domingo, 20 de marzo de 2022

Conmemoramos o 8M Día Internacional da Muller no Concello de Arteixo contando “A historia en Feminino”

Contaremos "A historia en Feminino" para conmemorar o 8M "Día Internacional da Muller" en Arteixo, alí, na súa terra, Ana Hermida fará un achegamento ao público infantil das moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, deportistas, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. 

Estaremos visibilizando ás mulleres borradas da historia e achegando referentes ao público infantil, o xoves 24 de marzo ás 18:30 h., na Biblioteca Central de Arteixo “Henrique Rabuñal” incluída na Rede de Bibliotecas do Concello de Arteixo.

xoves, 17 de marzo de 2022

“Contadas na súa voz” en Feminino, homenaxe ás escritoras galegas en Oseiro para celebrar o 8M Día Internacional da Muller

Celebramos o 8M Día Internacional da Muller, cunha sentida homenaxe ás escritoras galegas que crearon as máis fermosas historias infantís de todos os tempos. Repasaremos a biografía de Dora Vázquez, Helena Villar Janeiro e María Victoria Moreno e gozaremos dos seus poemas e contos marabillosos. Serán historias contadas na súa voz e coa palabra de Ana Hermida.

Coas nosas escritoras galegas celebramos tamén o Día da Narración Oral, o Día da Poesía e o Día do Teatro. Achégate a Oseiro, escoita as historias, poemas, cancións, teatro... e coñece máis polo miúdo á escritora “Dora Vázquez” que lle dá nome á Biblioteca desta parroquia.  Será o luns 21 de marzo ás 18:30 h.