venres, 26 de maio de 2017

“Contadas na súa voz”, homenaxe a Carlos Casal na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela

Rendemos unha merecida e sentida homenaxe ás mulleres e homes que crearon ás máis fermosas historias de todos os tempos. Repasaremos e sacaremos á luz a biografía de Carlos Casares, achegaremos a súa figura á infancia e reivindicaremos a súa obra. Serán historias contadas na súa voz, a de Carlos Casares, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.

Será o sábado 27 de maio, no salón de actos da Biblioteca Pública de Santiago de Compostela, ás 12:00 h.

mércores, 24 de maio de 2017

I Maio Miúdo en Arteixo

Celebramos o renacer dos vexetais e o fin do inverno cos maios. Unha festa ou rito á fecundidade co fin de congraciarse co espírito da vexetación, instaurada polas primeiras agrupacións que de forma sedentaria se adicaron ó cultivo das terras e que estableceron un ritual animista naqueles momentos críticos da vida vexetal como son a sementeira, o florecemento e a recolleita.  Esta representación animista expresaríase con figuras humanas cubertas de flores e follas, pólas de árbores etc. 

Queremos recuperar as tradicións propias da cultura galega, como as coplas que acompañan os maios e algunha que outra sorpresa máis, que o pobo de Arteixo poderá disfrutar nesta festa do chamado Ciclo de Maio, grazas á colaboración xenerosa da Escola de Educación Infantil de Barrionovo, onde o seu alumnado será o protagonista animando as rúas e interactuando co pobo, ao que convidamos a participar da festa engalanando as súas casas e comercios con ramos de flores e a botarlles o maio cando lles canten as súas coplas.

A I Edición do Maio Miúdo terá lugar o venres 26 de maio, polo paseo fluvial ata a rúa peonil de Arteixo, entre as 10:00 e as 11:00 h.

mércores, 3 de maio de 2017

Vilasantar celebra o Día das Letras Galegas “Contando en feminino”

Viaxaremos ao Concello de Vilasantar, na Comarca de Betanzos, para celebrar o Día das Letras Galegas Contando en feminino, unha actividade organizada pola Axencia de Lectura do Concello de Vilasantar. Ana Hermida levará contos e historias para ir concienciando ao público infantil na igualdade e violencia de xénero, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

A cita cos contos e coa igualdade, será o venres 12 de maio no Salón do Colexio de Présaras, ás 15:30 h.

luns, 1 de maio de 2017

“O encanto da fala” en Santiso, poesía e música para celebrar o Día das Letras Galegas

O Concello de Santiso celebra o Día das Letras galegas cun concerto-recital en homenaxe ás Irmandades da fala no seu centenario. Serán textos dos autores máis salientables e representativos dun tempo que marcaría un fito histórico para a historia galega. O recital está dirixido e interpretado por Ana Hermida, que estará acompañada polo músico Sergio López, nun espectáculo dirixido a todo tipo de público.

Será o domingo 14 de maio no local da ACV O Noso Lar de Visantoña, que organiza o acto, ás 18:00 h. e a entrada é libre e gratuíta.