martes, 28 de novembro de 2023

"Contando en feminino" en Caión, historias para loitar contra a violencia de xénero o 25N

Ana Hermida viaxará á Caión, vila da Costa da Morte pertencente ao Concello da Laracha, para contar historias desde a perspectiva de xénero e igualdade, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario, onde o final pode cambiar e a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Conmemoramos así o 25N "Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller".

A cita co feminismo será o xoves 30 de novembro ás 12:30 h. na Biblioteca, onde haberá dúas sesións para o alumnado de primaria do Ceip de Caión.

venres, 24 de novembro de 2023

"Contando en feminino" en Caión para o público máis miúdo no 25N

Ana Hermida viaxará á Costa da Morte para conmemorar o 25N "Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller" co alumnado de Educación Infantil do Ceip de Caión contra a violencia de xénero e o abuso infantil.

Será o xoves 30 de novembro ás 11:00 h. na Biblioteca do centro escolar.


luns, 20 de novembro de 2023

"Contando en feminino" en Compostela para conmemorar o 25N "Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller"

O Concello de Santiago de Compostela, para conmemorar o 25N, organizou unha ampla programación que inclúe “Contando en feminino”, actividade dirixida a todo tipo de público, onde Ana Hermida contará historias para concienciar na violencia de xénero.

Será o sábado 25 de novembro ás 19:00 h. no CSC do Castiñeiriño “Agustín Bueno”.

xoves, 16 de novembro de 2023

Conmemoramos o 25N "Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller" en Neda con "A historia en Feminino"

Hai moitos anos decidín que había que pasar á acción, naceron entón varios proxectos para concienciar no feminismo, loitar contra a violencia de xénero, o abuso infantil, visibilizar mulleres, etc. “A historia en Feminino” é un proxecto que leva moitos anos visitando concellos de toda Galicia, o público vai desde infantil, primaria, secundaria, bacharelato, público adulto... ata persoas con capacidades especiais. 

Todo esto nace do compromiso persoal e de crer firmemente no que fago. Cando vexo as reaccións do público penso... pagou a pena, esquezo daquela as horas roubadas ao sono, os moitos quilómetros percorridos, semento feminismo e vexo os resultados, é o mellor termómetro para comprobar que estes proxectos funcionan. Misión cumprida, grazas por tanto como recibo.

luns, 13 de novembro de 2023

Conmemoramos o 25N "Contando en feminino" ao alumnado das Escolas de Educación Infantil do Concello de Arteixo

Conmemoramos o 25N "Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller", coa actividade “Contando en Feminino” onde Ana Hermida contará, na súa terra arteixá, historias desde a perspectiva de xénero e igualdade, para concienciar contra a violencia de xénero e o abuso infantil.

A actividade, que está dirixida ao alumnado das Escolas de Educación Infantil de A Lagoa, Rorís e Larín de Arriba, terá lugar o venres 17 de novembro ás 11:00 h. na Biblioteca "Henrique Rabuñal" do Concello de Arteixo.

mércores, 8 de novembro de 2023

"A historia en Feminino", a visibilización das mulleres ao longo da historia, chega a Neda para conmemorar o 25N

O Concello de Neda, dentro da súa programación especial para conmemorar o 25N “Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller”, ten incluída “A historia en Feminino”, onde Ana Hermida fará un achegamento ao público infantil das moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia e que foron borradas da mesma. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, deportistas, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. 

Porque a invisibilización é tamén violencia de xénero, estaremos visibilizando mulleres no salón de actos da Biblioteca Pública do Concello de Neda, o martes 21 de novembro ás 18:30 h. 

Desexamos expresar todo o noso apoio á veciñanza nedense logo dos asolagamentos sufridos nestes días.