luns, 10 de agosto de 2020

Convocatoria do II Premio de Oratoria "Filomena Dato"

En agosto do 2020 convocamos o II PREMIO DE ORATORIA “FILOMENA DATO”, o primeiro que leva o nome da poeta, para alumnado dos diferentes ciclos do Ensino e para centros públicos ou privados (Primaria, Secundaria, Fp e Bacharelato) de Galicia e do exterior, coa intención de promover a expresividade e a expresión –poética, narrativa e discurso– do Idioma Galego e o Feminismo, ademáis de render homenaxe á “poeta das Mariñas”, un dos escasos referentes da literatura feminina e feminista do S. XIX e a segunda escritora, despois de Rosalía, que publicaría un libro en galego nese século. O tema deste ano será: "Mansplaining"No verán de 2020 convidamos á Real Academia Galega a que inclúa este termo no seu diccionario.

Para máis información e incrición consulta as Bases.

O prazo máximo de inscrición, que se fará no correo electrónico filomena.dato.muruais@gmail.com, será o día: 01/07/2021 e o acto de entrega farase coincidir co domingo máis próximo ao 26 de xullo, aniversario do nacemento de Filomena (no 2021 será o 25 de xullo).

O deseño e ilustración é obra do artista gráfico: Iván del Río.

martes, 4 de agosto de 2020

O feminismo e a oratoria déronse cita en Arteixo no acto de entrega do I Premio de Oratoria Filomena Dato

O sábado 26 de xullo, aniversario do nacemento de Filomena, tivo lugar a entrega do I Premio de Oratoria Filomena Dato, o primeiro que leva o nome da autora máis premiada do século XIX. O Covid non puido coa forza das persoas que participaron no concurso, aínda nos tempos do confinamento, que puxeron todo o seu talento para ofrecernos uns traballos moi logrados e unha exposición dos mesmos que premiou o xurado e encantou ao público asistente. O temática elixida este ano pola organización era a "sororidade" e foi maravilloso escoitar como defendían a súa creación xuntando idioma galego e feminismo.

O acto estivo dirixido por Ana Hermida, presidenta de Lisístrata e no que estivo presente a concelleira de Cultura de Arteixo Dna. Ana María Bello Vázquez en representación do organismo arteixán, concello elixido pola organización para esta e vindeiras edicións, por ser onde radica a Asociación Cultural Lisístrata.

Despois de expoñer os seus traballos e recibir os correspondentes premios posaron coa satisfacción de saberse correspondidos co aplauso do público que quedou admirado coa súa oratoria.

Deixamos adianto da próxima reportaxe fotográfica coas persoas premiadas, de esquerda a dereita: Xabier Alexandre Almeida Rodríguez, do CPI José García García de Mende, Ourense (Cat. poesía), Irene González Calvo, do Ies Salvador de Madariaga da Coruña (Cat. oratoria) e Diego Parada Burés, do centro educativo Liceo La Paz, da Coruña (Cat. oratoria).