martes, 25 de xuño de 2019

"Feministorias", unha cita coa infancia e o feminismo, na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela

A infancia coñecerá, dun xeito divertido e ameno, a historia que non está nos libros de texto, a das nosas avoas e bisavoas que ergueron a voz e loitaron para cambiar o mundo. Nenas e nenos tenden a sentirse protagonistas das historias, polo que lles achegaremos referentes moi coidados e mediante contos, curiosidades e xogos repasaremos os logros e a evolución do feminismo ata os nosos días. Porque o feminismo tamén pode ser divertido.

A cita co feminismo será o sábado 29 de xuño no Salón de Actos da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, ás 12:00 h. con entrada libre e gratuíta ata completar aforamento.

venres, 14 de xuño de 2019

“Miña casiña, meu lar”, teatro contra a violencia de xénero no Concello de Pontedeume

Enfocada dende un punto de vista humorístico, amosa a realidade da muller no seu entorno diario, reflicte a crúa situación das mulleres maltratadas, tanto no físico, coma no verbal, sexual, laboral, psíquico… Diferentes situacións, diferentes mulleres e unha soa actriz que dá vida a todas elas. Sempre cun eixo común, a inxusta realidade coa que se atopan, aínda hoxe, as mulleres no seu día a día. Todo esto posto enriba dun escenario para tentar concienciar ao público e promover o debate sobre o tema. 

Será o venres 21 de xuño ás 20:30 h., na Casa da Cultura do Concello de Pontedeume.