Amosando publicacións coa etiqueta Valdoviño. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Valdoviño. Amosar todas as publicacións

venres, 9 de decembro de 2016

Mitoloxía para xente miúda no Concello de Valdoviño

Este Nadal estaremos no Concello de Valdoviño contando historias de aventuras sobrehumanas, de heroínas e heroes lendarios, de deuses que dominaban a terra, contos cheos de fantasía. Mitos fantásticos de todo o mundo que chegaron ata os nosos días para que o público infantil medre coa fantasía dese mundo máxico que serviu aos nosos antigos para buscar explicacións ao descoñecido.

Será o luns 26 de decembro, na Casa da Cultura de Valdoviño, ás 18:00 h.

luns, 14 de decembro de 2015

O Noticieiro Galego recolle a nosa actividade "Contando en feminino"

Estivemos Contando en feminino no Concello de Valdoviño para conmemorar o Día da Muller e o xornal O Noticieiro Galego recolleu así a noticia.

domingo, 22 de marzo de 2015

Estivemos Contando en feminino para as nenas e nenos de Valdoviño

O Concello de Valdoviño celebrou o Día Internacional da Muller cun amplo programa, dentro do cal estaba incluída a nosa actividade "Contando en feminino", dirixido a un público familiar.

As nenas e nenos escoitaron, preguntaron, riron, sacaron as súas conclusións... e quedaron coa mensaxe que se pretendía achegar. A proba foi un debuxo que resume á perfección todo o que se lles contou. Estrela, unha nena do público, mentres eu recollía, achegouse  e entregoume ese bonito agasallo que, dende ese día, gardo con moito cariño.

mércores, 4 de marzo de 2015

Valdoviño celebra o Día Internacional da Muller "Contando en feminino"

Contaremos contos dende a perspectiva de xénero e igualdade, porque como di o Secretario da ONU,  Ban Ki-moon, na mensaxe deste ano, no Día Internacional da Muller:

"Mesmo nas sociedades que viven en paz, son demasiadas as nenas e as mulleres que seguen sufrindo malos tratos no fogar, mutilación xenital e outras formas de violencia que as traumatizan como individuos e danan sociedades enteiras. A discriminación segue sendo unha espesa barreira que ha de romper. Debemos ampliar as oportunidades na política, a empresa e noutros ámbitos. Debemos cambiar as mentalidades, especialmente entre os homes, inspirándoos a que se convertan eles mesmos en axentes activos do cambio. E debemos avalar a nosa determinación con recursos baseándonos no entendemento seguro de que os investimentos en igualdade entre os xéneros xeran progreso económico, inclusión política e social e outros beneficios que, á súa vez, fomentan a estabilidade e promoven a dignidade humana..."

A cita cos contos, actividade que organiza a Biblioteca Municipal, será o venres 6 de marzo, ás 18:30 h., na Casa da Cultura de Valdoviño.