domingo, 21 de outubro de 2018

Celebramos o Día da Biblioteca contando "A historia en Feminino" no Concello de A Mezquita

Viaxaremos á Comarca de Viana, a terra dos Tres Reinos, na fronteira de Galicia, Castela e Portugal, alí no Concello da Mezquita, Ana Hermida fará un achegamento ao mundo infantil das moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. Está promovida esta actividade polo Concello e a Asociación Os Tres Reinos.

Celebraremos o Día da Biblioteca coa Historia en Feminino o venres 26 de outubro ás 16:00 h. no Edificio Multiusos do Concello da Mezquita.

O Concello do Rosal programa "Contando en feminino", contos de igualdade, para celebrar o Día da Biblioteca

Ana Hermida achegará á infancia historias contadas desde a perspectiva de xénero e igualdade, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

Celebramos así o Día da Biblioteca, porque “houbo un día no que esa biblioteca non existía. Alguén a soñou, loitou por ela, encheuna de libros e tamén de soños. Que non haxa un só ser humano conectado ao que foi, ao que é e ao que será. Na túa man hai millóns de mans, estreitando a túa, acompañándote no camiño. No libro que te espera na mesa de noite ou xunto ao sofá, hai millóns de libros. Inxenuos ou complexos, humildes ou luxosos. Pero todos preciosos. Conectados todos por un invisible fío de prata que une man con man, andel con andel, un fío inacabable e luminoso. Inacabable, e así sexa. Hoxe é o Día da Biblioteca, que é o mesmo que dicir O día da Luz. Feliz día, feliz século” (Gonzalo Moure Tenor).

A cita cos contos e coa igualdade será o mércores 24 de outubro ás 11:00 h., con dúas sesións para o alumnado de infantil e primaria do Cra María Zambrano, na Biblioteca Pública Municipal do Concello de O Rosal.

mércores, 10 de outubro de 2018

Celebramos o Día das Escritoras na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela con "Palabra de Muller"

A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal celebra o Día das Escritoras co recital “Palabra de muller”, no que, baixo o tema rebeldes e transgresoras, farase un percorrido pola obra de mulleres pioneiras, rebeldes, silenciadas, inxustamente tratadas, incomprensiblemente esquecidas... ás que queremos honrar. Varias mulleres representativas da cultura e sociedade galegas prestan a súa voz ás escritoras homenaxeadas. A actividade está dirixida ao público adulto e coordinada por Ana Hermida, de Lisístrata Asociación.
Este día é unha iniciativa da Biblioteca Nacional de España (BNE), a Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas e Modernas (CyM).
Leremos textos de Teresa de Jesús, María de Zayas, Juana Manso, Rosalía de Castro, Rosario de Acuña, Filomena Dato Muruais, Carmen de Burgos, Delmira Agustini, Xela Arias, Victoria Ocampo, Aurora Bertrana, Luísa Villalta, Magda Donato, Sorne Unzueta Lanzeta (Utarsus), Begoña Caamaño, Ángela Figuera Aymerich, María Zambrano, Xohana Torres, Idea Vilariño, Ana María Matute, María Victoria Moreno, Carmen Martín Gaite, Josefina Aldecoa, Sofía Casanova, Alejandra Pizarnik, Esther Tusquets, Hildegart Carballeira, María-Mercé Marçal.
Será o luns 15 de outubro ás 19:30 h no salón de actos da Biblioteca, a entrada é libre e gratuíta ata completar aforamento.