sábado, 31 de maio de 2014

A Casa de Man de Camelle foi un lugar privilexiado para Contos moi naturais

O público era o alumnado do Ceip Campo da Area de Camelle, ademáis asistiron as súas mestras e, algo que a min persoalmente me gusta moito, as nais e pais das nenas e nenos.

Falando co público entereime que non tiran papeis nas rúas, sabedes por que? contáronme que os gardan nos petos dos pantalóns, que por certo, teñen cremalleira, así non hai problema de que poidan caer. Tamén me contaron que non lixan as praias... á súa corta idade xa o teñen moi claro.

Entre conto e conto saíu o tema do chapapote e apareceron os verdadeiros heroes, "o meu pai limpou o chapapote", así que convidei a Modesto a que lles contase cousas da grande catástrofe. Foi unha xornada na que as nenas e nenos comprenderon e valoraron o medio natural no que vivimos. Por suposto os heroes de Camelle recibiron un aplauso de todas e todos eles.

Ao remate fixen para eles uns animaliños de papel reciclado, dixeron que ían aprender papiroflexia porque querían facer cousas así, levaron para a súa casa a mostra, así que seguro que xa dominan a técnica.

Así foi o día no que estivemos Contando en feminino en Meaño

Cando o público infantil asiste a un acto e leva consigo ás súas bonecas e bonecos para que disfruten tamén dos contos... que podo dicir? é do máis fermoso que teño visto. 

Non é a primeira vez que me ocorre, chegan sorrindo e cos seus amigos no colo, axúdoos a sentar (ás veces nin chegan aos asentos, como nesta ocasión), acomódanse e dispoñen ás bonecas nun sitio privilexiado e tamén sentadas para que escoiten os contos. 

Cando vexo eses comportamentos e xenerosidade ao compartir, eu non podo máis que sentir unha grande tenrura. Grazas ás nenas e nenos de Meaño, escoitaron os contos con moita atención e participaron moi activamente, portáronse moi ben e... os bonecos tamén.

sábado, 24 de maio de 2014

As nenas e nenos de San Sadurniño estiveron Rimando e Xogando con Díaz Castro

A festa da poesía chegou a San Sadurniño para festexar o Día das Letras Galegas, alí rendimos unha homenaxe ao Xosé María Díaz Castro máis infantil.

Máis dun cento de nenas e nenos de entre tres e oito anos xogaron coas rimas, cantaron... e por suposto, leron moitos poemas, mesmo escenificaron algún que outro. Ao rematar recibiron un sentido aplauso dos seus compañeiros que abarrotaban a Casa da Cultura. É fermoso ver como a ese público tan noviño se lle enchen os ollos de alegría ao ler e disfrutar coa poesía. 

Grazas a todas e todos eles, portáronse moi ben, estiveron moi atentos, participativos, contáronme cousas de Díaz Castro, tamén me contaron o moito que lles gustaba ler... foi un día moi emotivo. 

Por suposto ese público marabilloso foi o protagonista dese día, subían ao escenario, dicían o seu nome, o título do poema e recitaban ante o auditorio, que máis se pode pedir? as caras e olliños de felicidade dicíano todo. Rematamos bailando con Díaz Castro e a música de A Quenlla. 

martes, 20 de maio de 2014

Contando en feminino en Malpica

Esta semana "Contando en feminino" achégase á Costa da Morte, concretamente ao Concello de Malpica.

Serán contos e historias dende a perspectiva de xénero e igualdade para ir concienciando ao público máis noviño, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

A cita será na Biblioteca Pública Municipal de Malpica “Eduardo Blanco Amor” o venres 23, ás 18:00 h.

xoves, 15 de maio de 2014

Rimando e xogando... con Díaz Castro, na axenda da AELG

A "AELG" Asociación de Escritores en Lingua Galega, leva na súa axenda cultural a actividade que Ana Hemida levará a cabo para achegar a poesía ao público infantil do CPI San Sadurniño.

Renderase unha homenaxe ao escritor Xosé María Díaz Castro, poeta ao que este ano se lle adica o Día das Letras Galegas.

mércores, 14 de maio de 2014

Rimando e Xogando en San Sadurniño, con Díaz Castro

Esta semana estaremos en San Sadurniño para render homenaxe a Xosé María Díaz Castro, neste seu ano das Letras Galegas. 

O poeta chairego será obxecto de lecturas, xogos, rimas, cancións... unha maneira de achegar ao público infantil o seu traballo e a súa figura.

Será o noso o Díaz Castro máis infantil, estará nas voces de Ana Hermida e das nenas e nenos de entre 3 e 8 anos do CEIP de San Sadurniño.

A cita coa poesía e con Díaz Castro, será o venres 16 na Casa da Cultura de San Sadurniño, ás 12:00 h.

domingo, 11 de maio de 2014

Contando en feminino no blog de Ler Conta Moito

Deixamos aquí a entrada que fixeron no blog de Ler conta moito, referente á actividade que realizou Ana Hermida con "Contando en feminino" na biblioteca municipal do Concello de Meaño.

Contos moi naturais na Voz de Galicia

Así recolle o xornal La Voz de Galicia a sesión de Contos moi naturais, que terá lugar o martes 13 na Casa de Man de Camelle.

Contos moi naturais na Casa de Man de Camelle

A Casa da Cultura de Camelle "Casa de Man" acolle o martes día 13 unha sesión de Contos moi naturais.

Serán contos enfocados a por en valor a natureza, a defensa do medio ambiente, contos que falan de contaminación, de incendios, do amor á natureza, aos animais… somos parte da natureza, somos naturais coma as árbores, a auga, os paxaros… xogando e contando, defendemos e concienciamos da importancia do noso hábitat para así poder respectalo e coidalo debidamente.

Será unha cita co público infantil do CEIP Campo da Area de Camelle, ao que tamén está convidado o alumnado das unitarias da vila. 

A cita nese lugar tan emblemático e idóneo para espertar e coidar conciencias medioambientais, será na Casa de Man de, o martes 13, ás 16:00 h.

martes, 6 de maio de 2014

Contando en feminino na Biblioteca Municipal de Meaño

O vindeiro xoves, Ana Hermida estará Contando en feminino na Comarca do Salnés, concretamente no Concello de Meaño.

Serán contos contados dende a perspectiva de xénero e igualdade para ir concienciando aos máis novos, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

A cita con todas as nenas e nenos, será na biblioteca municipal do Concello de Meaño, ás 18:00 h.

domingo, 4 de maio de 2014

O Día do Libro estivemos Rimando e Xogando na biblioteca de Froxel

As nenas e nenos da parroquia de Oseiro festexaron o Día do Libro "Rimando e Xogando" na biblioteca de Froxel, moi preto da casa onde naceu Murguía, marido da gran poeta Rosalía de Castro, lugar idóneo para festexar ese día.

A biblioteca encheuse de público infantil que ía dende os tres aniños ata mozas de catorce. Todas e todos quixeron participar, rimaron, cantaron, inventaron poemas, leron no atril... foi un día moi bonito. Tamén me gusta moito cando vexo aos maiores que acompañan ao público infantil, participar da festa da poesía.

Teño comprobado que a poesía gústalles moito a nenas e nenos, disfrutan con Helena Villar Janeiro, Manuel María, Antón Cortizas, Xesús Rábade Paredes, Dora Vázquez, Rosalía de Castro, Xosé María Díaz Castro... Gústame ver como disfrutan lendo no atril, tómano moi en serio, eu dígolles que digan o nome do poema, autor ou autora e reciten a poesía en voz alta, clara e pausada, canto rematan reciben un aplauso de todos os presentes, nótase que disfrutaron o momento.

Cando poño fotos dos menores, é porque hai previo consentimento. Así que cando non se pode, poño algo que ilustre a actividade, como este dado, elemento para rimar, como? ahhh...