mércores, 25 de novembro de 2020

"A historia en Feminino", a visibilización das mulleres ao longo da historia, chega a Caión para conmemorar o 25N

Viaxamos á antiga vila baleeira de Caión, pertencente ao Concello da Laracha, na comarca de Bergantiños, para contar "A historia en Feminino”, alí Ana Hermida fará un achegamento ao alumnado das moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, deportistas, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. Actividade organizada pola Anpa Balea para que o alumnado conmemore o 25N "Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a muller".

Porque a invisibilización é un xeito de violencia de xénero, estaremos visibilizando mulleres borradas da historia na biblioteca do colexio, para tres grupos de primaria, o xoves 26 de novembro ás 11:15 h.

luns, 23 de novembro de 2020

Conmemoramos o 25N "Contando en feminino" en Caión

Ana Hermida viaxará á Caión, vila da Costa da Morte pertencente ao Concello da Laracha, para contar historias desde a perspectiva de xénero e igualdade, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario, onde o final pode cambiar e a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Contos tamén para concienciar e loitar contra o abuso infantil e a violencia de xénero. Actividade organizada pola Anpa Balea para que o alumnado conmemore o 25N "Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller".

A cita coa igualdade será o xoves 26 de novembro ás 09:45 h. na Biblioteca do Ceip de Caión.

sábado, 14 de novembro de 2020

Aberta convocatoria a persoas colaboradoras no proxecto "A Baiuca, lugar cultural"

O proxecto "A BAIUCA, LUGAR CULTURAL" consiste en dinamizar o Lugar da Baiuca coa cultura (teatro, arte, pintura, fotografía, clube de lectura feminista, arte urbana, poesía, audiovisual...) mediante actividades formativas, exposicións, actuacións... A veciñanza é de todas as idades, ámbitos e culturas, polo que pretendemos mesturar a cultura galega coa das persoas de diversa procedencia, Arteixo é un concello que se enriquece coas persoas que elixiron o noso concello para vivir. Será un proxecto multicultural, interxeracional, interracial, feminista e diverso.

Esta iniciativa conta co apoio de Medialab-Prado e o Ministerio de Cultura e Deporte, no contexto da acción de “laboratorios distribuídos”, e coincidirá no seu tempo de realización cun gran número laboratorios cidadáns en organizacións e institucións de España e Latinoamérica. ReviveBaiuca é un laboratorio dirixido á cidadanía, un obradoiro orientado á cooperación entre persoas diversas, principalmente da zona da Baiuca, e calquera outra persoa de calquera ámbito xeográfico neste mundo globalizado que queira aportar algo ao proxecto. Un lugar de encontro, experimentación e creación de solucións e alternativas concretas para mellorar a convivencia e a vida do Lugar da Baiuca, a antiga capital do Concello de Arteixo. Podes inscribirte aquí. Máis información e apuntamentos en revive.baiuca@gmail.com