Contos

CONTANDO EN FEMININO
Historias contadas desde a perspectiva de xénero e igualdade, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario, onde o final pode cambiar e a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Contos tamén para concienciar e loitar contra o abuso infantil e a violencia de xénero. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

RIMANDO E XOGANDO
Un achegamento ao mundo dos poemas para o público infantil. Neste espectáculo contamos historias en verso, historias de risa, de medo, da natureza, de xogos, da fala, cantares de cego… historias e versos que ás veces tamén son cantados, historias unhas, con actividades para nenas e nenos e outras nas que interactúan coa contadora. Poemas axeitados á súa idade e que entenden perfectamente, pequenos xoguetes poéticos cheos de entretemento e diversión, desta maneira ese público tan especial sentirase atraído polos versos. 
CONTOS E LENDAS POPULARES
Espectáculo para o público infantil, baseado en contos, lendas... historias tradicionais e populares que fagan coñecer e entender moitas cousas as nenas e nenos. Os porqués, os encantos, historias de trasnos, de feitizos... tamén de temas históricos e de cabaleiros. Historias e lendas tradicionais con cancións populares para a infancia.  
CONTOS MOI NATURAIS
Contos enfocados a por en valor a natureza, a defensa do medio ambiente, contos que falan de contaminación, de incendios, do amor a natureza, aos animais… somos parte da natureza, somos naturais coma as árbores, a auga, os paxaros… xogando e contando, defendemos e concienciamos da importancia do noso hábitar, para así poder respectalo e coidalo debidamente. 
A HISTORIA EN FEMININO
Achegamento ás moitas, sobresaíntes e descoñecidas mulleres invisibilizadas ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, escritoras, músicas, deportistas… todas teñen cabida nesta historia en Feminino. A través de contos, curiosidades e xogos, visibilizamos mulleres, achegamos referentes para apoderalas e que teñan unha visión real da historia. 
MITOLOXÍA PARA XENTE MIÚDA
Historias de aventuras sobrehumanas de heroes lendarios, de deuses que dominaban a terra, contos cheos de fantasía. Mitos fantásticos de todo o mundo que chegaron ata os nosos días para que o público infantil medre coa fantasía dese mundo máxico que serviu aos nosos antigos para buscar explicacións ao descoñecido.
POLO MUNDO ADIANTE
Dende tempos moi remotos se teñen contado historias en todos os países do mundo. Viaxamos polos cinco continentes para contar historias de fadas, da natureza, de seres mariños, de adiviñas, de misterio, de risa… Contos, cancións e xogos populares que servirán para coñecer mellor a cultura e os costumes de cada país.
O MUNDO DOS NÚMEROS
O mundo dos números non é tan diferente do mundo dos seres humanos. Os números teñen vida propia. Todo cabe todo nestas historias tan divertidas como sorprendentes, hai números envexosos, xenerosos, familias de números moi peculiares, números que veñen doutros países… Non imos contar con eles, imos contar historias de todos eles.
FACEMOS AS PACES?
Contos para que a infancia medre nos valores da paz e non violencia, historias nas que está presente a resolución de conflitos e o respecto entre as xentes e os pobos do mundo. A través das diferentes historias de castelos, exércitos, animais… nenas e nenos coñecerán valores tan importantes como a paz, a solidariedade, a amizade…
HISTORIAS DE ÁFRICA
Os contos non coñecen de fronteiras, atravesan todos os países de África para traernos historias que falan de astucia, de enfrontamentos entre homes e seres fabulosos, de xustiza, de xenerosidade, contos que falan do papel da muller, que fan burla da estupidez… contos con mensaxe e sempre marabillosos, que nos farán coñecer mellor a alma do continente africano.
UN NADAL CHEO DE CONTOS
Poremos nos zapatiños de todas as nenas e nenos, contos feitos de maxia e ilusión. Cantaremos panxoliñas e contaremos historias que falan do sentido destas datas e que ás veces son divertidas, outras sorprendentes… contos de árbores de Nadal, de bonecos de neve, de Reis, de cousas imaxinadas e que, seguramente, algún día serán realidade.

PICARADAS
Os libros a estas idades son pequenos xoguetes que axudan a estimular os sentidos, espertar a imaxinación e recoñecer o seu pequeno mundo. Son persoas observadoras, imaxinativas e moi selectivas. Durante media hora teremos cancións, xogos, rimas… e historias para procurar que se acheguen ao mundo dos libros e ás súas primeiras lecturas.
SEN ETIQUETAS
Contaremos ás nenas e nenos historias para que aprendan a aceptar, respectar e comprender a identidade de cada persoa e amosar todos os afectos posibles entre os seres humanos, poñer ao seu alcance a diversidade de familias, todas elas válidas. A través dos contos tentamos visibilizar unha realidade e que a infancia medre na tolerancia e respecto.

TODO O MUNDO É NOSO
Achegaremos á infancia historias para axudar a derrubar todo tipo de barreiras (físicas, psíquicas, raciais, culturais…) e así dignificar a vida doutras persoas e a nosa propia. Os estereotipos de personaxes reflicten unha realidade, o obxectivo destas historias é mudar esa realidade e tentar concienciar á infancia na diversidade e a inclusión plena, porque todas as persoas somos únicas e diferentes.


NON CHE TEÑO MEDO
O conflito entre o ben e o mal está sempre presente nos contos de terror infantís e axuda a expresar as súas emocións e vencer os seus propios medos, contribuíndo a prepararse para a vida. Contaremos historias tenras, divertidas e duns medos moi particulares para que, mediante o entretemento, a infancia se enfronte aos temores e monstros que habitan os seus soños.
CÓNTAME OUTRA VEZ
Os contos clásicos son atemporais, máxicos e estimulan a imaxinación da infancia. Lobos, ogros, heroínas e animais con personalidade propia son personaxes que simbolizan o positivo e o negativo e que lles axudan a superar os seus conflitos. Contaremos para o público infantil contos de sempre para que nenas e nenos disfruten como nunca.

E LOGO POR QUE?
Contaremos historias máxicas que nos levarán por universos soñados e construídos á medida dunha fantasía propia da infancia. Visitaremos o mundo irreal dos contos e achegaremos a sabedoría irónica das palabras e argumentación absurda que fará as delicias de nenas e nenos, para dar resposta á curiosidade propia do público infantil mediante unha marabillosa enciclopedia inexistente.
FABULANDO
As fábulas son historias onde os protagonistas son animais e obxectos con características humanas. Con máis de dous mil anos de antigüidade, aínda hoxe son utilizadas para dar consellos e pautas a seguir, principalmente á infancia. Ante o público desfilarán historias para estimular a imaxinación de nenas e nenos, saber resolver problemas e superar dificultades.
ARTELLANDO HISTORIAS
A retina de cada persoa garda na súa memoria as imaxes da infancia, polo que mediante contos, curiosidades e xogos introduciremos ás nenas e nenos no máxico mundo da arte para espertar a súa sensibilidade e capacidade de observación. Estimularemos os diversos sentidos cunha arte á súa medida para favorecer a creatividade e darlle oportunidade de expresar a visión do seu mundo particular.
AUDIO HISTORIAS
Inventaremos personaxes que habiten mundos imaxinarios e ambientaremos historias que contaremos en público, como no teatro, aprendendo o valor de escoita e do silencio. Contaremos coa nosa voz paisaxes sonoras, obras de ficción, poemas… e que o público poida velas cos ollos pechados. Usaremos: expresión, dicción, entoación, músicas, efectos… para enriquecer e adornar as nosas audio historias.
SABÉNDOTE, ROSALÍA
Coa inocencia propia da infancia, unha Rosalía aínda nena, irá debullando a súa vida entre versos, cancións e soños. Quen mellor que Rosalía para facelo? Moito se ten escrito da nosa poeta, pero aínda non está todo dito. É este un achegamento ao mundo infantil da Nai das nosas letras, a Rosalía defensora da muller, da súa terra, unha Rosalía reivindicativa, divertida…Primeira obra de teatro infantil sobre Rosalía.

ANIMALANDIA
Nestas historias de animais, nenas e nenos poderán descubrir a esquíos, gatos, coellos, porcos, raposos, cans… con características moi especiais e que posúen as mesmas calidades e defectos que teñen as persoas: inxenuas, engreídas, amables, ariscas, medorentas, pícaras, valentes… Son animais humanizados, do mesmo xeito que a súa contorna, as súas casas e as súas aventuras. 

CONTADAS NA SÚA VOZ
Rendemos unha merecida e sentida homenaxe ás mulleres e homes que crearon ás máis fermosas historias de todos os tempos. Repasaremos e sacaremos á luz a súa biografía e reivindicaremos a súa obra. Serán historias contadas, na súa voz e coa nosa palabra, dunha literatura que levan disfrutado lectores dende hai anos, ata converterse nos clásicos de hoxe.

UN ROTEIRO CHEO DE HISTORIAS
Os espazos que andamos cada día agochan segredos que convén coñecer, tamén o entorno natural está cheo de contos que iremos narrando nun percorrido cheo de historias da historia, lendas fascinantes, curiosidades e personaxes que gardamos na mochila para todas as nenas e nenos que se acheguen a facer este roteiro con nós, atréveste?
ORIENTE MÁXICO
Queres que che conte unha historia extraordinaria e marabillosa? Viaxaremos a un mundo onde evocaremos ese lugar máxico onde todo é posible. Haberá historias de aventuras, mulleres intelixentes que vencen a brutalidade do rei, piratas, xenios, xigantes… De Persia a Exipto, da India ao Magreb, a forza da palabra sempre pode salvarnos das situacións máis complicadas. 
A MEMORIA EN FEMININO
Estimular a memoria durante a infancia é fundamental para o seu desenvolvemento. A través de contos, actividades e xogos recuperaremos a memoria das mulleres, a infancia coñecerá personaxes e pasaxes da historia feminina chea de desigualdades e inxusto silencio. Sacaremos do esquecemento ás mulleres para que sigan vivas na nosa memoria.
ECOS DO TEMPO
Faremos unha viaxe na máquina do tempo, que nos transportará ás distintas épocas e culturas da historia, para coñecer personaxes fascinantes, curiosidades sorprendentes… queres saber que? como? por que? quen? cando? atrévete a atravesar o tempo comigo e atoparás todas esas respostas. Quen dixo que a historia non era divertida?
CONTOS MOLLADOS 
Imos navegar por continentes perdidos, viaxaremos en barcos pantasma, atoparémonos con naufraxios, piratas, monstros mariños, sereas…contaremos historias das divindades mariñas e habitantes do fondo do mar. Atraca neste peirao dos contos mollados e descubrirás as marabillas que se ocultan máis aló dos límites do descoñecido.
TECENDO SOÑOS 
Hai libros grandes, pequenos, libros de aventuras, de viaxes, de animais… libros que nos fan vivir situacións e momentos irrepetibles. Os libros espertan a nosa imaxinación e fan que nos sintamos protagonistas da historia. Celebramos o Día do Libro tecendo soños, levando ilusión ao público infantil coas máxicas historias que se agochan nos libros. Convídote a soñalas.
FEMINISTORIAS 
A infancia coñecerá, dun xeito divertido e ameno, a historia que non está nos libros de texto, a das nosas avoas e bisavoas que ergueron a voz e loitaron para cambiar o mundo. Nenas e nenos tenden a sentirse protagonistas das historias, polo que lles achegaremos referentes moi coidados e mediante contos, curiosidades e xogos repasaremos os logros e a evolución do feminismo ata os nosos días. Porque o feminismo tamén pode ser divertido.
PITUSIÑA 
Pitusiña é unha nena arrichada que sinte o galego, pensa, fala e xoga en galego. "Fala ben, así non se di..." Está farta de que sempre lle digan cousas que non entende e decide facer unha viaxe no tempo pola nosa historia onde descubrirá personaxes moi interesantes que lle farán comprender moitos porqués. Unha viaxe á que vos convida, queredes acompañala? Espectáculo de monicreques e actriz.

NADAL NO MUNDO

Viaxaremos ao redor do mundo para contar historias de diferentes países e culturas e así coñecer os seus costumes, cancións, etc. Haberá contos divertidos, emotivos; coñeceremos curiosidades, as orixes de moitas tradicións e das personaxes propias desta época máxica. É tempo de ilusión, de compartir, de contos e de máscara.

Ningún comentario:

Publicar un comentario