venres, 10 de marzo de 2023

"Feministorias" unha cita para conmemorar o 8M "Día Internacional da Muller" en Arteixo

A infancia coñecerá, dun xeito divertido e ameno, a historia que non está nos libros de texto, a das nosas avoas e bisavoas que ergueron a voz e loitaron para cambiar o mundo. Nenas e nenos tenden a sentirse protagonistas das historias, polo que lles achegaremos referentes moi coidados e mediante contos, curiosidades e xogos repasaremos os logros e a evolución do feminismo ata os nosos días. Porque o feminismo tamén pode ser divertido.

A cita da infancia co feminismo será o mércores 15 de marzo ás 18:30 h. na Biblioteca de Meicende “Antón Castro”, na parroquia arteixá de Pastoriza.

venres, 3 de marzo de 2023

“A historia en Feminino”, a visibilización das mulleres ao longo da historia, chega a Fisterra para conmemorar o 8M "Día Internacional da Muller"

Viaxamos ata o fin da terra, ao Concello de Fisterra, que dá nome á comarca, para contar "A historia en Feminino”, alí Ana Hermida fará un achegamento ao alumnado do Ceip Mar de Fóra das moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, deportistas, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. Actividade organizada pola Anpa Atalaia para que o alumnado celebre o fin de curso en igualdade.

Porque a invisibilización é un xeito de violencia de xénero, estaremos visibilizando mulleres borradas da historia no colexio fisterrán, para os grupos de infantil e primaria, o mércores 08 de marzo ás 11:30 h.

xoves, 2 de marzo de 2023

"Contando en feminino" en Santa Comba no 8M "Día Internacional da Muller"

O Concello de Santa Comba, na comarca do Xallas conmemora o 8M "Día Internacional da Muller”, con varias actividades, entre elas “Contando en Feminino” onde Ana Hermida contará historias desde a perspectiva de xénero e igualdade, para concienciar contra a violencia de xénero e o abuso infantil.

Será o mércores 08 de marzo ás 18:00 h. na Biblioteca Pública Municipal, situada na Casa da Cultura do Concello de Santa Comba.