luns, 15 de marzo de 2021

Feministorias", unha cita coa infancia e o feminismo, en Arteixo

A infancia coñecerá, dun xeito divertido e ameno, a historia que non está nos libros de texto, a das nosas avoas e bisavoas que ergueron a voz e loitaron para cambiar o mundo. Nenas e nenos tenden a sentirse protagonistas das historias, polo que lles achegaremos referentes moi coidados e mediante contos, curiosidades e xogos repasaremos os logros e a evolución do feminismo ata os nosos días. Porque o feminismo tamén pode ser divertido.

A cita da infancia co feminismo será o martes 16 de marzo en Arteixo, ás 18:30 h. na Biblioteca de Froxel “Francisco Vidal” na parroquia arteixá de Oseiro.

luns, 8 de marzo de 2021

Conmemoramos o Día Internacional da Muller no Concello de Arteixo contando “A historia en Feminino”

Contaremos "A historia en Feminino" para conmemorar o 8M "Día Internacional da Muller" en Arteixo, alí, na súa terra, Ana Hermida fará un achegamento ao público infantil das moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, deportistas, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. 

Estaremos visibilizando ás mulleres borradas da historia, o mércores 10 de marzo ás 18:00 h., na Biblioteca de Meicende “Antón Castro” incluída na Rede de Bibliotecas do Concello de Arteixo.

luns, 1 de marzo de 2021

A invisibilización da muller tamén é violencia de xénero, por eso naceu hai anos "A historia en Feminino"

Hai moitos anos decidín que había que pasar á acción, naceron entón varios proxectos para concienciar no feminismo, loitar contra a violencia de xénero, o abuso infantil, visibilizar mulleres, etc. “A historia en Feminino” é un proxecto que leva moitos anos visitando concellos de toda Galicia, o público vai desde infantil, primaria, secundaria, bacharelato, público adulto... ata persoas con capacidades especiais. Todo esto nace do compromiso persoal e de crer firmemente no que fago. Cando vexo as reaccións do público penso... pagou a pena, esquezo daquela as horas roubadas ao sono, os moitos quilómetros percorridos, semento feminismo e vexo os resultados, é o mellor termómetro para comprobar que estes proxectos funcionan. Misión cumprida, grazas por tanto como recibo!