xoves, 30 de marzo de 2017

As “Mulleres no espello” estarán en Órbita Ao Redor da Muller en Compostela

Levaremos a Compostela ás mulleres que desde hai tempo acompañan nos escenarios a Ana Hermida, de Lisístrata Asociación, chegando a ser “Mulleres no espello”. Será unha ollada sobre a personalidade da muller, o amor, a vinganza, o erotismo, a paixón…

Será o vindeiro sábado 1 de abril, ás 18:00 h. en Os Catro Gatos galería de Arte de Delio Sanchez, en Compostela. Serán Espazos En Órbita Ao Redor Da Muller: OlaLab e Os Catro Gatos, de creación horizontal e colaborativa que se constrúe sumando experiencias e miradas femininas, nun enredo convocado para gozar, compartir e sumar. Poesía, arte, conferencias, performance, videocreación, talleres abertos de creatividade, documental, testemuñas, amigas e amigos, nun enredo convocado para gozar, compartir e sumar. Organizado por Os Catro Gatos e OLALAB Acción Cultural, con entrada libre ata completar aforo.

domingo, 26 de marzo de 2017

Estaremos en Órbita Ao Redor da Muller con “Miña casiña, meu lar”, en Compostela

“Miña casiña, meu lar” amosa a realidade da muller no seu entorno diario, reflicte a crúa situación das mulleres maltratadas, tanto no físico, coma no verbal, sexual, laboral, psíquico… Diferentes situacións, diferentes mulleres e unha soa actriz que dá vida a todas elas. Sempre cun eixo común, a inxusta realidade coa que se atopan, aínda hoxe, as mulleres no seu día a día. Todo esto posto enriba dun escenario para tentar concienciar ao público e promover o debate sobre o tema. 

Será o vindeiro sábado 1 de abril, ás 12:30 h. en Os Catro Gatos, no Concello de Santiago de Compostela. Evento de creación horizontal e colaborativa que se constrúe sumando experiencias e miradas femininas, nun enredo convocado para gozar, compartir e sumar. Poesía, arte, conferencias, performance, videocreación, talleres abertos de creatividade, documental, testemuñas, amigas e amigos, nun enredo convocado para gozar, compartir e sumar. Organizado por Os Catro Gatos e Olalab Acción Cultural, con entrada libre ata completar aforo.

Todas as personaxes que interpretei en escena me acompañan, personaxes que semellaban marchar cando caía o pano, pero que cavaron unha vida en min, dispostas a axudar ou destruír as personaxes que lles sucederon. Son grega, africana, siria, veneciana, rusa, brasileira, persa, romana, xaponesa, filipina, arxentina, norueguesa, coreana, alemá, austriaca, inglesa, realmente do mundo enteiro. Esa é a auténtica globalización.

Ao falar aquí non son eu. Non son unha actriz. Son só unha desas incontables personaxes grazas ás cales o teatro segue existindo. É un pouco o noso deber e a nosa necesidade. Como expresalo... nós non facemos que o teatro exista. É grazas ao teatro que nós existimos. O teatro é moi forte, resiste, sobrevive a todo, ás guerras, ás censuras, á falta de cartos. Abonda con dicir “a escena é un escenario baleiro dun tempo indeterminado” e facer entrar a un actor, ou unha actriz. Que vai facer? Que vai dicir? Van falar? O público espera, ese público sen o que non existe o teatro, non o esquezamos nunca. Unha soa persoa de público, é público. 

O teatro para min é diálogo, a ausencia de odio. A amizade entre os pobos. Non sei agora mesmo que significa exactamente, pero creo na comunidade, na amizade dos espectadores e os actores, na unión de todas ás que reúne o teatro, as que o escriben, as que o traducen, as que o explican, as que o visten, as que o decoran, as que o interpretan, mesmo, as que van. O teatro protéxenos, acóllenos... Creo de verdade que nos ama... tanto como o amamos. (Isabelle Huppert).



martes, 14 de marzo de 2017

Contando en feminino en Ponteceso

Viaxaremos ata o Concello de Ponteceso, a vila natal de Eduardo Pondal, alí Ana Hermida estará contando historias para ir concienciando ao público infantil na igualdade e violencia de xénero, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

O venres 24 de marzo o alumnado do Ceip Eduardo Pondal ten unha cita coa igualdade, será na Biblioteca Pública Municipal do Concello ás 11:30 h. 

venres, 10 de marzo de 2017

Mitos e lendas de Galicia no Concello de Outes

Estaremos no Concello de Outes contando a nosa historia máis máxica, será no Ceip Plurilingüe da Serra de Outes, o público será o alumnado de infantil e primaria para o que contaremos lendas, historias tradicionais e populares que fagan entender e coñecer moitas cousas a nenas e nenos. Os porqués, os encantos, historias de trasnos, de feitizos, mitoloxía galega... tamén de temas históricos e de cabaleiros.

A cita será o venres 10 de marzo na Biblioteca do Colexio, serán tres sesións: ás 10:00 h. o grupo de educación infantil, seguirá o primeiro ciclo de primaria ás 11:00 h. e o segundo ciclo de primaria ás 12:30 h.

xoves, 9 de marzo de 2017

Tivemos un Nadal en igualdade “Contando en feminino” na Biblioteca Ágora da Coruña

Nenas, igualdade, xogos, nenos, libros, contos, violencia de xénero, nais, historias, infancia, concienciación, pais,… verbas cun significado feito realidade grazas ás Bibliotecas Municipais da Coruña. Alí, no centro do saber, na casa das palabras, deuse cita este Nadal un encontro da igualdade coa infancia, para concienciar na loita contra a violencia de xénero ao público infantil que asistiu á sesión de contos na Biblioteca Ágora do Concello da Coruña. Teño comprobado que as historias son un medio marabilloso para que reflexionen, opinen, decidan que está ben e que está mal e... sempre acertan. Ben quixera eu que as persoas adultas tivesen tan claro que un insulto non se pode consentir, que hai cousas que non se deben facer. É realmente gratificante ver como seres transparentes teñen a verdade no seu corazón, espero e desexo que sigan ese camiño no futuro, así mo prometeron e eu sempre creo na súa palabra.

O Voitre e a Pomba, a forza da palabra contra o terrorismo machista, en Oleiros

Estivemos no Concello de Oleiros concienciando na igualdade e violencia de xénero ao alumnado do Ies Miraflores. Enriba do escenario estaba a mellor arma, a palabra, actor e actriz dándolle vida a textos duros de mulleres e homes, textos que que fan remexer conciencias. Santiago Fernández e Ana Hermida, antes de converternos en personaxes, sempre facemos unha lectura do manifesto contra a violencia de xénero, momento que recolle a foto, a continuación vai a representación e para rematar o debate. O que pretendemos é facer reflexionar, crear conciencia colectiva e persoal sobre a igualdade e violencia de xénero, cando rematamos e o público adolescente se achega a facernos comentarios sobre o que viviron, parece que o obxectivo está cumprido. A actividade estivo organizada pola Anpa Miguel Hernández, á que agradecemos o seu compromiso coa igualdade e a cultura, grazas tamén ás persoas responsables do Instituto e ao público adolescente polo seu comportamento exemplar.

Monólogos contra a violencia de xénero no Concello de Miño, coa obra “Miña casiña, meu lar”

O Concello de Miño conmemorou o 25N con monólogos para concienciar na igualdade e violencia de xénero.  Ana Hermida despois da súa actuación teatral, propiciou un debate no que o público estivo moi participativo e foi, coma sempre, moi enriquecedor. Agradezo a súa participación e tamén a boa disposición das persoas do Concello responsables de que actos coma este se leven a cabo. Sorprendeume moi gratamente saber que, entre as persoas que participaron no debate, estaban responsables da política do Concello, Alcalde Ricardo Sánchez Oroza, Concelleiras… polo que non quero deixar de agradecer a súa implicación na loita contra o terrorismo machista.