domingo, 22 de outubro de 2023

Celebramos o Día da Biblioteca no Concello de Cee "Contando en Feminino"

Ana Hermida volve ao Concello de Cee, na Comarca de Fisterra, para achegar á infancia ceense historias contadas desde a perspectiva de xénero e igualdade, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

Estaremos celebrando o Día da Biblioteca concienciando no feminismo ao alumnado dos centros educativos do concello. Será o martes 24 de outubro ás 11:00 h. no auditorio da Casa da Cultura de Cee.

martes, 17 de outubro de 2023

Estaremos "Contando en Feminino" en Ferrol

Estaremos en Ferrol “Contando en feminino”, narrando historias desde a perspectiva de xénero e igualdade, para concienciar contra a violencia de xénero e o abuso infantil. Celebramos así o Día da Biblioteca e o vixésimo quinto aniversario da Asociación Cultural Artábria, organizadora deste acto que está dirixido ao público familiar.

Será o sábado 21 de outubro ás 17:00 h. no local social da AC Artábria. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforo.

venres, 13 de outubro de 2023

A Biblioteca Ánxel Casal de Compostela celebra o Día das Escritoras con "Palabra de Muller"

Celebramos o Día das Escritoras na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, con "Palabra de Muller", onde persoas representativas da cultura e sociedade galega poñerán voz á obra das escritoras homenaxeadas para darlles o lugar que a historia lles negou. Imos reivindicar con alegría a vida, a liberdade e a fermosura dos nosos corpos. A actividade está dirixida ao público adulto e coordinada por Ana Hermida, de Lisístrata Asociación, en colaboración coa Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal.

Este día é unha iniciativa da Biblioteca Nacional de España (BNE), a Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas e Modernas (CyM). Ademais, contará coa colaboración da Asociación Colexial de Escritores (ACE) e o Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO).

Será o luns 16 de outubro ás 19:00 h. no salón de actos, con entrada libre ata completar a capacidade da sala.