martes, 31 de marzo de 2020

“Contadas na súa voz” homenaxe a Helena Villar Janeiro na Bibliotea Ánxel Casal de Compostela

Rematamos o mes de marzo lembrando a merecida e sentida homenaxe que lle fixemos a Helena Villar Janeiro na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal. Helena foi pioneira na literatura infantil en galego, a súa numerosa obra está traducida a outras linguas, sendo unha figura destacada da cultura galega, tanto pola súa dedicación á literatura como ao ensino.

Fixemos un repaso pola súa vida e repasamos a súa ampla obra, da que levamos unha mostra representativa, a continuación contamos algunhas das súas marabillosas historias que fascinan ao público infantil, tamén cantamos coa súa música e recitamos os seus poemas, eses xoguetes poéticos que leron todas e cada unha das persoas que estaban no salón de actos, foi fermoso escoitar a obra de Helena e Xesús Rábade Paredes recitada polo público adulto e infantil e ver tantas mans erguidas para ler as notas musicais que escribiu hai anos para nenas e nenos, alí estaban lendo no pentagrama e entoando.

Cando todo rematou e xa estaba eu recollendo volveu un pai para preguntarme cal era ese libro de música, polo visto andaba á procura dalgo así, así que llo deixei, foi ao mostrador da biblioteca e alí atopou esa xoia, veu devolvermo cun sorriso de satisfacción, atopara para a súa filla xusto o que el quería.

domingo, 8 de marzo de 2020

"Feministorias", unha cita co feminismo

Hai xa anos que levamos a cabo este e outros proxectos semellantes, só pretendemos concienciar no feminismo en bibliotecas, colexios institutos, teatros... O público (infantil, adolescente e adulto) coñecerá dun xeito divertido e ameno a historia que non está nos libros de texto, a das nosas avoas e bisavoas que ergueron a voz e loitaron para cambiar o mundo. Achegaremos referentes moi coidados, curiosidades, xogos… e repasaremos os logros e a evolución do feminismo ata os nosos días. Porque o feminismo tamén pode ser divertido.