xoves, 21 de novembro de 2019

"A historia en Feminino" pecha os actos do 25N no Concello de Avión

Viaxamos á Comarca do Ribeiro para contar a "Historia en Feminino" no Concello de Avión, alí Ana Hermida fará un achegamento ao público das moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, deportistas, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino.

Conmemoramos o 25N visibilizando ás mulleres borradas da historia, o xoves 28 de novembro ás 11:30 h., no Ceip Virxe de Guadalupe do Concello. Organiza o Concello de Avión xunto co Concello de Castrelo de Miño.

O Concello de Lobios inclúe "A historia en Feminino" dentro da súa programación polo 25N

O Concello de Lobios, pertencente á comarca da Baixa Limia, en Ourense, situado na Raia Seca, na fronteira entre Galicia e Portugal recibirá a visita de Ana Hermida para contar a "Historia en Feminino" e facer un achegamento ao público infantil e adulto das moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, deportistas, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. 

A cita coas mulleres borradas da historia, será o mércores 27 de novembro ás 12:30 h., na Ceip do Xurés do Concello de Lobios, con entrada libre e gratuíta.

luns, 18 de novembro de 2019

"Contando en feminino" en A Pobra do Brollón, dentro da campaña do 25N: En negro contra as violencias

O Concello de A Pobra do Brollón, que pertence á Comarca da Terra de Lemos, para conmemorar o 25N dentro da campaña: En negro contra as violencias, organizou unha ampla programación que inclúe Contando en feminino, onde Ana Hermida achegará á infancia historias contadas desde a perspectiva de xénero e igualdade, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

A cita coa igualdade e co alumnado do Ceip A Pobra do Brollón, que tamén contará contos, será o luns 25 de novembro ás 11:30 h. na Casa da Cultura “Olga Novo”, a entrada é libre e gratuíta ata compretar aforamento.

mércores, 13 de novembro de 2019

O Concello de Antas de Ulla, celebrou o Día da Biblioteca contando “A historia en Feminino”

Ana Hermida viaxou ata a comarca da Ulloa, concretamente ao Concello de Antas de Ulla, para achegar ao público "A historia en Feminino", alí visibilizou ás mulleres borradas da memoria e deu a coñecer ao público as súas vidas marabillosas, os seus logros, achegou a realidade oculta durante séculos e amosoulles unha visión real da historia. A resposta foi a esperada, está a darme moitas satisfaccións ao comprobar a reacción do público infantil e adulto. Levo moitos anos tentando darlle o seu lugar ás mulleres que houbo ao longo da historia, as que aínda hoxe habitan nun ocultismo inxusto e das que na actualidade se contan moitas inexactitudes causando un dano terrible, aí estivemos nós para dicirlle ao público que é intelixente dabondo, que non crea todo o que se lle conta, que lea, que lea moito e teña o seu propio criterio. 

Quixera expresar os meus parabéns á organización, a Teresa Batán Buján, responsable da Biblioteca e toda unha institución no Concello, pola implicación na actividade, traballou coa infancia o tema e cando cheguei aí estaba ese público orgulloso contándome o que aprendera nos libros da biblioteca, así que seguimos contando historias reais de mulleres que sorprenden e fascinan moito máis que as de ficción, mostra do que digo é esta foto que comparto con vós para que comprobedes o que eu teño a sorte de ver día tras día cando conto historias de mulleres extraordinarias e así teñan referentes femininos. Agardo que espertara moitas inquedanzas e que a semente do feminismo xermole debidamente. Grazas por tanto como recibo, e aínda hai quen di que estou tola por facer o que fago, bendita tolería!.

luns, 11 de novembro de 2019

"A historia en Feminino" en Piñor dentro da campaña do 25N: Contra a violencia machista, Piñor feminista

O Concello de Piñor, pertencente á Comarca do Carballiño, programa un novembro violeta, co lema: contra a violencia machista, Piñor feminista. Dentro dos actos para conmemorar o 25N estará no acto central "A historia en Feminino", alí Ana Hermida fará un achegamento ao público das moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia. Científicas, inventoras, aventureiras, deportistas, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. 

Estaremos visibilizando ás mulleres borradas da historia, o venres 22 de novembro ás 19:30 h., no Salón de Actos do Concello de Piñor.

luns, 4 de novembro de 2019

"Contando en feminino" en Compostela

A Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos organiza esta actividade onde Ana Hermida contará historias desde a perspectiva de xénero e igualdade, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario, onde o final pode cambiar e a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Contos tamén para concienciar no feminismo e loitar contra o abuso infantil e a violencia de xénero. 

Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade. A cita coa igualdade, entre música, bailes e castañas do VII Magosto Foliadeiro, será o sábado 16 de novembro ás 17:45 h. no local de Cantigas e Agarimos en Compostela.