xoves, 7 de marzo de 2024

“A historia en Feminino”, a visibilización das mulleres ao longo da historia, chega ao Concello de Curtis para conmemorar o 8M "Día Internacional da Muller"

Iremos ao Concello de Curtis, na comarca de Betanzos, para contar "A historia en Feminino" e así conmemorar o 8M "Día Internacional da Muller", alí Ana Hermida fará un achegamento ao alumnado do Ceip de Teixeiro, das moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, deportistas, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. 

A cita co feminismo comezará ás 11:00 h. co grupo de infantil, ao que seguirá o de primaria, cunha actividade que terá lugar nas instalacións do colexio e que está organizada pola Anpa A Froula.

luns, 5 de febreiro de 2024

Celebramos o 11F en Teo contando "A historia en Feminino" na ciencia

Celebramos o 11F Día Internacional da Muller e a Nena na ciencia con “A historia en Feminino” onde Ana Hermida fará un monográfico sobre as mulleres no mundo da ciencia. Ao longo da historia as mulleres romperon barreiras e destacaron nun mundo de homes, foron moitos os seus logros no eido científico, tecnoloxía, informática, matemáticas, física, inventos... pero foron inxustamente invisibilizadas. Xa é hora de que se coñezan as súas vidas, os seus logros e crear referentes para apoderar as nenas e promover que se acheguen ao mundo marabilloso da ciencia, farémolo mediante historias, actividades e algunha sorpresa.

Será o mércores 21 de febreiro na biblioteca do Ceip Plurilingüe Os Tilos, do Concello de Teo. A cita coas nosas científicas comezará ás 10:00 h. e haberá varias sesións para o alumnado de 1º a 6º de primaria.