xoves, 19 de xullo de 2018

Tecín soia a miña tea, homenaxe a Rosalía en Compostela

Homenaxe a Rosalía de Castro mediante a dramatización dos seus poemas. Este espectáculo pretende amosar unha Rosalía actual, como os temas que ela trata, tan vixentes hoxe en día. A relación cos homes, a defensa da muller, da súa terra... O desexo e ansias súas polo teatro "eu quería ser actriz e non me deixaron". Unha Rosalía, a veces divertida, outras reivindicativa, dura. Unha muller interpretando a outra muller. Poemas, teatro, e algunha canción para honrar a nai da nosa terra.

Será o sábado 28 de xullo en Compostela, no espazo de arte Os Catro Gatos, ás 12:00 h.

Homenaxe a Filomena Dato en Bergondo

O acto está organizado polo activista cultural e párroco de Bergondo, Rubén Aramburu e a Asociación Cultural Lisístrata, que desde hai tempo organizan diferentes actos para achegar á cidadanía a obra e figura da poeta nacida en Ourense e falecida en Moruxo (Bergondo).

Comezará o acto coa ofrenda floral no monólito de Filomena Dato, por parte de representantes do Concello de Bergondo, acto seguido a gaiteira Ana Rodríguez interpretará o Himno Galego, a continuación Rubén Aramburu, párroco de Bergondo fará unha misa na honra da “Poeta das Mariñas” que será cantada por Bea a de Estrella, para rematar o acto a obra poética de Filomena Dato soará na voz de Ana Hermida co recital “Ningún lazo a suxeita”.

Esta sentida homenaxe, aberta a toda a cidadanía, será o xoves 26 de xullo ás 19:30 h na Igrexa de San Vicente de Moruxo, no Concello de Bergondo.

martes, 17 de xullo de 2018

Rosalía de Castro en Compostela

A nosa particular homenaxe a Rosalía de Castro, con Ana Hermida, non é algo puntual nin de datas no calendario, Rosalía leva con nós anos, levamos a súa obra, a súa palabra, a súa mensaxe... á rúa, aos colexios, aos institutos, aos teatros. Ela é o importante, quen ouse cambiarlle a súa imaxe para facela máis atractiva (ela xa era bonita dabondo), quen queira converter a súa figura nunha feira, quen se queira apropiar dela, quen pretenda convertela nun produto, está moi equivocada. Rosalía foi, é e será nosa, do pobo, por eso é grande.

O sábado 28 de xullo Rosalía de Castro estará no espazo de arte "Os Catro Gatos", ás 12:00 h.