luns, 16 de outubro de 2017

Coristanco celebra o Día da Biblioteca Contando en feminino

Ana Hermida viaxará ata Coristanco, na Comarca de Bergantiños, onde a Biblioteca Municipal organiza unha actividade dirixida ao alumnado do CPI Alcalde Xosé Pichel, para celebrar o Día da Biblioteca achegando historias contadas dende a perspectiva de xénero e así tentar concienciar na igualdade e violencia de xénero ao público infantil, historias onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

A cita coa igualdade será na Casa da Cultura do Concello de Coristanco, o xoves 19 de outubro ás 10:30 h.

sábado, 7 de outubro de 2017

Faremos “Un roteiro cheo de historias” na Fraga do Barragán, en Pazos de Borbén e Fornelos de Montes

Os espazos que andamos cada día agochan segredos que convén coñecer, tamén o entorno natural está cheo de contos que iremos narrando nun percorrido cheo de historias da historia, lendas fascinantes, curiosidades e personaxes que gardamos na mochila para todas as nenas e nenos que se acheguen a facer este roteiro con nós, atréveste?

Actividade organizada por Bibliopazos, a Biblioteca Municipal do Concello de Pazos de Borbén e incluída na programación “Contos na Natureza” na que se pretende promover o uso da lingua galega e fomentar a animación á lectura a través da narración oral galega e apostando pola posta en valor do patrimonio arqueolóxico, etnográfico, natural e cultural do Concello. Está patrocinada pola Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia.

No ano 2012, conscientes da necesidade de protección da fraga e da súa riqueza natural e cultural, as parroquias de Calvos e Traspielas (Fornelos de Montes) e as de Moscoso e Xunqueiras (Pazos de Borbén) xuntáronse para crear o proxecto: A Senda da Fraga do Barragán, que ten como obxectivos a súa conservación e divulgación do seu patrimonio natural e etnográfico.

Será o martes 10 de outubro ás 12:00 h. e está dirixido ao alumnado da Eso do CPI Curros Enríquez e da Fundación Aspavi.

mércores, 4 de outubro de 2017

"Tecín soia a miña tea", homenaxe a Rosalía de Castro

A nosa particular homenaxe a Rosalía de Castro, con Ana Hermida, non é algo puntual nin de datas no calendario, Rosalía leva con nós anos, levamos a súa obra, a súa palabra, a súa mensaxe... á rúa, aos colexios, aos institutos, aos teatros. Ela é o importante, quen ouse cambiarlle a súa imaxe para facela máis atractiva (ela xa era bonita dabondo), quen queira converter a súa figura nunha feira, quen se queira apropiar dela, quen pretenda convertela nun produto, está moi equivocada. Rosalía foi, é e será nosa, do pobo, por eso é grande.