martes, 16 de abril de 2019

"Tecín soia a miña tea", a nosa homenaxe a Rosalía de Castro, segue a darnos moitas satisfaccións

A grandeza de Rosalía fai que sucedan feitos como este, un dos maiores premios que pode ter unha persoa co oficio de dicir. Ocorreu na representación de Tecín soia a miña tea, o público era escolar e persoas usuarias de Aspavi, quixen que participasen todas elas para una  plena inclusión e vin como fluía todo de maneira natural, foi moi fermoso. Ao rematar estaban agardando por min, querían unha foto conxunta, bicos, apertas, charlas… volveron recitar e falar de Rosalía, preguntaron que cando ía volver... foi moi emotivo, que mellor premio podo ter!
 

Celebramos o Día do Libro “Tecendo soños” na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela

Hai libros grandes, pequenos, libros de aventuras, de viaxes, de animais… libros que nos fan vivir situacións e momentos irrepetibles. Os libros espertan a nosa imaxinación e fan que nos sintamos protagonistas da historia. Celebramos o Día do Libro tecendo soños, levando ilusión ao público infantil coas máxicas historias que se agochan nos libros. Convídote a soñalas.

Será o 20 de abril, no salón de actos de Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, ás 12:00 h. A entrada e libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala.

luns, 8 de abril de 2019

"Contando en feminino" en Escolas de Educación Infantil

Achegar o concepto de feminismo, concienciar na igualdade, violencia de xénero e no abuso infantil é primordial nas primeiras etapas de vida. Están formándose as persoas que serán o día de mañá, hai que coidar moito o que se lles ofrece para que medren cuns valores que serán guía no seu camiño. A experiencia fai que afirme que desde que teñen un aniño pode comezarse con este camiño, eu levo facéndoo anos e vexo como reaccionan, podo asegurar que o seu razoamento e reflexións sorprenderían a moitas persoas adultas. Seguirei coa miña teima, compensa e moito, mirade senón que premio tan marabilloso, toda unha clase asinando un diploma que me entregaron despois de contar en feminino. Grazas por tanto como recibo.

Levamos á Biblioteca de Pastoriza "Mitos e lendas de Galicia"

Visitamos Pastoriza para contar lendas, historias tradicionais e populares que fagan entender e coñecer moitas cousas a nenas e nenos. Os porqués, os encantos, historias de trasnos, de feitizos... de temas históricos, de cabaleiros e tamén cantaremos cancións populares para o público infantil. Haberá, por suposto, algunha que outra historia propia do Concello de Arteixo.

A cita será o xoves 11 de abril na Biblioteca de Pastoriza “Miguel Sande”, ás 18:30 h.