sábado, 9 de xuño de 2012

Homenaxe ás escritoras e escritores de Galicia no "FArtAr" de Arteixo

Ana Hermida estivo no Festival Arteixán de Arte na Rúa (FArtAR) facendo unha homenaxe ás mulleres e homes galegos da escrita. Poemas, cancións, teatro, monólogos e contos foron os medios que usou a actriz arteixá para visibilizar o gran talento que temos en Galicia e levar a cultura a pé de rúa. O público respondeu moi gratamente e mesmo, tal e como se observa na imaxe, cando estaba recitando a Bernardino Graña, quedou escoitando os versos do poeta do mar baixo a choiva, foi daquela cando baixou do escenario e mesturándome coa xente que se resgardaba baixo os paraugas, recitou os versos de Graña, enchoupada e baixo as olladas cómplices da cidadanía arteixá. Grazas.


luns, 4 de xuño de 2012

Estaremos no "FArtAR", a festa da cultura en Arteixo

Na vindeira fin de semana celebrarase en Arteixo a segunda edición do “FArtAR” Festival Arteixán de Arte na Rúa, con varias disciplinas que encherán os espazos públicos arteixáns de cultura. O Concello de Arteixo organiza este festival e entre as persoas convidadas a participar está Ana Hermida, polo que poesía, teatro, contos e monólogos estarán representados pola actriz arteixá, que levará a cultura á súa terra.