Amosando publicacións coa etiqueta inclusión. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta inclusión. Amosar todas as publicacións

martes, 16 de abril de 2019

"Tecín soia a miña tea", a nosa homenaxe a Rosalía de Castro, segue a darnos moitas satisfaccións

A grandeza de Rosalía fai que sucedan feitos como este, un dos maiores premios que pode ter unha persoa co oficio de dicir. Ocorreu na representación de Tecín soia a miña tea, o público era escolar e persoas usuarias de Aspavi, quixen que participasen todas elas para una  plena inclusión e vin como fluía todo de maneira natural, foi moi fermoso. Ao rematar estaban agardando por min, querían unha foto conxunta, bicos, apertas, charlas… volveron recitar e falar de Rosalía, preguntaron que cando ía volver... foi moi emotivo, que mellor premio podo ter!
 

domingo, 27 de maio de 2018

"A historia en Feminino" pechou os actos do 8M en Pazos de Borbén

Viaxamos ata a comarca de Vigo, concretamente ao Concello de Pazos de Borbén, para achegar ao público A historia en Feminino, onde Ana Hermida tentou visibilizar ás mulleres borradas da memoria e coñecer as súas vidas marabillosas, os seus logros, achegar a realidade oculta durante séculos, amosarlles unha visión real da historia. A resposta foi a que eu esperaba, está a darme moitas satisfaccións ao comprobar a reacción das nenas e nenos e tamén do público adulto. Levo moitos anos tentando darlle o seu lugar ás mulleres que houbo ao longo da historia, das que aínda hoxe habitan nun ocultismo inxusto e das que na actualidade se contan moitas inexactitudes e mentiras causando un dano terrible, aí estivemos nós para dicirlle ao público que é intelixente dabondo e que non crea todo o que se lle conta, que lea, que lea moito e teña o seu propio criterio. 

O público foi ao alumnado e profesorado do Ceip Curros Enríquez e da Asociación Aspavi, queremos expresar os nosos parabéns á organización, a José Manuel Soto Virulegio, responsable da Biblioteca de Pazos de Borbén, por practicar unha plena inclusión en todas as actividades que realiza, tamén agradecer ao profesorado a súa implicación e ao alumnado a súa atención e interese, agardamos que espertara moitas inquedanzas. Grazas.

domingo, 17 de decembro de 2017

Roteiro pola Fraga do Barragán en Pazos de Borbén

Hai unhas semanas estiven contando historias na Senda da Fraga do Barragán, no Concello de Pazos de Borbén, un día que quedará fixado para sempre na miña memoria. As sensacións alí vividas non se poden expresar con palabras. Estiven procurando unha foto que describa esa sensación e penso que esta é a axeitada, o que pretende amosar é a grandeza das persoas coas que compartín espazo, a fortaleza e a vontade dunhas e a xenerosidade e entrega doutras, todas me fixeron sentir tan pequena, sendo elas tan grandes, a miña admiración, rendición e unha tenrura infinita queda plasmada nesta instantánea realizada por José Manuel Soto Virulegio. 

Actividade organizada pola Biblioteca Pública Municipal de Pazos de Borbén - BiblioPazos, dirixida ao alumnado da Eso do Cpi Curros Enríquez e da Asociación Aspavi.

sábado, 7 de outubro de 2017

Faremos “Un roteiro cheo de historias” na Fraga do Barragán, en Pazos de Borbén e Fornelos de Montes

Os espazos que andamos cada día agochan segredos que convén coñecer, tamén o entorno natural está cheo de contos que iremos narrando nun percorrido cheo de historias da historia, lendas fascinantes, curiosidades e personaxes que gardamos na mochila para todas as nenas e nenos que se acheguen a facer este roteiro con nós, atréveste?

Actividade organizada por Bibliopazos, a Biblioteca Municipal do Concello de Pazos de Borbén e incluída na programación “Contos na Natureza” na que se pretende promover o uso da lingua galega e fomentar a animación á lectura a través da narración oral galega e apostando pola posta en valor do patrimonio arqueolóxico, etnográfico, natural e cultural do Concello. Está patrocinada pola Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia.

No ano 2012, conscientes da necesidade de protección da fraga e da súa riqueza natural e cultural, as parroquias de Calvos e Traspielas (Fornelos de Montes) e as de Moscoso e Xunqueiras (Pazos de Borbén) xuntáronse para crear o proxecto: A Senda da Fraga do Barragán, que ten como obxectivos a súa conservación e divulgación do seu patrimonio natural e etnográfico.

Será o martes 10 de outubro ás 12:00 h. e está dirixido ao alumnado da Eso do CPI Curros Enríquez e da Fundación Aspavi.

sábado, 22 de outubro de 2016

"Todo o mundo é noso" contos de diversidade e inclusión en Santiago

A Biblioteca Anxel Casal de Santiago acolleu unha sesión de contos sobre a diversidade e inclusión plena. O público infantil ten moi claro que todas as persoas somos únicas e diferentes, niso ten moito que ver o exemplo familiar, tal e como puiden comprobar co público adulto que acompañaba ás nenas e nenos nese día. Os contos son un medio ideal para derrubar estereotipos, en primeira persoa comprobo día tras día como as súas manciñas disfrutan coa lectura e coas ilustracións dos contos que recollen co seu carnet, resultado da marabillosa campaña da biblioteca e das persoas que alí coidan da cultura.

xoves, 1 de setembro de 2016

"Todo o mundo é noso" na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela

Achegaremos á infancia historias para axudar a derrubar todo tipo de barreiras (físicas, psíquicas, raciais, culturais…) e así dignificar a vida doutras persoas e a nosa propia. Os estereotipos de personaxes reflicten unha realidade, o obxectivo destas historias é mudar esa realidade e tentar concienciar á infancia na diversidade e a inclusión plena, porque todas as persoas somos únicas e diferentes.

Será o sábado 3 de setembro, no salón de actos da Biblioteca Pública de Santiago de Compostela, ás 12:00 h.