xoves, 25 de xaneiro de 2018

A historia en Feminino e as mulleres na ciencia

Cando contamos a historia en Feminino sempre están presentes as mulleres na ciencia. Levamos anos tentando ofrecer referentes á infancia sen omitir á metade da poboación. Nesta ocasión, na Biblioteca de Barrionovo, falamos da historia de grandes mulleres galegas e por suposto que estivo presente a ciencia na persoa de Begoña Vila Costas, Premio María Josefa Wonenburger Planells 2017. Desexo que prendera nalgunha das nenas presentes a inquedanza por este mundo onde as mulleres son un referente.

 

domingo, 14 de xaneiro de 2018

“Cóntame outra vez ” na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela

Por moito que as coñezan acaban sempre repetindo o mesmo “cóntame outra vez”, así que contamos unha e outra vez as historias que lles gustan, as clásicas, esas que segue a gozar o público infantil e as persoas adultas.

É frecuente ver a persoas relacionadas co mundo da cultura asistir ás sesións de contos para infantil. Ese día en concreto estaba entre o público un actor moi coñecido, alí estaba cun respecto inmenso escoitando historias para a infancia, ese día foi público, non actor. Agardou a que rematase a sesión, axudoume a recoller e tivemos unha conversa longa e moi interesante, contoume os seus proxectos… había tempo que non compartía con el conversas e risas. Alegroume moito atoparme co meu amigo na biblioteca co saúdo de rigor… na miña terra danse dous.