Estiven contando na Biblioteca de Barrionovo, en
Pastoriza, a historia de grandes mulleres galegas. Non podía faltar Rosalía de
Castro e outra gran muller, Helena Villar Janeiro, a valedora da padronesa
universal e que tanto fixo pola figura de Rosalía. Mirade que imaxe tan fermosa!
luns, 18 de decembro de 2017
domingo, 17 de decembro de 2017
Roteiro pola Fraga do Barragán en Pazos de Borbén
Hai unhas semanas
estiven contando historias na Senda da Fraga do Barragán, no Concello de Pazos de
Borbén, un día que quedará fixado para sempre na miña memoria. As sensacións
alí vividas non se poden expresar con palabras. Estiven procurando unha foto
que describa esa sensación e penso que esta é a axeitada, o que pretende amosar
é a grandeza das persoas coas que compartín espazo, a fortaleza e a
vontade dunhas e a xenerosidade e entrega doutras, todas me fixeron sentir tan
pequena, sendo elas tan grandes, a miña admiración, rendición e unha tenrura
infinita queda plasmada nesta instantánea realizada por José Manuel Soto
Virulegio.
Actividade organizada pola Biblioteca
Pública Municipal de Pazos de Borbén - BiblioPazos, dirixida ao alumnado da Eso
do Cpi Curros Enríquez e da Asociación Aspavi.
luns, 4 de decembro de 2017
“Sabéndote, Rosalía”, na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela
Coa inocencia propia da infancia, unha Rosalía aínda nena, irá debullando a
súa vida entre versos, cancións e soños. Quen mellor que Rosalía para facelo?
Moito se ten escrito da nosa poeta, pero aínda non está todo dito. É este un
achegamento ao mundo infantil da Nai das nosas letras, a Rosalía defensora da
muller, da súa terra, unha Rosalía reivindicativa, divertida…
A cita cos contos será o
sábado 9 de decembro, no salón de actos da Biblioteca Pública de Santiago de
Compostela, ás 12:00 h. e a entrada é libre e gratuíta ata completar aforamento.
Etiquetas:
Ana Hermida,
bibliotecas,
BPM Ánxel Casal,
Compostela,
contos,
poesía,
Rexurdimento,
Rosalía,
Sabéndote Rosalía
mércores, 22 de novembro de 2017
Contando en feminino en Mondariz
Viaxaremos
ata o Concello de Mondariz, alí Ana Hermida estará contando historias para ir
concienciando ao público infantil na igualdade e violencia de xénero, onde o
rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos
tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como
algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a
formar en igualdade.
O domingo 26 a cita coa igualdade será na Biblioteca Pública de Mondariz “Xoán Xosé Pérez Labaca”, ás 17:00 h.
O domingo 26 a cita coa igualdade será na Biblioteca Pública de Mondariz “Xoán Xosé Pérez Labaca”, ás 17:00 h.
Monólogos teatrais no 25N en Rois, con Miña casiña, meu lar
“Miña casiña, meu lar” amosa a realidade da muller no seu entorno diario,
reflicte a crúa situación das mulleres maltratadas, tanto no físico, coma no
verbal, sexual, laboral, psíquico… Diferentes situacións, diferentes mulleres e
unha soa actriz que dá vida a todas elas. Sempre cun eixo común, a inxusta
realidade coa que se atopan, aínda hoxe, as mulleres no seu día a día. Todo
esto posto enriba dun escenario para tentar concienciar ao público na igualdade
e violencia de xénero e promover o debate sobre o tema.
A violencia contra mulleres e nenas pódese evitar. Hai moitas maneiras de
previr a violencia nun principio e de deter a repetición dos ciclos de
violencia. A prevención da violencia debe empezar nunha etapa temperá. O
sistema educativo e o persoal docente están en contacto con nenas e nenos e
novos e poden transmitir os principios de igualdade, respecto e actitudes non
violentas ás xeracións futuras. Debemos alzar a voz contra o acoso e a
violencia nas nosas casas, os nosos lugares de traballo, as nosas institucións,
as contornas sociais e a través dos nosos medios de comunicación.
Neste amplo esforzo de poñer fin á violencia contra as mulleres e as nenas,
entendemos que os homes desempeñan un papel vital para lograr o cambio. Facer
fronte ao sexismo, ao predominio
masculino e aos privilexios masculinos como a norma da sociedade empeza coa
creación de masculinidades positivas. As nais e os pais poden instilar
principios de igualdade, dereitos e respecto cando educan aos seus fillos
homes; e os homes poden reprochar aos seus compañeiros comportamentos
inaceptables aínda que en realidade estes representen unha pequeñísima parte do
gran problema do acoso. A esencia do tema de hoxe de “Que ninguén quede atrás”
como comunidade mundial, agora podemos poñer fin á violencia contra as mulleres
e as nenas, transformar as institucións e unir esforzos para erradicar a
discriminación, restaurar os dereitos humanos e a dignidade, e non deixar a
ninguén atrás. (Phumzile Mlambo-Ngcuka).
Será o sábado 25 de novembro ás 20:00 h. no auditorio do Concello de Rois.
Será o sábado 25 de novembro ás 20:00 h. no auditorio do Concello de Rois.
A historia en Feminino, unha volta por Galicia a través das súas mulleres, na EEI de Barrionovo
Faremos un achegamento ao
mundo infantil das moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que
houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras,
escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. O alumnado da Escola de Educación Infantil de Barrionovo, está a traballar
co proxecto: A volta a Galicia en 284 días, nese proxecto non podían
faltar as mulleres, levaremos un feixiño delas, cun apartado específico para as científicas galegas, anque tamén haberá deportistas, escritoras, artistas, heroínas, etc. para que a infancia teña unha visión real e completa da historia da nosa terra.
A cita será o venres 24 ás 10:00 h. na biblioteca da Escola de Educación
Infantil de Barrionovo, en Pastoriza, no Concello de Arteixo.
martes, 14 de novembro de 2017
Peche da campaña do 25N en Boqueixón e Vedra con "A historia en Feminino"
Hoxe pechamos a campaña de concienciación na igualdade
e violencia de xénero en todas as Escolas do Cra Boqueixón-Vedra “Neira Vilas”
(Lestedo, Sarandón, Camporrapado, Sergude, San Fins e San Xián) para achegar
unha versión da historia máis real e así poñer en valor a figura
feminina. Faime especial ilusión facer esta actividade nunha escola que
leva o nome de Neira Vilas, a quen tiven a sorte de coñecer.
Dou fe de que as familias coidan a coeducación e que o profesorado fai o
seu traballo con moito mimo, polo que seguro que medrarán en valores. Esta
actividade fíxose grazas á iniciativa da Anpa Val do Ulla, sempre concienciada
na igualdade, polo que elixín A Historia en Feminino para tentar visibilizar ás
mulleres borradas da memoria, coñecer as súas vidas marabillosas, os seus
logros, achegar a realidade oculta durante séculos, amosarlles unha visión real
da historia e podo asegurar que a resposta foi a que eu esperaba, está a darme
moitas satisfaccións ao comprobar a súa reacción. Pretendo darlle o seu lugar
ás mulleres que houbo ao longo da historia e que aínda hoxe seguen nun
ocultismo inxusto, a infancia queda cos ollos ben abertos e sen pestanexar, é lóxico,
son mulleres cunha historia e vida fascinte.
Será o mércores 15 na Escola de San Fins ás 09:30 h. e na Escola de
San Xián ás 10:40 h., no Concello de Vedra.
domingo, 12 de novembro de 2017
A Coruña, outono en igualdade “Contando en feminino” polo 25N
Na
Biblioteca Castrillón, pertencente ás Bibliotecas Municipais da Coruña,
estivemos Contando en feminino para o público infantil e sigo a sorprenderme
coa súa reacción tan de verdade. No medio da narración houbo un neno que coa súa voz inocente pediu “permiso, por favor”, entendín que tiña unha necesidade e que o seu
corpo miúdo non aceptaba ningunha demora, mentres eu seguín
contando e foi daquela cando deu a volta e díxome “por favor, non sigas ata que volva”,
ante eso que ía facer eu? obedecín a súa petición e ocupamos o tempo facendo intercambio
de opinións sobre personaxes do conto e o significado do mesmo, cando volveu
sentou e con toda a educación dirixiuse a min dicindo “podes seguir”, cun
sorriso nos ollos ante tamaña inocencia fixen o que me dixo. Canto agradezo
vivir días tan bonitos e comprobar como as historias de igualdade e violencia de xénero son obxecto de tanta atención polo público infantil.
O
ambiente era de conto, a biblioteca do Castrillón ten distintos recunchos,
pequenos castros, onde a infancia atopa un espazo máxico para perderse na
lectura e disfrutar de historias marabillosas onde as
bibliotecarias de
seguro serán as heroínas, guerreiras, fadas, inventoras...
Etiquetas:
A Coruña,
abuso infantil,
Ana Hermida,
bibliotecas,
Contando en feminino,
contos,
igualdade,
violencia de xénero
Contamos "A historia en Feminino" en Boqueixón, na campaña 25N
Mulleres
científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, escritoras, músicas… todas
teñen cabida nesta historia en Feminino. A través de contos, curiosidades,
diversión e xogos, tentamos facer visibles ás mulleres e que a infancia teña
unha visión máis real da historia. Organiza
esta actividade a Anpa Val do Ulla, coñecedora da importancia da
concienciación na igualdade e violencia de xénero. O profesorado do Cra
Boqueixón-Vedra ten moita implicación co alumnado, Ana Hermida foi testigo en
primeira persoa e sabemos que esas nenas e nenos medrarán en valores.
sábado, 11 de novembro de 2017
A infancia de Arteixo réndelle homenaxe a Rosalía na III edición do Concurso de Recitados que leva o seu nome
É unha enorme satisfacción ver á infancia
recitando a Rosalía e escoitar os seus poemas en distintos acentos nun concello multicultural como é Arteixo, a miña terra. A infancia toma o certame moi en serio, prepárase moito durante o ano
para ese día ver recompensado tan grande esforzo. Cada ano é mellor, eu
agradézoo moito xa ademáis de fomentar o amor por Rosalía e a súa obra, tamén vai
en aumento o amor pola poesía e as nosas autoras, así como tamén se contribúe a
fomentar o uso e amor polo noso idioma.
A Rede Municipal de Bibliotecas do Concello de Arteixo organiza o
acto e Ana Hermida quen o coordina e conduce desde o seu inicio, hai xa tres
anos. Na foto a gañadora deste ano, foi moi bonito vela e escoitala, ao igual que todas as nenas e nenos participantes, díxome que
había tres anos que me vira dramatizando a Rosalía e que quixo facer algo semellante, respondinlle que
ela facíao infinitamente mellor ca min, estaba coa súa irmá que non puido
participar pola pouca idade e que ao remate tamén me recitou a Rosalía. Agardo
con moita ilusión a próxima edición, seguro que me sorprenden gratamente.
Etiquetas:
AELG,
Ana Hermida,
Arteixo,
colexios,
Día de Rosalía,
poesía,
Premios,
Rexurdimento,
Rosalía
mércores, 8 de novembro de 2017
"A historia en Feminino" en Boqueixón e Vedra, campaña de concienciación na igualdade e violencia de xénero polo 25N
Ana
Hermida fará un achegamento ao mundo infantil das moitas e sobresaíntes,
así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia. Científicas,
guerreiras, inventoras, aventureiras, escritoras, músicas… todas teñen cabida
nesta historia en feminino. A través de contos, curiosidades, diversión e
xogos, tentamos facer visibles ás mulleres e que a infancia teña unha visión
máis real da historia. Actividade organizada pola Anpa Val do Ulla do Cra Boqueixón-Vedra.
A cita coa historia en Feminino e coa igualdade e violencia de xénero será o luns 13 na Escola de Lestedo, do Concello de Boqueixón, ás 09:30 h. e na Escola de Sarandón, do Concello de
Vedra, ás 10:40 h.
mércores, 1 de novembro de 2017
Día das Letras Galegas en Santiso con “O encanto da fala”
Estivemos
rendendo homenaxe ás mulleres e homes das Irmandades da Fala co recital-concerto “O encanto da fala”, nun acto organizado pola ACV O Noso Lar
de Visantoña, no Concello de Santiso e así celebrar o Día das Letras Galegas.
Música, cancións e poesía foron o canle para achegar os textos máis
representativos dun tempo que marcaría un fito histórico para a historia
galega. Alí Ana Hermida recitou e cantou para un público especialmente
interesado e respectuoso, o que demostra que aínda hoxe a mensaxe das
Irmandades segue moi viva. Na foto, colocando a microfonía.
luns, 16 de outubro de 2017
Coristanco celebra o Día da Biblioteca Contando en feminino
Ana Hermida viaxará ata Coristanco, na Comarca de
Bergantiños, onde a Biblioteca Municipal organiza unha actividade
dirixida ao alumnado do CPI Alcalde Xosé Pichel, para celebrar o Día da Biblioteca achegando historias contadas dende a perspectiva de xénero e así tentar
concienciar na igualdade e violencia de xénero ao público infantil, historias
onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario.
Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa
como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando,
apréndese a formar en igualdade.
A cita coa igualdade será na
Casa da Cultura do Concello de Coristanco, o xoves 19 de outubro ás
10:30 h.
sábado, 7 de outubro de 2017
Faremos “Un roteiro cheo de historias” na Fraga do Barragán, en Pazos de Borbén e Fornelos de Montes
Os espazos que andamos cada día agochan segredos que convén coñecer, tamén
o entorno natural está cheo de contos que iremos narrando nun percorrido cheo
de historias da historia, lendas fascinantes, curiosidades e personaxes que
gardamos na mochila para todas as nenas e nenos que se acheguen a facer este
roteiro con nós, atréveste?
Actividade organizada por Bibliopazos, a Biblioteca Municipal do Concello
de Pazos de Borbén e incluída na programación “Contos na Natureza” na que se
pretende promover o uso da lingua galega e fomentar a animación á lectura
a través da narración oral galega e apostando pola posta en valor do
patrimonio arqueolóxico, etnográfico, natural e cultural do Concello. Está
patrocinada pola Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia.
No ano 2012, conscientes da necesidade de protección da fraga e da súa
riqueza natural e cultural, as parroquias de Calvos e Traspielas
(Fornelos de Montes) e as de Moscoso e Xunqueiras (Pazos de Borbén) xuntáronse para
crear o proxecto: A Senda da Fraga do Barragán, que ten como obxectivos a súa conservación e divulgación do seu patrimonio natural e etnográfico.
Será o martes 10 de outubro ás 12:00 h. e está dirixido ao alumnado da Eso do CPI
Curros Enríquez e da Fundación Aspavi.
mércores, 4 de outubro de 2017
"Tecín soia a miña tea", homenaxe a Rosalía de Castro
A nosa particular homenaxe a Rosalía de Castro,
con Ana Hermida, non é algo puntual nin de datas no calendario, Rosalía leva con
nós anos, levamos a súa obra, a súa palabra, a súa mensaxe... á rúa, aos
colexios, aos institutos, aos teatros. Ela é o importante, quen ouse cambiarlle
a súa imaxe para facela máis atractiva (ela xa era bonita dabondo), quen queira
converter a súa figura nunha feira, quen se queira apropiar dela, quen
pretenda convertela nun produto, está moi equivocada. Rosalía foi, é e
será nosa, do pobo, por eso é grande.
Etiquetas:
Ana Hermida,
feminismo,
poesía,
Rosalía,
Tecín soia a miña tea,
videos
mércores, 27 de setembro de 2017
Contaremos "A memoria en Feminino" en Pastoriza
Estimular a memoria durante a infancia é fundamental para o seu
desenvolvemento. A través de contos, actividades e xogos recuperaremos a
memoria das mulleres, a infancia coñecerá personaxes e pasaxes da historia
feminina chea de desigualdades e inxusto silencio. Sacaremos do
esquecemento ás mulleres para que sigan vivas na nosa memoria.
Será na Biblioteca de Pastoriza “Miguel
Sande” do Concello de Arteixo, o xoves 28 de setembro ás 18:50 h.
domingo, 24 de setembro de 2017
Conmemoramos o 25N en Cedeira contando "A historia en Feminino"
Achegamos A
Historia en Feminino, da man de Ana Hermida, ao alumnado do Ies Punta Candieira. Foi no Auditorio do Concello de Cedeira, alí procuramos concienciar na igualdade e violencia de xénero, así como visibilizar
ás mulleres borradas da memoria, coñecer a súa historia, os seus logros, a súa
vida, achegar a realidade oculta durante séculos, cun apartado especial para as
mulleres na Ciencia. Actividade programada para conmerorar o “Día Internacional da
Eliminación da Violencia contra a Muller” 25N.
martes, 5 de setembro de 2017
"Oriente máxico" na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela
Queres que che conte unha historia extraordinaria
e marabillosa? Viaxaremos a un mundo onde evocaremos ese lugar máxico onde todo
é posible. Haberá historias de aventuras, mulleres intelixentes que vencen a
brutalidade do rei, piratas, xenios, xigantes… De Persia a Exipto, da India ao
Magreb, a forza da palabra sempre pode salvarnos das situacións máis
complicadas.
A cita cos contos será o sábado 9 de setembro, no
salón de actos da Biblioteca Pública de Santiago de Compostela, ás 12:00 h.
e a entrada é libre e gratuíta ata completar aforamento.
Etiquetas:
Ana Hermida,
BPM Ánxel Casal,
Compostela,
contos,
Oriente máxico
luns, 24 de xullo de 2017
"Ningún lazo a suxeita", homenaxe a Filomena Dato en Bergondo
Estaremos en Bergondo, onde o Concello organiza unha ofrenda floral a Filomena Dato “a
poeta das Mariñas”, será no adro da igrexa de San Vicente de Moruxo, onde están
enterrados os seus restos mortais. No vindeiro 26 de febreiro colocarase un
busto á escritora que contará coa asistencia de representantes da Real Academia
Galega (RAG), que traballa na actualidade na dixitalización de obras da autora.
Abrirá o acto Alejandra Pérez, alcaldesa de Bergondo, a continuación a obra
de Filomena Dato soará na voz da actriz Ana Hermida, que representará o espectáculo "Ningún lazo a suxeita", continuará coa intervención
musical das Gaiteiras de Bergondo que precederá á ofrenda floral que pechará
esta sentida homenaxe aberta a toda a cidadanía.
Filomena Dato foi unha poeta profusamente premiada e unha das voces máis
sobranceiras do feminismo e a segunda escritora, logo de Rosalía, que
publicaría un libro en galego no século XIX. Para sacar do esquecemento á
escritora xurdiu unha iniciativa que encabeza Rubén Aramburu, párroco de
Bergondo, colaborando na mesma a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo e a
Asociación Cultural Lisístrata, que teñen previsto organizar diferentes actos,
publicacións, etc. para achegar á cidadanía a obra e figura da poeta nacida en Ourense e
falecida en Moruxo (Bergondo).
Será o
mércores 26, no cemiterio parroquial de San Vicente de Moruxo, ás 20:00 h.
Etiquetas:
Ana Hermida,
Bergondo,
feminismo,
Filomena Dato,
homenaxes,
igualdade,
Ningún lazo a suxeita,
poesía,
Rag
luns, 19 de xuño de 2017
"Animalandia" na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela
Estaremos en Compostela contando historias de
animais, onde nenas e nenos poderán descubrir a esquíos, gatas, coellos, porcas,
raposos, cadelas… con características moi especiais e que posúen as mesmas
calidades e defectos que teñen as persoas: inxenuas, engreídas, amables,
ariscas, medorentas, pícaras, valentes… Son animais humanizados, do mesmo xeito
que a súa contorna, as súas casas e as súas aventuras.
Será o sábado 24 de xuño, no salón de actos da
Biblioteca Pública de Santiago de Compostela, ás 12:00 h.
Etiquetas:
Ana Hermida,
Animalandia,
BPM Ánxel Casal,
Compostela,
contos
venres, 26 de maio de 2017
“Contadas na súa voz”, homenaxe a Carlos Casal na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela
Rendemos unha merecida e sentida homenaxe ás
mulleres e homes que crearon ás máis fermosas historias de todos os tempos.
Repasaremos e sacaremos á luz a biografía de Carlos Casares, achegaremos a súa
figura á infancia e reivindicaremos a súa obra. Serán historias contadas na súa
voz, a de Carlos Casares, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.
Será
o sábado 27 de maio, no salón de actos da Biblioteca Pública de Santiago de
Compostela, ás 12:00 h.
mércores, 24 de maio de 2017
I Maio Miúdo en Arteixo
Celebramos o renacer
dos vexetais e o fin do inverno cos maios. Unha festa ou rito á fecundidade co fin de congraciarse co
espírito da vexetación, instaurada polas primeiras agrupacións que de forma
sedentaria se adicaron ó cultivo das terras e que estableceron un ritual
animista naqueles momentos críticos da vida vexetal como son a sementeira, o
florecemento e a recolleita. Esta representación animista expresaríase con
figuras humanas cubertas de flores e follas, pólas de árbores etc.
Queremos recuperar as tradicións propias da cultura galega, como as coplas que acompañan os maios e algunha que outra sorpresa máis, que o pobo de Arteixo poderá disfrutar nesta festa do chamado Ciclo de Maio, grazas á colaboración xenerosa da Escola de Educación Infantil de Barrionovo, onde o seu alumnado será o protagonista animando as rúas e interactuando co pobo, ao que convidamos a participar da festa engalanando as súas casas e comercios con ramos de flores e a botarlles o maio cando lles canten as súas coplas.
Queremos recuperar as tradicións propias da cultura galega, como as coplas que acompañan os maios e algunha que outra sorpresa máis, que o pobo de Arteixo poderá disfrutar nesta festa do chamado Ciclo de Maio, grazas á colaboración xenerosa da Escola de Educación Infantil de Barrionovo, onde o seu alumnado será o protagonista animando as rúas e interactuando co pobo, ao que convidamos a participar da festa engalanando as súas casas e comercios con ramos de flores e a botarlles o maio cando lles canten as súas coplas.
A I Edición do Maio Miúdo terá lugar o venres 26 de maio, polo paseo fluvial ata a rúa peonil de Arteixo, entre as 10:00 e as 11:00 h.
Etiquetas:
Ana Hermida,
Arteixo,
cultura tradicional,
EEI,
Maio Miúdo
mércores, 3 de maio de 2017
Vilasantar celebra o Día das Letras Galegas “Contando en feminino”
Viaxaremos ao Concello de Vilasantar, na Comarca de Betanzos, para celebrar
o Día das Letras Galegas Contando en feminino,
unha actividade organizada pola Axencia de Lectura do Concello de Vilasantar. Ana Hermida levará contos
e historias para ir concienciando ao público infantil na igualdade e violencia
de xénero, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo
igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista
non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e
contando, apréndese a formar en igualdade.
A cita cos contos e coa igualdade, será o venres 12 de
maio no Salón do Colexio de Présaras, ás 15:30 h.
luns, 1 de maio de 2017
“O encanto da fala” en Santiso, poesía e música para celebrar o Día das Letras Galegas
O Concello de Santiso celebra o Día das Letras galegas cun concerto-recital
en homenaxe ás Irmandades da fala no seu centenario. Serán textos dos autores
máis salientables e representativos dun tempo que marcaría un fito histórico
para a historia galega. O recital está dirixido e interpretado por Ana Hermida,
que estará acompañada polo músico Sergio López, nun espectáculo dirixido a todo
tipo de público.
Será o domingo 14 de maio no local da ACV O Noso Lar de
Visantoña, que organiza o acto, ás 18:00 h. e a entrada é libre e
gratuíta.
luns, 24 de abril de 2017
Contamos historias “Sen etiquetas” ao alumnado da EEI de Meicende para celebrar o Día do Libro
Contaremos ás nenas e nenos historias para que
aprendan a aceptar, respectar e comprender a identidade de cada persoa e amosar
todos os afectos posibles entre os seres humanos, poñer ao seu alcance a
diversidade de familias, todas elas válidas. A través dos contos tentamos
visibilizar unha realidade e que a infancia medre na tolerancia e respecto.
Celebramos por adiantado o Día Internacional contra la LGTBfobia (IDAHO), que é
o 17 de maio e que ten como obxectivo promover accións de sensibilización en
todos os países do mundo desde que a OMS elimara a homosexualidade feminina e
masculina da lista de enfermidades mentais, anque a día de hoxe a
transexualidade é aínda parte dos manuais de psiquiatría.
O alumnado da Escola de Educación Infantil de
Meicende celebrará deste xeito o Día do Libro, na Biblioteca Antón Castro,
o xoves 27 de abril ás 10:00 h. e 11:00 h.
Etiquetas:
Ana Hermida,
Arteixo,
bibliotecas,
colexios,
contos,
Día do Libro,
Día Lgtbifobia,
igualdade,
Lgtbi,
Sen etiquetas
A Biblioteca de Oseiro celebra o Día do Libro “Rimando e Xogando” con Manuel María
Ana Hermida volve render homenaxe á poesía
galega, desta vez poñendo voz e alma á obra de Manuel María. Comprobo ano tras
ano, cando fago este tipo de actividade, que infancia e poesía van xuntas da
man, é unha maneira humilde de contribuír ao espallamento da lingua e cultura
galega e a poñer en valor ás mulleres e homes poetas de Galicia, tentar que a
infancia se achegue con cariño á poesía e fomentar as lecturas de noso.
Neste espectáculo contamos historias en verso, historias de risa, de medo,
da natureza, de xogos, da fala, cantares de cego… historias e versos que ás
veces tamén son cantados, historias unhas, con actividades para nenas e nenos e
outras nas que interactúan coa contadora. Poemas axeitados á súa idade e que
entenden perfectamente, pequenos xoguetes poéticos cheos de entretemento e
diversión, desta maneira ese público tan especial sentirase atraído polos
versos.
A homenaxe á poesía galega será o luns 24 de abril, na Biblioteca de Oseiro Dora
Vázquez, ás 18:50 h.
Etiquetas:
Ana Hermida,
Arteixo,
bibliotecas,
Día das Letras Galegas,
Día do Libro,
homenaxes,
poesía,
Rimando e Xogando
O alumnado da EEI Municipal de Arteixo celebra o Día do Libro con “Contos moi naturais”
Contaremos historias enfocadas a por en valor a
natureza, a defensa do medio ambiente, contos que falan de contaminación, de
incendios, do amor á natureza, aos animais… somos parte da natureza, somos
naturais como as árbores, a auga, os paxaros… Xogando
e contando defendemos o noso hábitat para así poder respectalo
e coidalo debidamente.
Mediante contos tentaremos concienciar no coidado e
respecto á natureza e no amor aos libros, ao alumnado da Escola de Educación Infantil
Municipal de Arteixo, que celebrará o Día do Libro na Biblioteca Henrique
Rabuñal, o martes 25 de abril ás 10:00 h.
Etiquetas:
Ana Hermida,
Arteixo,
bibliotecas,
colexios,
contos,
Contos moi naturais,
Día do Libro,
videos
“Contadas na súa voz”, Carlos Casares no Día do Libro co alumnado da EEI de Barrionovo, en Pastoriza
Rendemos unha merecida e
sentida homenaxe ás mulleres e homes que crearon ás máis fermosas historias de
todos os tempos. Repasaremos e sacaremos á luz a súa biografía e
reivindicaremos a súa obra. Serán historias contadas, na súa voz e coa nosa
palabra, dunha literatura que levan disfrutado lectores dende hai anos, ata
converterse nos clásicos de hoxe.
Achegaremos a figura e contaremos contos de Carlos Casares ao alumnado da Escola de Educación Infantil de Barrionovo, que celebrará o
Día do Libro na Biblioteca Miguel Sande, o venres 28 de abril ás 10:00 h. e ás 11:00 h.
Etiquetas:
Ana Hermida,
Arteixo,
bibliotecas,
colexios,
Contadas na súa voz,
contos,
Día do Libro,
EEI,
homenaxes,
narración oral
III Concurso de Recitados Homenaxe a Rosalía de Castro, en Arteixo
Este ano celébrase a terceira edición do concurso de
recitados en homenaxe a Rosalía de Castro, que está organizado pola Rede
Municipal de Bibliotecas do Concello de Arteixo e que será o broche de ouro a
unha serie de actividades coas que conmemoran o mes do libro. Serán 12
participantes, de entre 8 e 12 anos, que levarán un libro de poesía como
agasallo e a persoa premiada recibirá un libro electrónico. A encargada de
conducir o acto será Ana Hermida, quen ademáis renderá homenaxe ás tres figuras
máis representativas do Rexurdimento: Rosalía, Curros e Pondal.
A cita coa poesía será o martes 25, na Sala de Exposicións
do Centro Cívico Cultural de Arteixo, ás 18:30 h. e a entrada é libre e
gratuíta.
Etiquetas:
Ana Hermida,
Arteixo,
colexios,
poesía,
Rexurdimento,
Rosalía
xoves, 30 de marzo de 2017
As “Mulleres no espello” estarán en Órbita Ao Redor da Muller en Compostela
Levaremos a Compostela ás mulleres que desde hai tempo acompañan
nos escenarios a Ana Hermida, de Lisístrata
Asociación, chegando a ser “Mulleres no espello”. Será unha
ollada sobre a personalidade da muller, o amor, a vinganza, o erotismo, a
paixón…
Será o vindeiro sábado 1 de abril, ás 18:00 h. en Os Catro
Gatos galería de Arte de Delio Sanchez, en Compostela. Serán Espazos
En Órbita Ao Redor Da Muller: OlaLab e Os Catro Gatos, de creación horizontal e
colaborativa que se constrúe sumando experiencias e miradas femininas, nun
enredo convocado para gozar, compartir e sumar. Poesía, arte, conferencias,
performance, videocreación, talleres abertos de creatividade, documental,
testemuñas, amigas e amigos, nun enredo convocado para gozar, compartir e sumar.
Organizado por Os Catro Gatos e OLALAB Acción Cultural, con entrada libre
ata completar aforo.
domingo, 26 de marzo de 2017
Estaremos en Órbita Ao Redor da Muller con “Miña casiña, meu lar”, en Compostela
“Miña
casiña, meu lar” amosa a realidade da muller no seu entorno diario, reflicte a
crúa situación das mulleres maltratadas, tanto no físico, coma no verbal,
sexual, laboral, psíquico… Diferentes situacións, diferentes mulleres e unha
soa actriz que dá vida a todas elas. Sempre cun eixo común, a inxusta realidade
coa que se atopan, aínda hoxe, as mulleres no seu día a día. Todo esto posto
enriba dun escenario para tentar concienciar ao público e promover o debate
sobre o tema.
Será o vindeiro
sábado 1 de abril, ás 12:30 h. en Os Catro Gatos, no Concello de Santiago de
Compostela. Evento de creación horizontal e colaborativa que se constrúe
sumando experiencias e miradas femininas, nun enredo convocado para gozar,
compartir e sumar. Poesía, arte, conferencias, performance, videocreación,
talleres abertos de creatividade, documental, testemuñas, amigas e amigos, nun
enredo convocado para gozar, compartir e sumar. Organizado
por Os Catro Gatos e Olalab Acción Cultural, con entrada libre ata completar
aforo.
Todas
as personaxes que interpretei en escena me acompañan, personaxes que semellaban
marchar cando caía o pano, pero que cavaron unha vida en min, dispostas a
axudar ou destruír as personaxes que lles sucederon. Son grega, africana,
siria, veneciana, rusa, brasileira, persa, romana, xaponesa, filipina,
arxentina, norueguesa, coreana, alemá, austriaca, inglesa, realmente do mundo
enteiro. Esa é a auténtica globalización.
Ao
falar aquí non son eu. Non son unha actriz. Son só unha desas incontables
personaxes grazas ás cales o teatro segue existindo. É un pouco o noso deber e
a nosa necesidade. Como expresalo... nós non facemos que o teatro exista. É
grazas ao teatro que nós existimos. O teatro é moi forte, resiste, sobrevive a
todo, ás guerras, ás censuras, á falta de cartos. Abonda con dicir “a escena é
un escenario baleiro dun tempo indeterminado” e facer entrar a un actor, ou
unha actriz. Que vai facer? Que vai dicir? Van falar? O público espera, ese
público sen o que non existe o teatro, non o esquezamos nunca. Unha soa persoa
de público, é público.
O teatro para min é diálogo, a ausencia de odio. A amizade entre os pobos. Non sei agora mesmo que significa exactamente, pero creo na comunidade, na amizade dos espectadores e os actores, na unión de todas ás que reúne o teatro, as que o escriben, as que o traducen, as que o explican, as que o visten, as que o decoran, as que o interpretan, mesmo, as que van. O teatro protéxenos, acóllenos... Creo de verdade que nos ama... tanto como o amamos. (Isabelle Huppert).
O teatro para min é diálogo, a ausencia de odio. A amizade entre os pobos. Non sei agora mesmo que significa exactamente, pero creo na comunidade, na amizade dos espectadores e os actores, na unión de todas ás que reúne o teatro, as que o escriben, as que o traducen, as que o explican, as que o visten, as que o decoran, as que o interpretan, mesmo, as que van. O teatro protéxenos, acóllenos... Creo de verdade que nos ama... tanto como o amamos. (Isabelle Huppert).
Etiquetas:
8M,
Ana Hermida,
Compostela,
Día da Muller,
Día do Teatro,
igualdade,
Miña casiña meu lar,
monólogos,
teatro,
violencia de xénero
martes, 14 de marzo de 2017
Contando en feminino en Ponteceso
Viaxaremos
ata o Concello de Ponteceso, a vila natal de Eduardo Pondal, alí Ana Hermida
estará contando historias para ir concienciando ao público infantil na
igualdade e violencia de xénero, onde o rol feminino sexa, non o tradicional
nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e
tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas
identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.
O
venres 24 de marzo o alumnado do Ceip Eduardo Pondal ten unha cita coa
igualdade, será na Biblioteca Pública Municipal do Concello ás 11:30 h.
venres, 10 de marzo de 2017
Mitos e lendas de Galicia no Concello de Outes
Estaremos no Concello de Outes contando a nosa
historia máis máxica, será no Ceip Plurilingüe da Serra de Outes, o público
será o alumnado de infantil e primaria para o que contaremos lendas, historias
tradicionais e populares que fagan entender e coñecer moitas cousas a nenas e
nenos. Os porqués, os encantos, historias de trasnos, de feitizos, mitoloxía
galega... tamén de temas históricos e de cabaleiros.
A
cita será o venres 10 de marzo na Biblioteca do Colexio, serán tres sesións: ás
10:00 h. o grupo de educación infantil, seguirá o primeiro ciclo de primaria ás 11:00 h.
e o segundo ciclo de primaria ás 12:30 h.
Etiquetas:
Ana Hermida,
colexios,
contos,
Contos e lendas populares,
Mitoloxía para xente miúda,
Outes,
videos
xoves, 9 de marzo de 2017
Tivemos un Nadal en igualdade “Contando en feminino” na Biblioteca Ágora da Coruña
Nenas, igualdade, xogos, nenos, libros, contos, violencia de
xénero, nais, historias, infancia, concienciación, pais,… verbas cun
significado feito realidade grazas ás Bibliotecas Municipais da Coruña. Alí, no
centro do saber, na casa das palabras, deuse cita este Nadal un encontro da
igualdade coa infancia, para concienciar na loita contra a violencia de xénero
ao público infantil que asistiu á sesión de contos na Biblioteca Ágora do
Concello da Coruña. Teño comprobado que as historias son un medio marabilloso
para que reflexionen, opinen, decidan que está ben e que está mal e... sempre
acertan. Ben quixera eu que as persoas adultas tivesen tan claro que un insulto
non se pode consentir, que hai cousas que non se deben facer. É realmente
gratificante ver como seres transparentes teñen a verdade no seu corazón,
espero e desexo que sigan ese camiño no futuro, así mo prometeron e eu sempre
creo na súa palabra.
Etiquetas:
A Coruña,
abuso infantil,
Ana Hermida,
bibliotecas,
Contando en feminino,
contos,
igualdade,
violencia de xénero
O Voitre e a Pomba, a forza da palabra contra o terrorismo machista, en Oleiros
Estivemos no Concello de Oleiros concienciando na igualdade e violencia de
xénero ao alumnado do Ies Miraflores. Enriba do escenario estaba a mellor arma,
a palabra, actor e actriz dándolle vida a textos duros de mulleres e homes,
textos que que fan remexer conciencias. Santiago Fernández e Ana Hermida, antes
de converternos en personaxes, sempre facemos unha lectura do manifesto contra
a violencia de xénero, momento que recolle a foto, a continuación vai a
representación e para rematar o debate. O que pretendemos é facer reflexionar,
crear conciencia colectiva e persoal sobre a igualdade e violencia de xénero,
cando rematamos e o público adolescente se achega a facernos comentarios sobre
o que viviron, parece que o obxectivo está cumprido. A actividade estivo organizada
pola Anpa Miguel Hernández, á que agradecemos o seu compromiso coa igualdade e a
cultura, grazas tamén ás persoas responsables do Instituto e ao público
adolescente polo seu comportamento exemplar.
Monólogos contra a violencia de xénero no Concello de Miño, coa obra “Miña casiña, meu lar”
O Concello de Miño conmemorou o 25N con
monólogos para concienciar na igualdade e violencia de xénero. Ana Hermida despois da súa actuación teatral,
propiciou un debate no que o público estivo moi participativo e foi, coma
sempre, moi enriquecedor. Agradezo a súa participación e tamén a boa
disposición das persoas do Concello responsables de que actos coma este se
leven a cabo. Sorprendeume moi
gratamente saber que, entre as persoas que participaron no debate, estaban
responsables da política do Concello, Alcalde Ricardo Sánchez
Oroza, Concelleiras… polo que non quero
deixar de agradecer a súa implicación na loita contra o terrorismo machista.
Etiquetas:
Ana Hermida,
igualdade,
Miña casiña meu lar,
Miño,
monólogos,
teatro,
violencia de xénero
venres, 24 de febreiro de 2017
Así foi o "Día de Rosalía" en Arteixo
Este ano o Concello de Arteixo declarou o 24 de febreiro “Día de Rosalía”,
con tal motivo o alumnado do Ies Manuel Murguía asistiu durante dous días con dúas
sesións diarias ao espectáculo “Tecín soia a miña tea”, onde Ana Hermida fixo
unha dramatización sobre a obra da poeta, nas que tamén se falou da súa vida,
obra, houbo preguntas, debate, teatro, poesía… actividade organizada pola
Concellería de Cultura en colaboración coas Bibliotecas do Concello. Esta mañá tivo
lugar no Anfiteatro o acto central aberto á cidadanía na que se leu a súa obra
por todas as persoas que libremente por alí se achegaron a homenaxear a Rosalía
no aniversario do seu nacemento.
Abriu o acto Inés Ramos
Álvarez, Concelleira de Servizos Sociais e da Área de Benestar Comunitario, que
fixo alusión ao pleno onde se acordou declarar o 24 de
febreiro Día de Rosalía no noso concello. Seguidamente Ana Hermida leu o Manifesto da AELG, que este ano
redactou Ledicia Costas. A voz de Rosalía comezaba a soar nas voces do pobo,
xente que ía de paseo e achegouse a ler a obra, nenos que participaron do Certame
de Recitados Rosalía de Castro que se celebra cada ano organizado pola
Concellería de Cultura e as Bibliotecas de Arteixo, persoas que viñan da compra
e alí mesmo elixiron o poema para poñerlle voz, outras xa traían o seu libro co
poema preparado, mocidade, infancia, persoas adultas… a poeta do pobo na voz do
pobo.
A representación institucional
estivo nas voces de Inés Ramos e da Concelleira de Cultura
e Festas Ana Bello, en representación do goberno popular do Concello, que tamén leron
poemas pare render homenaxe á escritora, así como a concelleira Susana Lebón, en
representación do partido socialista, que fixo a súa lectura e reflexións sobre
o significado de Rosalía para ela. Alfredo Ferreiro, escritor afincado en
Arteixo, deu lectura ao poema Traición a Rosalía de Castro, creación a partir
doutro de Rosalía, o Airiños, airiños aires.
Pechouse o acto coa homenaxe á estatua de Rosalía en Compostela no
centenario da súa inauguración, lembramos como naceu a idea, como se xuntaron
os cartos, a participación do pobo, a xenerosidade e esforzo de Fraiz, a
contribución do alumnado da época, os discursos, etc. Todo acompañado cunha
exposición de Rosalía, da súa familia, da súa vida, da inauguración da estatua
de Rosalía. Quixen estar arropupada por ela, polo que levei esa exposición da
miña propiedade, como tamén quixen que estivera presente alguén moi importante e
á que lle debemos moito, Helena Villar Janeiro, alí estaba o seu traballo a
modo de libro infantil “Rosalía”, para que todas as nenas e nenos que quixeran,
poideran ler a voz de toda unha experta en Rosalía.
O noso agradecemento a todas as persoas que participaron do acto, tanto na
lectura como ao público que asistiu á homenaxe.
Etiquetas:
AELG,
Ana Hermida,
Arteixo,
Día de Rosalía,
homenaxes,
poesía,
Rexurdimento,
Rosalía
xoves, 23 de febreiro de 2017
Arteixo achega a figura de Rosalía de Castro ao público escolar con "Tecín soia a miña tea"
Hoxe Rosalía de Castro, na voz de Ana Hermida, volverá
estar co alumnado do Ies Manuel Murguía. Faremos un repaso pola súa
biografía e pola súa obra, haberá representación teatral, dramatización da súa
obra e participación do alumnado, que terá ocasión de poñer voz á nosa Poeta nacional.
É o segundo día de encontro co
público escolar, realmente é moi gratificante comprobar o gran interese sobre a
súa obra, a súa vida, a súa familia, había moitas mans erguidas para aclarar
dúbidas.., teñen xa unha imaxe dunha Rosalía loitadora, feminista, comprometida
e dona dunha obra de inmensa valía. Aínda resoan na miña mente as risas estrondosas
dese público que onte disfrutou coa obra Rosaliana.
A actividade está organizada pola Biblioteca do
Concello de Arteixo e dirixida ao alumnado do Ies Manuel Murguía para celebrar o Día de Rosalía. Serán
dúas sesións, na Sala de Exposicións do Centro Cívico Cultural, a primeira
comezará ás 11:00 h. e a seguinte ás 13:00 h.
Etiquetas:
AELG,
Ana Hermida,
Arteixo,
Día de Rosalía,
feminismo,
homenaxes,
Ies,
poesía,
Rexurdimento,
Rosalía,
teatro,
Tecín soia a miña tea
O Concello de Arteixo celebra o Día de Rosalía cun acto aberto á cidadanía
Despois dunha semana con actividades
dirixidas ao público escolar, o Concello de Arteixo celebra o Día de Rosalía
co acto central e aberto a todo o público, onde Ana Hermida dará lectura ao
Manifesto da AELG, que este ano foi redactado por Ledicia Costas. Tamén haberá
lugar para que todas as persoas que por alí se acheguen participen coas súas lecturas da obra de Rosalía. Neste ano celébrase o 180 aniversario do nacemento de Rosalía e o
centenario da inauguración da estatua que dela hai en Compostela, e que tamén
será obxecto dunha homenaxe neste acto público, facendo unha lembranza daquel
día.
Convidamos á toda a cidadanía de
Arteixo a que participe desta gran festa Rosaliana, será o venres 24 ás 12:00
h. no Anfiteatro de Arteixo.
Etiquetas:
AELG,
Ana Hermida,
Arteixo,
Día de Rosalía,
homenaxes,
poesía,
Rexurdimento,
Rosalía,
teatro,
Tecín soia a miña tea
luns, 20 de febreiro de 2017
Arteixo celebra o Día de Rosalía con "Tecín soia a miña tea"
O 22 de febreiro Rosalía de Castro visitará o
concello de Arteixo, onde naceu o seu marido Manuel Murguía. Celebraremos o Día
de Rosalía con Ana Hermida, que achega a súa obra "Tecín soia a miña
tea", para homenaxear á nai das nosas letras.
Serán dramatizacións de
poemas de Rosalía de Castro. Este espectáculo pretende amosar unha Rosalía
actual, como os temas que ela trata, tan vixentes hoxe en día. A relación cos
homes, a defensa da muller, da súa terra... O desexo e ansias súas polo teatro
"eu quería ser actriz e non me deixaron". Unha Rosalía, a veces
divertida, outras reivindicativa, dura. Unha muller interpretando a outra
muller para
honrar a nai da nosa terra.
Serán
dúas sesións, na Sala de Exposicións do
Centro Cívico Cultural, para o alumnado do Ies Manuel Murguía. A primeira comezará ás 11:45
h. e a seguinte ás 13:00 h.
Etiquetas:
AELG,
Ana Hermida,
Arteixo,
Día de Rosalía,
feminismo,
homenaxes,
Ies,
poesía,
Rexurdimento,
Rosalía,
teatro,
Tecín soia a miña tea
venres, 10 de febreiro de 2017
Deixamos "Un Nadal cheo de contos" na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela
Comezamos con
cancións e contos de Nadal e rematamos con cantares de Reises, o público da
Biblioteca Ánxel Casal é moi participativo, foron moitas as nenas e nenos que
quixeron deleitarnos coas súas particulares panxoliñas, momento que disfrutamos todas as persoas presentes. Ver o interese que
teñen polas nosas tradicións de Nadal, así como escoitar á infancia cantar as nosas
panxoliñas é algo que non ten prezo, é sementar amor pola lingua galega, pola
nosa cultura, polas nosas tradicións… Marcharon aprendendo a pedir o aguinaldo mentres eu quedaba co sorriso nos ollos.
Etiquetas:
Ana Hermida,
BPM Ánxel Casal,
Compostela,
contos,
Nadal e Reis,
Un Nadal cheo de contos
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)