venres, 9 de decembro de 2016

Mitoloxía para xente miúda no Concello de Valdoviño

Este Nadal estaremos no Concello de Valdoviño contando historias de aventuras sobrehumanas, de heroínas e heroes lendarios, de deuses que dominaban a terra, contos cheos de fantasía. Mitos fantásticos de todo o mundo que chegaron ata os nosos días para que o público infantil medre coa fantasía dese mundo máxico que serviu aos nosos antigos para buscar explicacións ao descoñecido.

Será o luns 26 de decembro, na Casa da Cultura de Valdoviño, ás 18:00 h.

“Audio Historias” na Biblioteca de Meicende

Inventaremos personaxes que habiten mundos imaxinarios e ambientaremos historias que contaremos en público, como no teatro, aprendendo o valor de escoita e do silencio. Contaremos coa nosa voz paisaxes sonoras, obras de ficción, poemas… e que o público poida velas cos ollos pechados. Usaremos: expresión, dicción, entoación, músicas, efectos… para enriquecer e adornar as nosas audiohistorias.

Este obradoiro, dirixido a nenas e nenos de entre 6 e 12 anos, terá lugar na Biblioteca do CSC de Meicende “Antón Castro” do Concello de Arteixo, o mércores 14 de decembro ás 18:15 h.

martes, 6 de decembro de 2016

“Un Nadal cheo de contos” na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela

Poremos nos zapatiños de todas as nenas e nenos, contos feitos de maxia e ilusión. Cantaremos panxoliñas e contaremos historias que falan do sentido destas datas e que ás veces son divertidas, outras sorprendentes… contos de árbores de Nadal, de bonecos de neve, de Reis, de cousas imaxinadas e que, seguramente, algún día serán realidade.

A cita cos contos e coa maxia do Nadal será o sábado 10 de decembro, no salón de actos da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, ás 12:00 h.