venres, 25 de febreiro de 2022

"Ningún lazo a suxeita" homenaxe a Filomena Dato en Arteixo, no seu cabodano

Rendemos homenaxe no Concello de Arteixo a Filomena Dato no seu 96 cabodano con “Ningún lazo a suxeita”, unha dramatización da obra da autora máis premiada do século XIX, que fará a actriz arteixá Ana Hermida. Seguimos así coa teima que temos desde hai moitos anos de visibilizar mulleres, honrando debidamente ás que a historia non lles fixo xustiza.

Será o sábado 26 no Centro Cívico Cultural de Arteixo, ás 12:00 h. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforamento.

xoves, 24 de febreiro de 2022

O Concello de Cerceda conmemora o Día de Rosalía con "Tecín soia a miña tea"

Ana Hermida viaxará á Comarca de Ordes, onde fará unha dramatización da obra da Nai das nosas letras con “Tecín soia a miña tea”, poemas, teatro, e algunha canción para honrar a nai da nosa terra no seu aniversario, unha muller interpretando a outra muller, a Rosalía feminista, divertida, defensora da súa terra. 

A cita Rosaliana será o sábado 26 de febreiro ás 18:00 h. no Auditorio do Concello de Cerceda.

mércores, 23 de febreiro de 2022

VIII Concurso de Poesía Homenaxe a Rosalía de Castro, en Arteixo

Este ano celébrase a oitava edición do concurso de poesía en homenaxe a Rosalía de Castro, está organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Arteixo a través da Rede Municipal de Bibliotecas. Será o broche de ouro a unha serie de actividades coas que conmemoran o nacemento da escritora padronesa. Haberá 12 nenas e nenos que recitarán a súa propia obra, de entre 8 e 12 anos, que levarán un agasallo pola súa partipación, outro por cada unha das tres categorías e a persoa gañadora recibirá o premio final. Ana Hermida dará lectura ao Manifesto da Aelg, redactado este ano por Beatriz Maceda Abeleira e mentres delibera o xurado composto polo Clube de Lectura da Biblioteca Central de Arteixo “Henrique Rabuñal”. Haberá homenaxe a Filomena Dato no seu 96 cabodano con “Ningún lazo a suxeita, unha dramatización da actriz Ana Hermida dos textos da autora máis premiada do século XIX. 

Será o sábado 26, na Sala de Exposicións do Centro Cívico Cultural de Arteixo, ás 11:30 h. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforamento.

martes, 22 de febreiro de 2022

Acto central do Día de Rosalía no Concello de Arteixo

Despois dunha semana de actividades dirixidas ao público escolar, o Concello de Arteixo celebra o Día de Rosalía cun acto central aberto á cidadanía, organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Arteixo a través da Rede Municipal de Bibliotecas. Ana Hermida dará lectura ao Manifesto da AELG, que este ano foi redactado por Beatriz Maceda Abeleira. A continuación terá lugar o concurso de poesía homenaxe a Rosalía de Castro, onde participa o alumnado dos centros de primaria do concello arteixán, unha vez recitados os seus poemas e mentres delibera o xurado, Ana Hermida fará unha homenaxe a Filomena Dato con “Ningún lazo a suxeita, unha dramatización dos textos da autora ourensá, no seu 96 cabodano. 

Convidamos á toda a cidadanía de Arteixo a que participe desta gran festa Rosaliana, será o sábado 26, na Sala de Exposicións do Centro Cívico Cultural de Arteixo, ás 11:30 h. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforamento.

venres, 18 de febreiro de 2022

O alumnado do Ies Manuel Murguía de Arteixo, achégase á figura de Rosalía con "Tecín soia a miña tea

Rosalía de Castro, na voz de Ana Hermida, estará co alumnado do Ies Manuel Murguía para facer un repaso pola súa biografía e pola súa obra, haberá representación teatral, dramatización da obra Rosaliana e participación do alumnado, que terá ocasión de poñer voz á nosa Poeta nacional, tamén daremos lectura ao Manifesto da Aelg redactado este ano por Beatriz Maceda Abeleira. A actividade está organizada pola Concellería de Cultura a través da Rede de Bibliotecas do Concello de Arteixo.

Serán dous días de encontro, 24 e 25 de febreiro, cunha Rosalía loitadora, feminista, comprometida e dona dunha obra de inmensa valía. A cita terá lugar na Biblioteca Central de Arteixo “Henrique Rabuñal” ás 11:30 h.

luns, 14 de febreiro de 2022

“Contos e lendas populares” na Biblioteca do Froxel para celebrar o Día da Lingua Materna

Celebramos o Día da lingua materna con historias tradicionais e populares que fagan coñecer e entender moitas cousas á infancia. Os porqués, os encantos, historias de trasnos, de feitizos, de temas históricos e de cabaleiros, lendas tradicionais e cancións populares para a infancia. 

Será o martes 22 na Biblioteca do Froxel "Francisco A. Vidal", ás 18:30 h.