xoves, 31 de maio de 2018

A historia en Feminino e as mulleres galegas

A historia en Feminino ten como obxectivo visibilizar as mulleres e facer xustiza coa metade da poboación, contar a historia real, polo que levamos anos tentando ofrecer referentes á infancia e ao público adulto. Contamos tamén a historia de grandes mulleres galegas ás que, aínda a día de hoxe, non se lles fixo o recoñecemento debido, como Josefina de Serantes, figura que estabamos a recuperar e da que, grazas ao apoio do seu fillo Eduardo, tivemos unha información máis completa. 

Non vendemos ningún produto, só tentamos facer un acto de reparación e xustiza no que cremos firmemente, afrontamos este ideal sen o apoio de ningún tipo, nin de organismos oficiais, nin privados, por suposto tampouco de ningún partido político ou sindical, pensamos que o feminismo non debe estar suxeito a nada, non debemos nada a ninguén nin aceptamos que ninguén nos diga o que debemos ou non debemos dicir, ou a quen debemos censurar. Polo que pese a quen lle pese, seguiremos a recuperar e contar a historia real, non con afán mercantilista, senón como compromiso persoal, a igualdade, a violencia de xénero, o feminismo, a muller… non son un xogo nin tampouco obxecto de mercadeo. 

domingo, 27 de maio de 2018

"A historia en Feminino" pechou os actos do 8M en Pazos de Borbén

Viaxamos ata a comarca de Vigo, concretamente ao Concello de Pazos de Borbén, para achegar ao público A historia en Feminino, onde Ana Hermida tentou visibilizar ás mulleres borradas da memoria e coñecer as súas vidas marabillosas, os seus logros, achegar a realidade oculta durante séculos, amosarlles unha visión real da historia. A resposta foi a que eu esperaba, está a darme moitas satisfaccións ao comprobar a reacción das nenas e nenos e tamén do público adulto. Levo moitos anos tentando darlle o seu lugar ás mulleres que houbo ao longo da historia, das que aínda hoxe habitan nun ocultismo inxusto e das que na actualidade se contan moitas inexactitudes e mentiras causando un dano terrible, aí estivemos nós para dicirlle ao público que é intelixente dabondo e que non crea todo o que se lle conta, que lea, que lea moito e teña o seu propio criterio. 

O público foi ao alumnado e profesorado do Ceip Curros Enríquez e da Asociación Aspavi, queremos expresar os nosos parabéns á organización, a José Manuel Soto Virulegio, responsable da Biblioteca de Pazos de Borbén, por practicar unha plena inclusión en todas as actividades que realiza, tamén agradecer ao profesorado a súa implicación e ao alumnado a súa atención e interese, agardamos que espertara moitas inquedanzas. Grazas.

Conmemoramos o 25N Contando en femininino en Mondariz

O Concello de Mondariz, na comarca do Condado, acolleu unha sesión de Contando en feminino, actividade que organizou a Biblioteca Pública Municipal Xoan Xosé Pérez Labaca dentro dos actos de conmemoración do 25N para concienciar na igualdade e violencia de xénero ao público infantil.

É unha proba continua á que me someto voluntariamente cada vez que fago actividades deste tipo, o público infantil non ten filtros, é pura verdade, pregunta as cousas máis inesperadas, ese día había unha nena que tiña unha especial curiosidade polo tema, a min encántanme ese tipo de preguntas, anque as caras das nais e pais que estaban ao fondo mentres contaba eran moi significativas, sorprendíanse das propias reaccións do público infantil mentres se preguntaban… como sairá Ana desta? pois saín, non sen antes dar todo tipo de explicacións para satisfacer esa curiosidade, lóxica á súa idade, da nena que teimaba en repreguntar sobre a violencia de xénero, quedei satisfeita cando despois de explicarllo pedinlle que, por favor, me contase coas súas palabras o que eu lle dixera e… que satisfacción sinto cando comprobo en persoa os resultados, si, foi unha proba superada, outra vez.

Volvín para a casa disfrutando da viaxe coas paisaxes fermosas da nosa terra, regresei feliz dicíndome: misión cumprida. Grazas por tanto como recibo, paga a pena tanto esforzo, tantas viaxes, tantas horas, tantos impedimentos, tantas censuras, tantas pedras que me poñen no camiño as mentes necias que ven a violencia de xénero e a igualdade como un negocio e non como un compromiso persoal, tal e como eu o sinto, non acaban de entender que coa violencia de xénero non se xoga e que facer actividades para a infancia é algo moi serio, é un público moi sensible e intelixente, teñen poucos anos, pouca estatura, pero a mente máis aberta que as persoas adultas.

martes, 15 de maio de 2018

Celebramos o Día das Letras Galegas "Contando en feminino" no Concello de Vedra

A AC San Campio organiza, coa colaboración co Concello de Vedra, o IV Concurso Serán das letras para celebrar o Día das Letras Galegas. Con tal motivo este venres terá lugar a entrega de premios dos debuxos, relatos e poemas premiados. Aí estará Ana Hermida para contar historias e ir concienciando ao público na igualdade e violencia de xénero, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.
Será o venres 18 de maio, no local do Ferrador en San Miguel de Sarandón no Concello de Vedra, ás 20:30 h.

xoves, 10 de maio de 2018

“Contadas na súa voz”, celebramos o Día das Letras Galegas con María Victoria Moreno na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela

Seguimos rendendo homenaxe á nosa cultura na primavera das letras, nesta ocasión será a María Victoria Moreno, pioneira da literatura galega infantil, a quen a Real Academia Galega dedica este ano o Día das Letras Galegas. Repasaremos a súa biografía e faremos contadas na súa voz para a infancia.

Será o sábado 12 de maio, no salón de actos da Biblioteca Pública de Santiago de Compostela, ás 12:00 h.