un lugar ideal para contar historias de todas as partes do mundo.
A cita será no Paseo Central da Alameda o sábado 9 a partir das 18:00 h. 

sábado, 2 de maio de 2015

Contando en feminino na biblioteca do Porriño no blog de Ler conta moito

O blog de Ler conta moito, da Consellería de Educación e Cultura da Xunta de Galicia, faise eco da visita que realizou Ana Hermida á Biblioteca do Porriño, onde estivo "Contando en feminino" para as nenas e nenos do CPR Hermanos Quiroga.

Deixamos o enlace da actividade DÍA DO LIBRO NO PORRIÑO

Picaradas o Día do Libro na Biblioteca Central de Arteixo

Chegaron cediño e sentaron no sitio xa preparado para disfrutar na biblioteca, escoitaron con moita atención todas esas historias que saían dos libros, xoguetes que tiveron nas súas mans cando remataron os contos. É fermoso ver como nais, país e profesorado se implican nestas actividades, así como tamén é precioso e gratificante ver as súas manciñas collendo libros e libros, descubrindo letras, cores, debuxos... fantasías.

Que mellor xeito de celebrar o Día do Libro que achegando a lectura ao público que aínda non sabe ler, fomentando o amor polo marabilloso mundo dos libros. Houbo tempo para cancións, así que tiven que escoitar "outra vez" e ata tres veces cantamos unha das súas preferidas.

venres, 1 de maio de 2015

Contos e lendas populares na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal

Espectáculo para a rapazada baseado en contos, lendas... historias tradicionais e populares que fagan coñecer e entender moitas cousas á infancia. Os porqués, os encantos, historias de trasnos, de feitizos... tamén de temas históricos e de cabaleiros. Historias e lendas tradicionais con cancións populares para o público máis pequeno.

Será o sábado 2 de maio no salón de actos da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, ás 12:00 h.