venres, 24 de abril de 2015

A Escola Infantil Municipal de Arteixo celebra o Día do Libro con Picaradas na Biblioteca Central

Contos, historias, rimas, cancións… a biblioteca será unha festa para ese público tan esixente, saben que é o lugar onde habitan seres fantásticos e máxicos, un lugar onde a imaxinación voa mentres miran as letras e as ilustracións. Libros que pasan de man en man mentres constrúen a súa propia historia. Volverei cantarlles as súas cancións preferidas, esas que cantan e bailan sen parar. Para min é un pracer, xa que ademáis aprenden a amar a nosa lingua, a musicalidade das palabras tan nosas. 

As Picaradas estarán agardando por todas as nenas e nenos da Escola Infantil Municipal, o venres 24 na Biblioteca Central de Arteixo, ás 10:30 h.

xoves, 23 de abril de 2015

Picaradas para celebrar o Día do Libro na Biblioteca de Pastoriza

A Biblioteca Municipal de Pastoriza foi unha festa cando contos, bebés e libros se xuntaron para celebrar o Día do Libro con Picaradas. Era un público moi especial, chegaron con ilusión e, tal como se aprecia na foto, cos seus peluches e bonecos, a ese lugar onde, según me dixeron, contaban contos e había libros moi bonitos.

Repetían outra vez, outra vez... así foi como ata en tres ocasión tiven que lles cantar unha das súas cancións preferidas, cantaban, bailaban, xogaban, rían... colleron nas súas pequenas manciñas os libros que eu lles deixei ao remate da contada, pasaban as follas, imaxinaban historias, repetían as que eu lles contara, recoñecían letras... A visión era marabillosa, o chan cheo de libros, bebés, fantasías... que mellor xeito de festexar o Día do Libro!

mércores, 22 de abril de 2015

A Biblioteca do Porriño celebra o Día do Libro "Contando en feminino"

A Biblioteca Municipal do Concello do Porriño acolle unha sesión de contos de igualdade e non violencia de xénero. A data elixida foi o Día do Libro, xa que os libros son un medio moi propicio para concienciar neste tema dende a máis tenra infancia.

Serán historias para ir concienciando ao público infantil, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

luns, 20 de abril de 2015

A Escola Infantil Municipal de Pastoriza celebra o Día do Libro con Picaradas

Os libros a estas idades son pequenos xoguetes que axudan a estimular os sentidos, espertar a imaxinación e recoñecer o seu pequeno mundo. Son persoas observadoras, imaxinativas e moi selectivas. Durante media hora teremos cancións, xogos, rimas… e historias para procurar que se acheguen ao mundo dos libros e ás súas primeiras lecturas.

O público será o alumnado da Escola Infantil de Pastoriza que celebrará o Día do Libro na Biblioteca Central de Arteixo "Henrique Rabuñal", o martes 21 de abril ás 10:30 h.

domingo, 19 de abril de 2015

Así foi a sesión de Contos moi naturais, na Biblioteca Central de Arteixo

Foi unha sesión na que houbo contos, reflexión, diversión... un pai participou contando e explicándolles cousas que as nenas e nenos non pensaban que poideran pasar por estas terras. Tamén volvín comprobar que teñen conciencia de coidar e protexer o medio ambiente, agardo que medren neses valores. Ao final, como se aprecia na foto, comprobaron que todo se recicla, mesmo en marabillosas figuras. Levaron algunha figuriña feita en origami dicindo que querían aprender, sei que o farán.

Estivemos contando "Mitoloxía para xente miúda" en Meicende

A Biblioteca Antón Castro de Meicende acolleu unha sesión de historias fantásticas, historias nas que ese público miúdiño abría os ollos para non perder ningún detalle daqueles seres fascinantes, preguntaban, querían saber máis e máis... sen dúbida é un tema que lles atrae moito. Ao remate convidei a unha nena a que nos contara a todas as persoas que alí estabamos algo do que escoitara... foi moi gratificante, non perdera detalle. 

Levamos á Biblioteca Ánxel Casal os nosos Contos moi naturais

O público da biblioteca estaba moi concienciado, aprendemos a reciclar, falamos de historias de contaminación, de protexer o medio ambiente.... foi unha sesión moi especial, xa que contamos entre o público con Rodrigo e a súa nai, viñan da terra do Cid, como el mesmo me dixo, así que as historias da nosa terra marcharon para Burgos. As nenas e nenos que se achegaron pola biblioteca dixéronme que tamén querían defender o medio ambiente, como fixeron as personaxes dos contos... algunhas ficticias e outras moi reais.

mércores, 8 de abril de 2015

Cando representamos en San Sadurniño "O Voitre e a Pomba" o 25N

A Casa da Cultura acolleu o 25 de novembro a obra "O Voitre e a Pomba", con Ana Hermida e Santiago Fernández. Unha peza moi dura que reflicte nas táboas a crueza e sufrimento das vítimas do maltrato físico e psicolóxico.

"A elección dunha obra tan potente e directa foi algo premeditado, xa que a preadolescencia e a adolescencia son dous grupos de poboación aos que máis cómpre concienciar" afirmou a Concelleira de Igualdade, Ana Breijo Gundín.

Contando en feminino na Biblioteca Municipal de Lugo

Contos contados dende a perspectiva de xénero e igualdade. Contos e historias para ir concienciando ao público máis novo, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

Será o xoves 9 de abril na Biblioteca Municipal de Lugo, ás 18:30 h.

O Concello de Ponteareas recolle na súa páxina a nosa visita Contando en feminino

Aparece recollida na páxina web do Concello una reseña de Contando en feminino, contos de igualdade e non violencia para o público infantil, facéndose eco da visita que Ana Hermida fixo á Axencia de Lectura de Guillade.

martes, 7 de abril de 2015

O Concello de Lugo inclúe Contando en feminino na súa programación cultural de primavera

O Concello de Lugo inclúe dentro da súa programación cultural “Contando en feminino”. A Biblioteca Muncipal será o espazo reservado para concienciar ao público máis novo na igualdade e non violencia e será coa lectura, co máxico mundo das historias e dos libros.

Os contos xa están preparados para todas as nenas e nenos que por alí se acheguen.

xoves, 2 de abril de 2015

A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal acolle unha sesión de Contos moi naturais

Esta fin de semana haberá “Unha choiva de contos” enfocados a por en valor a natureza, a defensa do medio ambiente, contos que falan de contaminación, de incendios, do amor á natureza, aos animais… somos parte da natureza, somos naturais coma as árbores, a auga, os paxaros… xogando e contando, defendemos e concienciamos da importancia do noso hábitat e asi respectalo e coidalo debidamente.

Será o sábado 4 de abril, no salón de actos da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, ás 12:00 h.