domingo, 21 de novembro de 2021

Historias “Sen etiquetas” no Ceip de Caión para conmemorar o 25N

Viaxaremos ao Concello da Laracha, concretamente á vila costeira de Caión, para contar ao alumnado historias para aprender a aceptar, respectar e comprender a identidade de cada persoa e amosar todos os afectos posibles entre os seres humanos, así como poñer ao seu alcance a diversidade de familias, todas elas válidas. A través dos contos tentamos visibilizar unha realidade e sensibilizar á infancia para que medre na tolerancia e respecto.

Será o xoves 25 de novembro, na biblioteca do Ceip de Caión, ás 09:45 h. 

venres, 12 de novembro de 2021

O alumnado do Ceip de Caión ten unha cita con “Feministorias” o 25N

O alumnado do Ceip de Caión coñecerá, dun xeito divertido e ameno, a historia que non está nos libros de texto, a das nosas avoas e bisavoas que ergueron a voz e loitaron para cambiar o mundo. Conmemoramos así o 25N, porque o feminismo tamén pode ser divertido.

A cita co feminismo será o xoves 25 de novembro, na biblioteca do Ceip de Caión, ás 11:15 h.


luns, 1 de novembro de 2021

Conmemoramos o 25N "Contando en feminino" en Oseiro

Ana Hermida contará historias desde a perspectiva de xénero e igualdade, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario, onde o final pode cambiar e a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Contos tamén para concienciar e loitar contra o abuso infantil e a violencia de xénero. Así conmemoramos o 25N "Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller".

A cita coa igualdade será o xoves 22 de novembro ás 18:30 h. na Biblioteca de Oseiro “Dora Vázquez”, ás 18:30 h.