domingo, 30 de marzo de 2014

Rosalía de Castro no Faro de Vigo

Así recolle o Faro de Vigo a visita de Ana Hermida á Biblioteca Pública "Rosalía de Castro" de Vilagarcía de Arousa, coa súa representación "Tecín soia a miña tea", dramatizacións de textos de Rosalía de Castro, para celebrar o Día da Poesía.

sábado, 29 de marzo de 2014

Tecín soia a miña tea en Vilagarcía, no blog de "Ler Conta Moito"

Deixamos aquí a entrada que fixeron no blog de Ler Conta Moito referente á actividade que realizou Ana Hermida con "Tecín soia a miña tea", que tivo lugar na biblioteca pública Rosalía de Castro, de Vilagarcía. 

Contando en feminino en Oleiros, no blog de "Ler Conta Moito"

Deixamos aquí a entrada que fixeron no blog de Ler Conta Moito referente á actividade que realizou Ana Hermida con "Contando en feminino", que tivo lugar na biblioteca pública Rosalía de Castro. Santa Cruz, Oleiros.
Deixamos aquí o enlace CONTANDO EN FEMININO EN SANTA CRUZ

Rosalía de Castro na Voz de Galicia

Así recolle A Voz de Galicia a visita que Ana Hermida fixo á Biblioteca Municipal de Vilagarcía coa obra "Tecín soia a miña tea", unha homenaxe a Rosalía de Castro baseada en dramatizacións dos seus textos.

A Biblioteca Pública de Vilagarcía homenaxea a Rosalía de Castro

A Biblioteca Pública de Vilagarcía de Arousa "Rosalía de Castro" celebrou o 21 de marzo, Día da Poesía, co espectáculo "Tecín soia a miña tea" que correu a cargo de Ana Hermida. 

Esta actividade foi o colofón aos actos programados pola biblioteca con motivo da conmemoración do nacemento de Rosalía de Castro.

A dramatización de textos de Rosalía de Castro tivo lugar nun marabilloso ambiente rosaliano, entre paneis sobre a vida e obra da escritora e unha ampla exposición de libros da poeta así como tamén dos que estudan a súa figura. Todo canto alí había era unha homenaxe sentida a Rosalía de Castro.

venres, 21 de marzo de 2014

Rimando e Xogando, actividade proposta pola Consellería de Educación para celebrar o Día da Poesía, na biblioteca nodal da Coruña

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece esta semana unha programación especial de actividades nas bibliotecas nodais de Galicia para conmemorar o Día Internacional da Poesía, que se celebra o vindeiro 21 de marzo. 

Co obxectivo de animar a cidadanía a participar neste festexo literario, as bibliotecas nodais de Vigo, Pontevedra, Ourense, Lugo, A Coruña e Santiago de Compostela organizan diversas actividades, entre as que se inclúen lecturas poéticas, certames, obradoiros e mostras bibliográficas para todos os públicos.

Na biblioteca pública Miguel González Garcés e para o público máis esixente, Ana Hermida estará Rimando e Xogando, para fomentar o amor pola poesía e achegar os poemas en todas as súas facetas ás nenas e nenos.


A Biblioteca Pública da Coruña "Miguel González Garcés" celebra o Día da Poesía con Rimando e Xogando

Esta actividade está enmarcada dentro dun amplo programa que desenvolve a Consellería de Educación e Cultura nas súas bibliotecas nodais.

As nenas e nenos que se acheguen á biblioteca xogarán coas palabras, disfrutarán cos poemas, rimarán, cantarán... coñecerán autores, cantares de cego, cantigas populares... entretemento, diversión, cultura e amor á poesía será o eixo condutor nunha mañá de festa, a da poesía, pensada especialmente para ese público infantil, sempre tan esixente.

O sábado 22, ás 12:00 h. e no vestíbulo do biblioteca, a poesía estará agardando por todas as nenas e nenos.

xoves, 20 de marzo de 2014

A visita de Rosalía de Castro a Vilagarcía, recollida no Noticieiro Galego

Na prensa recollen a visita que fará Ana Hermida á biblioteca de Vilagarcía para celebrar o Día da Poesía coa dramatización de textos de Rosalía de Castro.


Vilagarcía celebra o Día da Poesía con Tecín soia a miña tea, a particular visión que ofrece Ana Hermida sobre Rosalía de Castro

A biblioteca municipal de Vilagarcía "Rosalía de Castro" celebra o Día da Poesía cun recital sobre a poeta que lle dá nome á súa biblioteca.

Shakespeare describía a poesía como esa música que todo home leva en si. A poesía é unha expresión profunda do espírito humano, como arte universal, é unha ferramenta de diálogo e achegamento. Ao dar acceso á expresión auténtica dunha lingua, a difusión da poesía contribúe ao diálogo entre as culturas e ao entendemento mutuo. Así o comprobamos no fervor co que os pobos celebran o patrimonio cultural inmaterial, as linguas maternas e a diversidade cultural, ámbitos nos que a poesía desempeña sempre un papel fundamental. (Irina Bokova).

A cita coa poesía será na Biblioteca de Vilagarcía, o venres 21 ás 11:00 h. Alí Ana Hermida ofrecerá unha visión divertida, reivindicativa, defensora da muller...

A AELG leva na súa axenda a nosa Rosalía de Castro en Vilagarcía

A Asociación de Escritores en Lingua Galega, sempre coas escritoras e escritores galegos, publicita na súa páxina o recital que terá lugar na biblioteca de Vilagarcía con motivo do Día da Poesía.


sábado, 15 de marzo de 2014

Contando en feminino na biblioteca municipal Rosalía de Castro de Santa Cruz, Oleiros

O lugar non pode ser máis idóneo, a Biblioteca e Centro de Documentación da Muller Rosalía de Castro, en Santa Cruz. 

O mércores 19, Ana Hermida estará tentando concienciar ao público infantil en temas de igualdade de xénero. A través dos contos e case sen darse conta, xogando e divertíndose, ese público marabilloso é quen de razoar e dar respostas a cuestións que se plantean e que resolven acertadamente.

Esta actividade está encadrada dentro dun amplo programa que o Concello de Oleiros preparou para este mes con motivo do Día Internacional da Muller, que tivo lugar o pasado día 8.

A cita cos contos e con todas as nenas e nenos será ás 18:30 h. na biblioteca.

Así anuncia o Concello de Oleiros a nosa actividade Contando en feminino

Co obxectivo de conmemorar o Día Internacional da Muller, as Bibliotecas de Oleiros desenvolverán un amplo programa de actividades.

Dentro desas actividades está Contando en feminino, que chegará á Biblioteca Municipal Rosalía de Castro, en Santa Cruz o día 19 ás 18:30 h. Aí estará Ana Hermida contando contos  dende a perspectiva de xénero e igualdade.

Para máis información desta actividade e de todo o programa, premede no enlace DÍA DA MULLER NAS BIBLIOTECAS MUNICIPAIS DE OLEIROS

martes, 11 de marzo de 2014

Contando en feminino na Biblioteca Pública da Coruña "Miguel González Garcés"

Con motivo do Día Internacional da Muller que tivo lugar o 8 de marzo, a Biblioteca Pública da Coruña "Miguel González Garcés" ten previsto unha actividade para concienciar ao público infantil en temas de igualdade.

Ana Hermida estará "Contando en feminino" para todas as nenas e nenos maiores de tres anos que por alí se acheguen. 

Serán contos contados dende a perspectiva de xénero e igualdade. Contos e historias para ir concienciando aos máis novos, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

Será o sábado 15 no vestíbulo do Salón de Actos, ás 12:00 h.