luns, 16 de abril de 2018

Celebramos coa Biblioteca de Arteixo o Día do Libro, saíndo á rúa

A Rede de Bibliotecas de Arteixo celebra o Día do Libro e do Dereito de Autora saíndo á rúa e agasallando ás persoas que por alí se acheguen con libros para todas as idades, con tal motivo o persoal das bibliotecas estará a pé de rúa. No Concello de Arteixo hai cinco bibliotecas, a Central en Arteixo "Henrique Rabuñal”, a de Oseiro “Dora Vázquez”, a de Froxel “Francisco Vidal”, a de Pastoriza "Miguel Sande" e a de Meicende "Antón Castro", todas levan nomes de xente da escrita nacida en Arteixo ou relacionada con esta vila. Convidamos á cidadanía a que, como todos anos, encha as rúas de cultura. Nós por aí andaremos entre poemas, contos, igualdade, historias…

O 23 de abril de 1616, dous xigantes da literatura mundial morreron, dous precursores cuxa obra revolucionaría a forma en que se concibiu e escribiu a ficción: Cervantes e Shakespeare. Esta coincidencia é a razón pola cal o 23 de abril foi elixido como día mundial do libro e do dereito de autor. Cando celebramos libros, celebramos actividades -escribir, ler, traducir, publicar- que axudan ás persoas para elevarse e realizarse a si mesmas; e celebramos, dunha maneira fundamental, as liberdades que as fan posibles. Os libros atópanse na intersección dalgunhas das liberdades humanas máis esenciais, principalmente a liberdade de expresión e a liberdade de publicar. Estas son liberdades fráxiles. Ante moitos desafíos, desde o cuestionamiento do dereito de autor e a diversidade cultural ata as ameazas físicas sobre autoras, xornalistas e editoras en moitos países, estas liberdades tamén se negan, mesmo hoxe, cando as escolas son atacadas, e se destrúen manuscritos e libros.

É o noso deber entón, en todo o mundo, protexer estas liberdades e promover a lectura e a escritura para combater o analfabetismo e a pobreza e fortalecer os cimentos da paz, así como protexer ás profesións e profesionais relacionadas coa publicación. A acción das editoras, merece o debido recoñecemento e protección, posto que o movemento de obras escritas é unha contribución esencial á liberdade de expresión, o debate público e o diálogo.

Xuntémonos para celebrar libros que incorporen a creatividade, permitan que as ideas e o coñecemento se compartan a través das fronteiras e fortalezan o entendemento mutuo e o diálogo. (Audrey Azoulay)

luns, 9 de abril de 2018

“Contadas na súa voz”, María Victoria Moreno no Día do Libro co alumnado de EEI de Vilarrodís

Seguimos rendendo homenaxe á nosa cultura, nesta ocasión será a María Victoria Moreno, pioneira da literatura galega infantil, a quen a Real Academia Galega dedicou este ano o Día das Letras Galegas. Repasaremos a súa biografía e a súa obra. Serán historias contadas na súa voz e coa palabra de Ana Hermida. Actividade organizada pola Rede de Bibliotecas de Arteixo, que cada ano leva ao alumnado dos centros escolares ás diferentes bibliotecas do concello para celebrar o Día do Libro.

Achegaremos a figura e obra de María Victoria Moreno ao alumnado da Escola de Educación Infantil de Villarrodís, de Oseiro, concello de Arteixo, será na Biblioteca Francisco Vidal, o luns 9 de abril en doble sesión, a primeira comezará ás 11:00 h. e a segunda ás 12:00 h.

xoves, 5 de abril de 2018

Estivemos Contando en feminino en Ponteceso

As nenas e nenos do CPI Ponteceso asistiron a unha sesión de “Contando en feminino”, contos para a igualdade e violencia de xénero. Ana Hermida estivo na Biblioteca do Concello de Ponteceso, enclave moi fermoso da Costa da Morte, onde o alumnado foi o protagonista, os seus comentarios, conclusións e preguntas son sempre enriquecedoras, dan alento para seguir neste labor de concienciar desde a máis tenra infancia, polo que seguiremos nesta loita silenciosa na que cremos firmemente.

martes, 3 de abril de 2018

“Contadas na súa voz”, María Victoria Moreno no Día do Libro co alumnado de EI do Ceip de Galán, en Oseiro

Seguimos rendendo homenaxe á nosa cultura, nesta ocasión será a María Victoria Moreno, pioneira da literatura galega infantil, a quen a Real Academia Galega dedicou este ano o Día das Letras Galegas. Repasaremos a súa biografía e a súa obra. Serán historias contadas na súa voz e coa palabra de Ana Hermida. Actividade organizada pola Rede de Bibliotecas de Arteixo, que cada ano leva ao alumnado dos centros escolares ás diferentes bibliotecas do concello para celebrar o Día do Libro.

Achegaremos a figura e obra de María Victoria Moreno ao alumnado de Educación Infantil do Ceip de Galán, será na Biblioteca Dora Vázquez, o mércores 4 de abril en dúas sesións, ás 11:00 h. e ás 12:00 h.