venres, 24 de febreiro de 2017

Así foi o "Día de Rosalía" en Arteixo

Este ano o Concello de Arteixo declarou o 24 de febreiro “Día de Rosalía”, con tal motivo o alumnado do Ies Manuel Murguía asistiu durante dous días con dúas sesións diarias ao espectáculo “Tecín soia a miña tea”, onde Ana Hermida fixo unha dramatización sobre a obra da poeta, nas que tamén se falou da súa vida, obra, houbo preguntas, debate, teatro, poesía… actividade organizada pola Concellería de Cultura en colaboración coas Bibliotecas do Concello. Esta mañá tivo lugar no Anfiteatro o acto central aberto á cidadanía na que se leu a súa obra por todas as persoas que libremente por alí se achegaron a homenaxear a Rosalía no aniversario do seu nacemento.

Abriu o acto Inés Ramos Álvarez, Concelleira de Servizos Sociais e da Área de Benestar Comunitario, que fixo alusión ao pleno onde se acordou declarar o 24 de febreiro Día de Rosalía no noso concello. Seguidamente Ana Hermida leu o Manifesto da AELG, que este ano redactou Ledicia Costas. A voz de Rosalía comezaba a soar nas voces do pobo, xente que ía de paseo e achegouse a ler a obra, nenos que participaron do Certame de Recitados Rosalía de Castro que se celebra cada ano organizado pola Concellería de Cultura e as Bibliotecas de Arteixo, persoas que viñan da compra e alí mesmo elixiron o poema para poñerlle voz, outras xa traían o seu libro co poema preparado, mocidade, infancia, persoas adultas… a poeta do pobo na voz do pobo.
A representación institucional estivo nas voces de Inés Ramos e da Concelleira de Cultura e Festas Ana Bello, en representación do goberno popular do Concello, que tamén leron poemas pare render homenaxe á escritora, así como a concelleira Susana Lebón, en representación do partido socialista, que fixo a súa lectura e reflexións sobre o significado de Rosalía para ela. Alfredo Ferreiro, escritor afincado en Arteixo, deu lectura ao poema Traición a Rosalía de Castro, creación a partir doutro de Rosalía, o Airiños, airiños aires. 

Pechouse o acto coa homenaxe á estatua de Rosalía en Compostela no centenario da súa inauguración, lembramos como naceu a idea, como se xuntaron os cartos, a participación do pobo, a xenerosidade e esforzo de Fraiz, a contribución do alumnado da época, os discursos, etc. Todo acompañado cunha exposición de Rosalía, da súa familia, da súa vida, da inauguración da estatua de Rosalía. Quixen estar arropupada por ela, polo que levei esa exposición da miña propiedade, como tamén quixen que estivera presente alguén moi importante e á que lle debemos moito, Helena Villar Janeiro, alí estaba o seu traballo a modo de libro infantil “Rosalía”, para que todas as nenas e nenos que quixeran, poideran ler a voz de toda unha experta en Rosalía.
O noso agradecemento a todas as persoas que participaron do acto, tanto na lectura como ao público que asistiu á homenaxe. 

xoves, 23 de febreiro de 2017

Arteixo achega a figura de Rosalía de Castro ao público escolar con "Tecín soia a miña tea"

Hoxe Rosalía de Castro, na voz de Ana Hermida, volverá estar co alumnado do Ies Manuel Murguía. Faremos un repaso pola súa biografía e pola súa obra, haberá representación teatral, dramatización da súa obra e participación do alumnado, que terá ocasión de poñer voz á nosa Poeta nacional.

É o segundo día de encontro co público escolar, realmente é moi gratificante comprobar o gran interese sobre a súa obra, a súa vida, a súa familia, había moitas mans erguidas para aclarar dúbidas.., teñen xa unha imaxe dunha Rosalía loitadora, feminista, comprometida e dona dunha obra de inmensa valía. Aínda resoan na miña mente as risas estrondosas dese público que onte disfrutou coa obra Rosaliana.

A actividade está organizada pola Biblioteca do Concello de Arteixo e dirixida ao alumnado do Ies Manuel Murguía para celebrar o Día de Rosalía. Serán dúas sesións, na Sala de Exposicións do Centro Cívico Cultural, a primeira comezará ás 11:00 h. e a seguinte ás 13:00 h.

O Concello de Arteixo celebra o Día de Rosalía cun acto aberto á cidadanía

Despois dunha semana con actividades dirixidas ao público escolar, o Concello de Arteixo celebra o Día de Rosalía co acto central e aberto a todo o público, onde Ana Hermida dará lectura ao Manifesto da AELG, que este ano foi redactado por Ledicia Costas. Tamén haberá lugar para que todas as persoas que por alí se acheguen participen coas súas lecturas da obra de Rosalía. Neste ano celébrase o 180 aniversario do nacemento de Rosalía e o centenario da inauguración da estatua que dela hai en Compostela, e que tamén será obxecto dunha homenaxe neste acto público, facendo unha lembranza daquel día.

Convidamos á toda a cidadanía de Arteixo a que participe desta gran festa Rosaliana, será o venres 24 ás 12:00 h. no Anfiteatro de Arteixo.

luns, 20 de febreiro de 2017

Arteixo celebra o Día de Rosalía con "Tecín soia a miña tea"

O 22 de febreiro Rosalía de Castro visitará o concello de Arteixo, onde naceu o seu marido Manuel Murguía. Celebraremos o Día de Rosalía con Ana Hermida, que achega a súa obra "Tecín soia a miña tea", para homenaxear á nai das nosas letras.

Serán dramatizacións de poemas de Rosalía de Castro. Este espectáculo pretende amosar unha Rosalía actual, como os temas que ela trata, tan vixentes hoxe en día. A relación cos homes, a defensa da muller, da súa terra... O desexo e ansias súas polo teatro "eu quería ser actriz e non me deixaron". Unha Rosalía, a veces divertida, outras reivindicativa, dura. Unha muller interpretando a outra muller para honrar a nai da nosa terra.

Serán dúas sesións, na Sala de Exposicións do Centro Cívico Cultural, para o alumnado do Ies Manuel Murguía. A primeira comezará ás 11:45 h. e a seguinte ás 13:00 h.

venres, 10 de febreiro de 2017

Deixamos "Un Nadal cheo de contos" na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela

Comezamos con cancións e contos de Nadal e rematamos con cantares de Reises, o público da Biblioteca Ánxel Casal é moi participativo, foron moitas as nenas e nenos que quixeron deleitarnos coas súas particulares panxoliñas, momento que disfrutamos todas as persoas presentes. Ver o interese que teñen polas nosas tradicións de Nadal, así como escoitar á infancia cantar as nosas panxoliñas é algo que non ten prezo, é sementar amor pola lingua galega, pola nosa cultura, polas nosas tradicións… Marcharon aprendendo a pedir o aguinaldo mentres eu quedaba co sorriso nos ollos.