xoves, 27 de febreiro de 2020

Conmemoramos o 8M en Carballo con “A historia en Feminino”

O Concello de Carballo, capital da comarca de Bergantiños, recibirá a visita de Ana Hermida para conmemorar o Día Internacional da Muller e contar "A historia en Feminino" nas Bibliotecas de Carballo, concretamente na Biblioteca Rego da Balsa, e facer un achegamento ao público infantil das moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, deportistas, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. 

A cita coas mulleres borradas da historia, será o martes 03 de marzo ás 18:00 h., na Biblioteca Rego da Balsa, dentro do seu programa Xornadas Guerrilleiras.

mércores, 26 de febreiro de 2020

“Ningún lazo a suxeita” homenaxe a Filomena Dato no seu aniversario

Mentres os versos de Filomena soaban na voz de Ana Hermida co recital “Ningún lazo a suxeita”, o vento das Mariñas levaba a súa obra á veciñanza nesta homenaxe á “poeta das Mariñas”, título que lle outorgou o seu amigo Pérez Lugín. A escritora máis premiada do século XIX e académica correspondente da Real Academia Galega, chegaba ao corazóns das mulleres e homes que descubrían a obra da súa veciña ilustre. 

Levamos anos visibilizando a Filomena para reparar o seu inxusto esquecemento, achegando a súa obra, investigando e facendo actividades para darlle o lugar que lle corresponde. Xa no ano 2019 creamos o Premio de Oratoria Filomena Dato (primeiro premio que leva o nome da autora), para promover a expresividade e a expresión –poética, narrativa e discurso– do Idioma Galego e o Feminismo. En pouco tempo teremos novidades relacionadas con Filomena Dato.

sábado, 22 de febreiro de 2020

Acto central do Día de Rosalía no Concello de Arteixo

Despois de dúas semana de actividades dirixidas ao público escolar de Arteixo, Ana Hermida fará unha dramatización da obra da Nai das nosas letras con “Tecín soia a miña tea” e dará lectura ao Manifesto da AELG, que este ano foi redactado por Daniel Asorey. As persoas usuarias do centro tamén renderán homenaxe á padronesa universal dando lectura á obra Rosaliana. O acto central terá lugar na Residencia de Maiores do Concello, pertencente ao Consorcio Galego de Igualdade e Benestar da Consellería de Política Social.

A cita con Rosalía, neste emotivo acto, será o luns 24 de febreiro ás 11:00 h. na Residencia de Maiores de Arteixo.

xoves, 20 de febreiro de 2020

Arteixo conmemora o Día de Rosalía con "Tecín soia a miña tea"

Ana Hermida fará unha dramatización da obra da Nai das nosas letras con “Tecín soia a miña tea”, poemas, teatro, e algunha canción para honrar a nai da nosa terra no seu aniversario, unha muller interpretando a outra muller, a Rosalía feminista, divertida, defensora da súa terra. Tamén dará lectura ao Manifesto da AELG, que este ano foi redactado por Daniel Asorey. Este acto central terá lugar na Residencia de Maiores do Concello de Arteixo, pertencente ao Consorcio Galego de Igualdade e Benestar da Consellería de Política Social, onde as persoas usuarias do centro renderán homenaxe á padronesa universal dando lectura á obra Rosaliana. 

Será o luns 24 de febreiro ás 11:00 h. no Residencia de Maiores de Arteixo.

luns, 17 de febreiro de 2020

Rosalía de Castro visita a Biblioteca Ánxel Casal para celebrar o seu día con "Sabéndote, Rosalía"

Coa inocencia propia da infancia, unha Rosalía aínda nena, irá debullando a súa vida entre versos, cancións e soños. Quen mellor que Rosalía para facelo? Moito se ten escrito da nosa poeta, pero aínda non está todo dito. É este un achegamento ao mundo infantil da Nai das nosas letras, a Rosalía defensora da muller, da súa terra, unha Rosalía reivindicativa, divertida… Vida e obra contada en primeira persoa ao xeito de teatro infantil.

A cita cos contos será o sábado 22 de febreiro, no salón de actos da Biblioteca Pública de Santiago de Compostela, ás 12:00 h. con entrada é libre e gratuíta ata completar aforamento.

sábado, 8 de febreiro de 2020

Arteixo achega a figura de Rosalía ao alumnado do Ies Manuel Murguía con "Tecín soia a miña tea

Rosalía de Castro, na voz de Ana Hermida, estará co alumnado do Ies Manuel Murguía. Faremos un repaso pola súa biografía e pola súa obra, haberá representación teatral, dramatización da súa obra e participación do alumnado, que terá ocasión de poñer voz á nosa Poeta nacional e daremos lectura ao Manifesto da Aelg redactado este ano por Daniel Asorey. A actividade está organizada pola Concellería de Cultura a través da Rede de Bibliotecas do Concello de Arteixo.

Serán dous días de encontro, 21 e 27 de febreiro, cunha Rosalía loitadora, feminista, comprometida e dona dunha obra de inmensa valía. A cita terá lugar na Biblioteca Central de Arteixo “Henrique Rabuñal” ás 11:00 h.

sábado, 1 de febreiro de 2020

O Ceip de Galán de Oseiro, achega a figura de Rosalía ao seu alumnado con "Tecín soia a miña tea"

Ana Hermida, a nosa Rosalía de Castro, estará co alumnado do Ceip de Galán de Oseiro, parroquia arteixá onde naceu o patriarca Manuel Murguía, marido de Rosalía. Faremos un repaso pola biografía e pola obra da Nai das nosas letras, haberá representación teatral, dramatización da súa obra e participación do alumnado, que terá ocasión de poñer voz á nosa Poeta nacional e remataremos a gran festa Rosaliana dando lectura ao Manifesto da Aelg redactado este ano por Daniel Asorey.

O encontro de Rosalía co alumnado terá lugar o venres 28 de febreiro no salón de Actos do Ceip de Galán e comezará ás 09:20 h. con varias sesións para catrocentos cincuenta e tres escolares.