mércores, 22 de novembro de 2017

Contando en feminino en Mondariz

Viaxaremos ata o Concello de Mondariz, alí Ana Hermida estará contando historias para ir concienciando ao público infantil na igualdade e violencia de xénero, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

O domingo 26 a cita coa igualdade será na Biblioteca Pública de Mondariz “Xoán Xosé Pérez Labaca”, ás 17:00 h.

Monólogos teatrais no 25N en Rois, con Miña casiña, meu lar

“Miña casiña, meu lar” amosa a realidade da muller no seu entorno diario, reflicte a crúa situación das mulleres maltratadas, tanto no físico, coma no verbal, sexual, laboral, psíquico… Diferentes situacións, diferentes mulleres e unha soa actriz que dá vida a todas elas. Sempre cun eixo común, a inxusta realidade coa que se atopan, aínda hoxe, as mulleres no seu día a día. Todo esto posto enriba dun escenario para tentar concienciar ao público na igualdade e violencia de xénero e promover o debate sobre o tema. 

A violencia contra mulleres e nenas pódese evitar. Hai moitas maneiras de previr a violencia nun principio e de deter a repetición dos ciclos de violencia. A prevención da violencia debe empezar nunha etapa temperá. O sistema educativo e o persoal docente están en contacto con nenas e nenos e novos e poden transmitir os principios de igualdade, respecto e actitudes non violentas ás xeracións futuras. Debemos alzar a voz contra o acoso e a violencia nas nosas casas, os nosos lugares de traballo, as nosas institucións, as contornas sociais e a través dos nosos medios de comunicación.

Neste amplo esforzo de poñer fin á violencia contra as mulleres e as nenas, entendemos que os homes desempeñan un papel vital para lograr o cambio. Facer fronte ao sexismo, ao predominio masculino e aos privilexios masculinos como a norma da sociedade empeza coa creación de masculinidades positivas. As nais e os pais poden instilar principios de igualdade, dereitos e respecto cando educan aos seus fillos homes; e os homes poden reprochar aos seus compañeiros comportamentos inaceptables aínda que en realidade estes representen unha pequeñísima parte do gran problema do acoso. A esencia do tema de hoxe de “Que ninguén quede atrás” como comunidade mundial, agora podemos poñer fin á violencia contra as mulleres e as nenas, transformar as institucións e unir esforzos para erradicar a discriminación, restaurar os dereitos humanos e a dignidade, e non deixar a ninguén atrás. (Phumzile Mlambo-Ngcuka).

Será o sábado 25 de novembro ás 20:00 h. no auditorio do Concello de Rois.

A historia en Feminino, unha volta por Galicia a través das súas mulleres, na EEI de Barrionovo

Faremos un achegamento ao mundo infantil das moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. O alumnado da Escola de Educación Infantil de Barrionovo, está a traballar co proxecto: A volta a Galicia en 284 días, nese proxecto non podían faltar as mulleres, levaremos un feixiño delas, cun apartado específico para as científicas galegas, anque tamén haberá deportistas, escritoras, artistas, heroínas, etc. para que a infancia teña unha visión real e completa da historia da nosa terra.

A cita será o venres 24 ás 10:00 h. na biblioteca da Escola de Educación Infantil de Barrionovo, en Pastoriza, no Concello de Arteixo.

martes, 14 de novembro de 2017

Peche da campaña do 25N en Boqueixón e Vedra con "A historia en Feminino"

Hoxe pechamos a campaña de concienciación na igualdade e violencia de xénero en todas as Escolas do Cra Boqueixón-Vedra “Neira Vilas” (Lestedo, Sarandón, Camporrapado, Sergude, San Fins e San Xián) para achegar unha versión da historia máis real e así poñer en valor a figura feminina. Faime especial ilusión facer esta actividade nunha escola que leva o nome de Neira Vilas, a quen tiven a sorte de coñecer.

Dou fe de que as familias coidan a coeducación e que o profesorado fai o seu traballo con moito mimo, polo que seguro que medrarán en valores. Esta actividade fíxose grazas á iniciativa da Anpa Val do Ulla, sempre concienciada na igualdade, polo que elixín A Historia en Feminino para tentar visibilizar ás mulleres borradas da memoria, coñecer as súas vidas marabillosas, os seus logros, achegar a realidade oculta durante séculos, amosarlles unha visión real da historia e podo asegurar que a resposta foi a que eu esperaba, está a darme moitas satisfaccións ao comprobar a súa reacción. Pretendo darlle o seu lugar ás mulleres que houbo ao longo da historia e que aínda hoxe seguen nun ocultismo inxusto, a infancia queda cos ollos ben abertos e sen pestanexar, é lóxico, son mulleres cunha historia e vida fascinte.

Será o mércores 15 na Escola de San Fins ás 09:30 h. e na Escola de San Xián ás 10:40 h., no Concello de Vedra.

domingo, 12 de novembro de 2017

A Coruña, outono en igualdade “Contando en feminino” polo 25N

Na Biblioteca Castrillón, pertencente ás Bibliotecas Municipais da Coruña, estivemos Contando en feminino para o público infantil e sigo a sorprenderme coa súa reacción tan de verdade. No medio da narración houbo un neno que coa súa voz inocente pediu “permiso, por favor”, entendín que tiña unha necesidade e que o seu corpo miúdo non aceptaba ningunha demora, mentres eu seguín contando e foi daquela cando deu a volta e díxome “por favor, non sigas ata que volva”, ante eso que ía facer eu? obedecín a súa petición e ocupamos o tempo facendo intercambio de opinións sobre personaxes do conto e o significado do mesmo, cando volveu sentou e con toda a educación dirixiuse a min dicindo “podes seguir”, cun sorriso nos ollos ante tamaña inocencia fixen o que me dixo. Canto agradezo vivir días tan bonitos e comprobar como as historias de igualdade e violencia de xénero son obxecto de tanta atención polo público infantil.

O ambiente era de conto, a biblioteca do Castrillón ten distintos recunchos, pequenos castros, onde a infancia atopa un espazo máxico para perderse na lectura e disfrutar de historias marabillosas onde as bibliotecarias de seguro serán as heroínas, guerreiras, fadas, inventoras... 

Contamos "A historia en Feminino" en Boqueixón, na campaña 25N

Mulleres científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en Feminino. A través de contos, curiosidades, diversión e xogos, tentamos facer visibles ás mulleres e que a infancia teña unha visión máis real da historia. Organiza esta actividade a Anpa Val do Ulla, coñecedora da importancia da concienciación na igualdade e violencia de xénero. O profesorado do Cra Boqueixón-Vedra ten moita implicación co alumnado, Ana Hermida foi testigo en primeira persoa e sabemos que esas nenas e nenos medrarán en valores.

A cita coa historia en Feminino será o martes 14 na Escola de Camporrapado ás 09:30 h. e na Escola de Sergude ás 10:50 h., no Concello de Boqueixón. 

sábado, 11 de novembro de 2017

A infancia de Arteixo réndelle homenaxe a Rosalía na III edición do Concurso de Recitados que leva o seu nome

É unha enorme satisfacción ver á infancia recitando a Rosalía  e escoitar os seus poemas en distintos acentos nun concello multicultural como é Arteixo, a miña terra. A infancia toma o certame moi en serio, prepárase moito durante o ano para ese día ver recompensado tan grande esforzo. Cada ano é mellor, eu agradézoo moito xa ademáis de fomentar o amor por Rosalía e a súa obra, tamén vai en aumento o amor pola poesía e as nosas autoras, así como tamén se contribúe a fomentar o uso e amor polo noso idioma.

A Rede Municipal de Bibliotecas do Concello de Arteixo organiza o acto e Ana Hermida quen o coordina e conduce desde o seu inicio, hai xa tres anos. Na foto a gañadora deste ano, foi moi bonito vela e escoitala, ao igual que todas as nenas e nenos participantes, díxome que había tres anos que me vira dramatizando a Rosalía e que quixo facer algo semellante, respondinlle que ela facíao infinitamente mellor ca min, estaba coa súa irmá que non puido participar pola pouca idade e que ao remate tamén me recitou a Rosalía. Agardo con moita ilusión a próxima edición, seguro que me sorprenden gratamente. 

mércores, 8 de novembro de 2017

"A historia en Feminino" en Boqueixón e Vedra, campaña de concienciación na igualdade e violencia de xénero polo 25N

Ana Hermida fará un achegamento ao mundo infantil das moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. A través de contos, curiosidades, diversión e xogos, tentamos facer visibles ás mulleres e que a infancia teña unha visión máis real da historia. Actividade organizada pola Anpa Val do Ulla do Cra Boqueixón-Vedra.

A cita coa historia en Feminino e coa igualdade e violencia de xénero será o luns 13 na Escola de Lestedo, do Concello de Boqueixón, ás 09:30 h. e na Escola de Sarandón, do Concello de Vedra, ás 10:40 h. 

mércores, 1 de novembro de 2017

Día das Letras Galegas en Santiso con “O encanto da fala”

Estivemos rendendo homenaxe ás mulleres e homes das Irmandades da Fala co recital-concerto  “O encanto da fala”, nun acto organizado pola ACV O Noso Lar de Visantoña, no Concello de Santiso e así celebrar o Día das Letras Galegas. Música, cancións e poesía foron o canle para achegar os textos máis representativos dun tempo que marcaría un fito histórico para a historia galega. Alí Ana Hermida recitou e cantou para un público especialmente interesado e respectuoso, o que demostra que aínda hoxe a mensaxe das Irmandades segue moi viva. Na foto, colocando a microfonía.