Amosando publicacións coa etiqueta BP González Garcés. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta BP González Garcés. Amosar todas as publicacións

xoves, 8 de xaneiro de 2015

Na Coruña tiveron Un Nadal cheo de contos

Foi na Biblioteca Pública da Coruña, Miguel González Garcés, un sábado de inverno no que as nenas e nenos chegaron coa ilusión posta nos ollos das persoas que agardan que os soños se fagan realidade.

Tamén, entre as persoas asistentes, houbo quen contou as súas historias de Nadal, unhas máis clásicas e outras máis... disparatadas. Grazas a unha nai coa que interactuamos, o público asistente tivo unha visión do Nadal moi divertida. Despedímonos cantando panxoliñas, das nosas... en galego.

Cando non se pode poñer foto dos menores (sempre que o fago é porque hai autorización), poño algo para ilustrar a actividade, nesta que vos deixo, conta a voz, a cara, as mans, o ton...

domingo, 7 de decembro de 2014

Un Nadal cheo de contos na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés

Poremos nos zapatiños de todas as nenas e nenos, contos feitos de maxia e ilusión. Cantaremos panxoliñas e contaremos historias que falan do sentido destas datas e que ás veces son divertidas, outras sorprendentes… contos de árbores de Nadal, de bonecos de neve, de Reis, de cousas imaxinadas e que, seguramente, algún día serán realidade.

Será o sábado 13 na Sala Infantil da biblioteca, ás 12:00 h.

venres, 18 de abril de 2014

Estivemos Rimando e Xogando na Biblioteca Garcés da Coruña

Para celebrar o Día da Poesía, a Biblioteca Pública da Coruña "Miguel González Garcés" organizou unha festa, a da Poesía, aí estiveron cos poemas, coas rimas, lendo... todas as nenas e nenos para xogar coas palabras.

As caras que amosaban eran mostra do que se estaban a divertir. Cando lles preguntaba se sabían que a poesía podía ser tan divertida e calquera cousa podía ser susceptible de lle facer un poema, sorprendíanse porque non crían que fose tan bonita e divertida ao mesmo tempo. Comprenderon que si era divertido ler un poema, rimar, xogar, cantar, adiviñar, ata compoñer eles mesmos unha pequena poesía.

Acabamos todas e todos a unha recitando a Rosalía, que mellor final!

A Biblioteca Pública da Coruña "Miguel González Garcés" encheuse de Contos moi naturais

As nenas e nenos responderon debidamente, amosaron interese, curiosidade, prestaron moita atención, divertíronse e o máis importante, prometeron coidar o medio ambiente e fixeron a promesa de protexer e defender a natureza.

Entre contos, historias, debuxos, descubrimentos e cousas sorprendentes, a conciencia lóxica e natural de coidar o noso mundo, os seres vivos e a natureza, foi aparecendo aos poucos entre historia e historia. 

Sei que cumprirán a súa promesa e serán unhas persoas comprometidas e defensoras do medio ambiente. 

venres, 21 de marzo de 2014

Rimando e Xogando, actividade proposta pola Consellería de Educación para celebrar o Día da Poesía, na biblioteca nodal da Coruña

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece esta semana unha programación especial de actividades nas bibliotecas nodais de Galicia para conmemorar o Día Internacional da Poesía, que se celebra o vindeiro 21 de marzo. 

Co obxectivo de animar a cidadanía a participar neste festexo literario, as bibliotecas nodais de Vigo, Pontevedra, Ourense, Lugo, A Coruña e Santiago de Compostela organizan diversas actividades, entre as que se inclúen lecturas poéticas, certames, obradoiros e mostras bibliográficas para todos os públicos.

Na biblioteca pública Miguel González Garcés e para o público máis esixente, Ana Hermida estará Rimando e Xogando, para fomentar o amor pola poesía e achegar os poemas en todas as súas facetas ás nenas e nenos.

A Biblioteca Pública da Coruña "Miguel González Garcés" celebra o Día da Poesía con Rimando e Xogando

Esta actividade está enmarcada dentro dun amplo programa que desenvolve a Consellería de Educación e Cultura nas súas bibliotecas nodais.

As nenas e nenos que se acheguen á biblioteca xogarán coas palabras, disfrutarán cos poemas, rimarán, cantarán... coñecerán autores, cantares de cego, cantigas populares... entretemento, diversión, cultura e amor á poesía será o eixo condutor nunha mañá de festa, a da poesía, pensada especialmente para ese público infantil, sempre tan esixente.

O sábado 22, ás 12:00 h. e no vestíbulo do biblioteca, a poesía estará agardando por todas as nenas e nenos.

martes, 11 de marzo de 2014

Contando en feminino na Biblioteca Pública da Coruña "Miguel González Garcés"

Con motivo do Día Internacional da Muller que tivo lugar o 8 de marzo, a Biblioteca Pública da Coruña "Miguel González Garcés" ten previsto unha actividade para concienciar ao público infantil en temas de igualdade.

Ana Hermida estará "Contando en feminino" para todas as nenas e nenos maiores de tres anos que por alí se acheguen. 

Serán contos contados dende a perspectiva de xénero e igualdade. Contos e historias para ir concienciando aos máis novos, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

Será o sábado 15 no vestíbulo do Salón de Actos, ás 12:00 h.


mércores, 12 de febreiro de 2014

Programación de febreiro na Biblioteca Pública da Coruña, Miguel González Garcés

Así é como se publicita a actividade de contacontos da nosa asociación, na Biblioteca Nodal da Coruña. O sábado 15 é a próxima e os contos xa están preparados para as nenas e nenos que por alí se acheguen.

Desta vez a cita será coa natureza, co medio ambiente. Concienciando coa lectura, cos libros, co marabilloso mundo máxico dos contos.

Os contos e lendas na Biblioteca Nodal da Coruña

O pasado sábado, as nenas e nenos escoitaron historias máxicas e descoñecidas. Cos ollos abertos e prestando moita atención a todo canto Ana Hermida lles contaba, o mundo das historias que ao longo do tempo foron converténdose en lendas, prendeu en todas e cada una das personiñas que na biblioteca estaban, para entender o porqué de algunhas cousas e disfrutar con outras tantas. 

A contadora quedou aínda máis marabillada que ese público tan atento. Os ollos, as caras e os sorrisos que amosaban, eran mostra do que estaban a disfrutar. Grazas a todas e a todos.

Mesmo houbo quen grazas ao poder dunha auga máxica, puido revivir e saír victorioso das aventuras na súa historia.

venres, 7 de febreiro de 2014

Contos moi naturais, na Biblioteca Pública da Coruña, Miguel González Garcés

O vindeiro sábado 15 de febreiro, na Coruña, as nenas e nenos maiores de tres anos terán unha sesión de "Contos moi naturais".

Ana Hermida contará contos enfocados a por en valor a natureza, a defensa do medio ambiente, contos que falan de contaminación, de incendios, do amor á natureza, aos animais… somos parte da natureza, somos naturais coma as árbores, a auga, os paxaros… xogando e contando, defendemos e concienciamos da importancia do noso hábitat e asi respectalo e coidalo debidamente.

Será na sala infantil da Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, ás 12:00 H.

venres, 31 de xaneiro de 2014

Contos e lendas populares na Biblioteca Pública da Coruña, Miguel González Garcés

O vindeiro sábado 8 de febreiro, na Coruña, as nenas e nenos maiores de tres anos terán unha cita  cos "Contos e lendas populares".

Historias cheas de maxia que fagan coñecer e entender moitas cousas aos máis pequenos. Os porqués, os encantos, historias de heroes, de seres míticos, de feitizos... tamén de temas históricos e de cabaleiros. Historias e lendas tradicionais con cancións populares para os máis pequenos.

Será na sala infantil da Biblioteca Pública da Coruña, Miguel González Garcés, ás 12:00 H.