mércores, 27 de setembro de 2017

Contaremos "A memoria en Feminino" en Pastoriza

Estimular a memoria durante a infancia é fundamental para o seu desenvolvemento. A través de contos, actividades e xogos recuperaremos a memoria das mulleres, a infancia coñecerá personaxes e pasaxes da historia feminina chea de desigualdades e inxusto silencio. Sacaremos do esquecemento ás mulleres para que sigan vivas na nosa memoria.

Será na Biblioteca de Pastoriza “Miguel Sande” do Concello de Arteixo, o xoves 28 de setembro ás 18:50 h. 

domingo, 24 de setembro de 2017

Conmemoramos o 25N en Cedeira contando "A historia en Feminino"

Achegamos A Historia en Feminino, da man de Ana Hermida, ao alumnado do Ies Punta Candieira. Foi no Auditorio do Concello de Cedeira, alí procuramos concienciar na igualdade e violencia de xénero, así como visibilizar ás mulleres borradas da memoria, coñecer a súa historia, os seus logros, a súa vida, achegar a realidade oculta durante séculos, cun apartado especial para as mulleres na Ciencia. Actividade programada para conmerorar o “Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller” 25N.

martes, 5 de setembro de 2017

"Oriente máxico" na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela

Queres que che conte unha historia extraordinaria e marabillosa? Viaxaremos a un mundo onde evocaremos ese lugar máxico onde todo é posible. Haberá historias de aventuras, mulleres intelixentes que vencen a brutalidade do rei, piratas, xenios, xigantes… De Persia a Exipto, da India ao Magreb, a forza da palabra sempre pode salvarnos das situacións máis complicadas.

A cita cos contos será o sábado 9 de setembro, no salón de actos da Biblioteca Pública de Santiago de Compostela, ás 12:00 h. e a entrada é libre e gratuíta ata completar aforamento.